Aprender e servir dende a Universidade
Presentación
A situación das persoas migrantes e refuxiadas en Europa segue necesitada de urxente atención e proactiva intervención en termos do maior benestar posible ante circunstancias difíciles. Nese senso, as universidades amosaron o seu potencial mobilizador de recursos adecuados no seu seo, e tamén mediante a súa relación con significativas axencias sociais, económicas e culturais.
Estamos convencidos, por iso, da oportunidade que supón este Congreso na Cidade de Compostela os próximos 10 e 11 de xullo deste 2025. Do que se trata é de poñer en valor, xunto a edificantes políticas educativas na educación superior, aquelas prácticas ou proxectos deseñados e levados a cabo en diferentes universidades, coa estreita colaboración de entidades do terceiro sector, pensando na inclusión de persoas migrantes e refuxiadas no territorio da Unión Europea ou noutras demarcacións.
Para viabilizar ideas propositivas arredor de tan actual como complexa cuestión, privilexiamos dinámicas susceptibles de conectar dimensións académicas e sociais nunha perspectiva comunitaria. Razón suficiente para ver nas metodoloxías de innovación educativa que promoven un 'compromiso situado' (entre elas, a aprendizaxe-servicio) unha vía efectiva para o desenvolvemento de competencias de alto valor cognitivo, ético e cívico.
Miguel A. Santos Rego
Presidente do Comité Organizador
