Ir o contido principal

A nova Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias reforza o compromiso da USC coa innovación agroalimentaria

Visita das autoridades á nova sede da APLTA da USC
Visita das autoridades á nova sede da APLTA da USC
O reitor Juan Viaño chama á colaboración de institucións e industrias na inauguración da planta piloto do sector lácteo mellor dotada de España e de Latinoamérica

A posta en marcha das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, a planta piloto do sector lácteo mellor dotada de España e de Latinoamérica que conta con dotacións e equipamentos tecnolóxicos de vangarda entre os que están practicamente todas as tecnoloxías para a elaboración de produtos lácteos a escala semi-industiral, constitúe un novo impulso a través do que a USC colaborará coas industrias agrarias e alimentarias no desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas.

A inauguración das novas instalacións coincide tamén co comezo dunha nova etapa dun centro universitario de I+D+i nado hai preto dun cuarto de século con vocación docente e de servizos, segundo indicou este luns o reitor da USC. Juan Viaño sinalou que esta nova etapa trae un cambio de denominación da estrutura organizativa da primitiva Aula de Produtos Lácteos. A denominación de Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias denota a pretensión da USC por ampliar as liñas de traballo deste centro, alén do sector lácteo, a outros ámbitos do sector agroalimentairo, a fin de facer así máis competitivas ás empresas e tamén aos sectores produtivos relacionados, en aras de favorecer o progreso social e económico do país, explicou Viaño. A USC asume a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias como un proxecto singular que vai gozar dun decidido apoio institucional para facer desta plataforma tecnolóxica un dos faros que iluminen o futuro do Campus Terra, sinalou Viaño. O reitor da USC engadiu que o proxecto de especialización para campus de Lugo denominado Campus Terra e desenvolvido en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, aspira a facer de Lugo un referente do coñecemento do sector agroalimentario. A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou no acto de inauguración das novas instalacións universitarias que a “Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC está chamada a ser un eslabón importante no futuro do sector lácteo galego, tanto no desenvolvemento de novos produtos que satisfagan a demanda da sociedade como para o abastecemento de lácteos e derivados no mercado nacional e a conquista de novos mercados con alta demanda de produtos lácteos, como o son China, Asia e o Magreb”. A desaparición do sistema de cotas de produción no ámbito europeo abre novas oportunidades para o sector lácteo, un contexto diferente no que a APLTA está chamada a ser unha peza clave, sinalou Quintana, para logo precisar que Galicia lidera a produción de leite en España, onde se consumen nove millóns de toneladas de leite e derivados, mentres só se producen seis. Estes datos indican que hai marxe para poder traballar e tamén temos potencial tecnolóxico para facelo, dixo. Nesta mesma liña de colaboración coa APLTA, a subdirectora Xeral de Control e de Laboratorios Alimentarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Cristina Clemente Martínez, trasladou os seus parabéns á USC pola posta en marcha destas instalacións de vangarda. Clemente Martínez destacou tamén a proximidades da sede da APLTA coa do Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal) como un feito que posibilitará “optimizar sinerxias e coñecementos no marco do clima de colaboración que se está a dar”. A subdirectora Xeral de Control e de Laboratorios Alimentarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente manifestou nese senso o seu desexo de que frutifique o proxecto dun estudo de calidade do leite en consumo, promovido polo Cetal e en cuxo desenvolvemento tería un cometido importante a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC. A apertura das novas instalacións da APLTA da USC, cuxa superficie triplica as existente no anterior emprazamento, coincide cunha reforma da estrutura organizativa do centro e coa ampliación das potenciais liñas de traballo, segundo indicou o director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Agroalimentarias. Enrique Arbones, que sucede no cargo a Juan Méndez Dónega, sinalou docencia, investigación, desenvolvemento de novos produtos, asistencia a empresas e institucións e formación como campos de traballo da APLTA. Acto concurrido O acto de inauguración das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC congregou no polígono lugués de Sanfiz, onde ten a sede este centro universitario, un nutrido grupo de representantes políticos, entre os que estaban o alcalde en funcións do Concello de Lugo, José López Orzoco, a vicepresenta en funcións da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e, entre outros o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo. A comunidade universitaria tamén estivo amplamente representada neste acto, presidido polo reitor da USC e ao que tamén asistiron os vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, respectivamente, así como a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez Moldes. O ex reitor da USC Juan Casares tamén asistiu a esta celebración inaugural, na que tamén se deron cita os directores e decanos dos centros universitarios lugueses, así como unha ampla representación de docentes e investigadores do campus, ademais de representantes de diversas industrias do sector agroalimentario. Viaño descubre unha placa na entrada da nova sede da APLTA da UCS

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2015.