Ir o contido principal

Novas axudas para o desenvolvemento da docencia virtual

Para a concesión destas axudas, a USC destinará un total de 60.000 euros. FOTO: Santi Alvite
Para a concesión destas axudas, a USC destinará un total de 60.000 euros. FOTO: Santi Alvite
Poderán solicitarse ata o 15 de maio. Dende o inicio da crise pola COVID-19, esta é a segunda convocatoria dunha iniciativa da Universidade da que xa se beneficiaron preto de 800 persoas
Lugo, Santiago de Compostela

Cofinanciar os servizos de internet para o alumnado coa finalidade de que poida acceder ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica, é a finalidade das axudas que acaba de convocar a USC. A través da resolución reitoral publicada este mércores, a Universidade farase cargo do 90% do gasto realizado pola persoa beneficiaria ata un máximo de 40 euros por persoa. O período subvencionable abarcará o gasto realizado desde o 16 de abril e o 15 de maio.

As persoas que queiran solicitar a axuda deberán estar matriculadas nunha titulación oficial de grao ou mestrado no curso 2019-2020. A presentación de solicitudes farase a través da Sede Electrónica da USC, empregando o formulario normalizado de solicitude dispoñible na convocatoria e dirixido á Xerencia da USC. O prazo de presentación de solicitudes contará desde o día seguinte da publicación no Taboleiro Electrónico e rematará o 15 de maio de 2020.

Para a concesión destas axudas, a USC destinará un total de 60.000 euros. Estas son as segundas axudas convocadas pola Universidade no marco da crise pola COVID-19 logo das xa publicadas a finais do pasado mes de marzo e cuxa resolución fíxose pública a semana pasada para preto de 800 persoas beneficiarias que xa están a recibir o correspondente pagamento. As consultas sobre a convocatoria ou a presentación de solicitudes dirixiranse á Oficina Virtual de Atención da USC a través do enderezo electrónico estudantado.oficinavirtual [at] usc.gal (estudantado[dot]oficinavirtual[at]usc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2020.