Ir o contido principal

A USC traza un plan para pór a disposición do alumnado espazos en toda Galicia de cara ao período de avaliación

Imaxe de arquivo do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
Esta iniciativa súmase ás axudas de co financiamento dos custes de acceso a internet e a unha próxima convocatoria para o préstamo de equipamento informático
Lugo, Santiago de Compostela

Ás preto de mil axudas de cofinanciamento concedidas a pasada semana para facilitar os custos de acceso do alumnado a servizos de internet, a USC suma estes días unha segunda convocatoria cuxo prazo de solicitude estenderase ata o vindeiro 15 de maio. Ademais, a Universidade de Santiago traballa agora na definición dunha nova convocatoria dirixida a alumnado para o préstamo de equipamento, tanto de ordenadores portátiles como de equipos router MiFi con paquete de datos.

Paralelamente, o reitor Antonio López estableceu contactos coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para poder dispor das aulas dos Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (rede CEMIT), así como doutras instalacións (centros culturais e bibliotecas). O obxectivo é facilitar ao alumnado que o precise espazos específicos para acceder ás probas telemáticas dende as súas vilas de procedencia, ou outras que estean próximas, que aseguren unha infraestrutura tecnolóxica para o acceso.

Nesta mesma liña, e para facilitar a realización de probas telemáticas a aquelas persoas que así o necesiten, a institución docente ofertará o acceso a Aulas de Informática especialmente acondicionadas e hixienizadas en Santiago e Lugo para que estean dispoñibles durante o período de avaliación. Neste sentido, a USC está a analizar o calendario de exames para, mantendo o día programado, facer una distribución das horas e quendas máis pertinente e apropiada a cada caso.

Ademais destas propostas, a Universidade de Santiago creará unha Unidade de Asesoramento para Probas Telemáticas con persoal do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe da USC (CeTA), da Área TIC e da Secretaría Xeral cuxa misión será potenciar a formación e asesorar ao persoal docente nos diversos aspectos de desenvolvemento técnico e normativo das probas telemáticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2020.