O alumnado universitario poderá botar man da Rede CeMIT para acceder á avaliación en liña

USC, UDC e UVigo acaban de asinar un convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para facilitar ao alumnado universitario que o precise a realización de probas de avaliación en liña dende a Rede CeMIT, integrada por 98 aulas e presente en 53 comarcas galegas. O acordo, xurdido a petición das universidades, ten como obxectivo que o alumnado que teña dificultades para examinarse de modo virtual dende os seus fogares, poda facelo grazas á conexión destas aulas, entre o 1 de xuño e o 31 de xullo de 2020.
O convenio pon a disposición da comunidade universitaria, as aulas daquelas entidades locais que previamente presenten o seu compromiso ante a FEGAMP para participar nesta iniciativa. A partir de aí, os centros poderán empregarse como punto de conexión para realizar os exames en liña e contarán ademais co asesoramento e axuda para a correcta conectividade dos axentes TIC.
As universidades galegas serán as encargadas de articular e trasladar ao alumnado o procedemento e protocolo para facer uso da Rede CeMIT para a realización dos seus exames. O alumnado interesado terá que inscribirse previamente como usuario/a da Rede, a través da web https://cemit.xunta.gal/ e reservar praza na aula da localidade do seu interese cunha semana de antelación, alén de agardar a confirmación pertinente.
No portal da Rede estará dispoñible e permanentemente actualizada a relación de aulas nas que se poderán realizar os exames, que neste momento son 35. Desde os concellos, procederase en todo momento ao cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención e hixiene vixentes, as cales aplicaranse en todas as aulas destinadas a este fin.
Aulas de Informática especialmente acondicionadas e hixienizadas
Nesta mesma liña, e para facilitar a realización de probas telemáticas a aquelas persoas que así o necesiten, a USC ofertará o acceso a Aulas de Informática especialmente acondicionadas e hixienizadas en Santiago e Lugo para que estean dispoñibles durante o período de avaliación. Neste sentido, a USC analizou o calendario de exames para, mantendo o día programado, facer una distribución das horas e quendas máis pertinente e apropiada a cada caso.
A USC adoptou dende o primeiro momento medidas para garantir o acceso igualitario de todo o seu alumnado á docencia virtual así como á avaliación en liña. No marco das accións de apoio desenvolvidas durante a crise da COVID-19, a USC impulsou un programa de préstamo de material informático coa finalidade de garantir que os mozos e mozas con dificultades económicas e que carezan dos medios precisos para o seguimento da docencia virtual, podan acceder á mesma, así como á correspondente avaliación. En total, a institución puxo a disposición do seu alumnado 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos. Asemade, estableceu unha liña de axudas para sufragar os gastos derivados da conexión á Rede.