Ir o contido principal

Acabar coa fenda dixital

O Fondo Supera COVID-19 poderá outorgar tamén financiamento adicional a proxectos de investigación. FOTO: Santi Alvite
O Fondo Supera COVID-19 poderá outorgar tamén financiamento adicional a proxectos de investigación. FOTO: Santi Alvite
A USC impulsou a través do Fondo Supera COVID-19 un plan propio co que dotar de equipamento informático ao seu alumnado para garantir a equidade na actividade docente non presencial
Lugo, Santiago de Compostela

A USC dotou de equipamento informático e de conexión a servizos de rede a todo o alumnado que o precisase por mor da crise do coronavirus. A través do Fondo Supera COVID-19, impulsado polo Banco Santander, CRUE e CSIC, a Universidade compostelá deseñou un proxecto co que dar resposta ao colectivo de estudantes que se atopan dentro da denominada fenda dixital coa intención de buscar solucións tecnolóxicas estandarizadas. Fortalecer a actividade docente non presencial en condicións de equidade para todo o estudantado constituíu o obxectivo principal desta iniciativa da que o Fondo COVID-19 financiou o 90%, mentres que o resto cubriuse con recursos propios. Deste xeito, os mozos e mozas que o solicitaron teñen acceso ata o mes de xullo a 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos. Ademais, a USC cofinanciou o acceso á Rede do alumnado a través de tres convocatorias dotadas con 60.000 euros cada unha. A última delas, mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 19 de xuño. Preto de 2000 persoas téñense beneficiado xa desta iniciativa.

Por outra banda, a Universidade tamén acaba de presentar ante o Fondo un proxecto de Teleformación no Sistema Universitario Galego xunto coas universidades da Coruña e Vigo. Este proxecto aborda unha serie de actuacións orientadas a prolongar unha situación de docencia non presencial non só ata o final deste curso académico, senón que quere definir asemade accións que permitan preparar situacións de excepcionalidade no curso 2020-2021. As actuacións abarcan os eidos da ciberseguridade, teleformación e atención ao usuario.

Ante a situación crítica motivada pola COVID-19, o Banco Santander, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as universidades españolas coas que o Santander ten subscrito un convenio de colaboración, como é o caso da USC, construíron o Fondo Supera COVID-19, dotado con 8,5 millóns de euros. Esta actuación de mecenado está dirixida a financiar medidas de apoio ao ámbito universitario para minimizar o impacto da crise provocada polo coronavirus nos eidos sanitario, educativo e social. CRUE Universidades Españolas xestiona a convocatoria aínda en curso.

Investigación

O Fondo Supera COVID-19 poderá outorgar tamén financiamento adicional a proxectos de investigación sobre o virus SARS-COV-2 que xa obtiveran financiamento en convocatorias competitivas de axencias ou institucións a nivel estatal ou internacional, e que estean actualmente en desenvolvemento; alén de contemplar o financiamento de proxectos novos. Neste eido, a USC ten solicitado un proxecto para a Produción de Xel Sanitizante (SANIGEL) en colaboración coa Universidade de Granada e a Politécnica de Valencia. O obxectivo do proxecto é dotarse de tres equipos automatizados de produción para dar servizo tanto ás propias universidades de cara a dispor das medidas hixiénicas indispensables de cara á volta da presencialidade; como para ter unha infraestrutura dispoñible para os Servizos Públicos de Saúde de Galicia, Andalucía e Valencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2020.