Ir o contido principal

Un congreso internacional mostra o potencial das universidades diante dos desafíos e oportunidades que presentan as migracións e o refuxio

A inauguración presidiuna este mércores o reitor da USC, Antonio López, e contou tamén coa participación da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, ademais do conselleiro Román Rodríguez, a decana Mar Lorenzo e o director xeral de ACCEM, Enrique Barbero. Foto: Santi Alvite
A inauguración presidiuna este mércores o reitor da USC, Antonio López, e contou tamén coa participación da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, ademais do conselleiro Román Rodríguez, a decana Mar Lorenzo e o director xeral de ACCEM, Enrique Barbero. Foto: Santi Alvite
O encontro desenvólvese na Facultade de Ciencias da Educación

A situación das persoas migrantes e refuxiadas en Europa segue a necesitar de atención urxente e intervención proactiva para garantir o maior benestar posible ante circunstancias difíciles. Diante desta situación, tal e como manifesta o grupo Esculca da USC, as universidades mostraron o seu potencial mobilizador de recursos e tamén reforzaron a súa relación con significativas axencias sociais, económicas e culturais.

Para pór en valor ese papel das institucións de educación superior, as prácticas e proxectos deseñados e postos en marcha con estreita colaboración con entidades do terceiro sector, esta semana desenvólvese na Facultade de Ciencias da Educación o Congreso internacional sobre ‘Migracións e refuxio en Europa: Aprender e servir dende a universidade’, que ata o 11 de xullo reúne máis de 150 especialistas e representantes de entidades sociais para analizar os desafíos e oportunidades que presentan as migracións e o refuxio no contexto europeo actual.

Este é un evento organizado polo grupo de investigación Esculca como peche do programa Erasmus + ‘Mobilising university-community resources through SL(M) for the inclusion of migrants/refugees (APs(M))’.

O acto inaugural do Congreso presidiuno este mércores o reitor da USC, Antonio López, e contou tamén coa participación da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz; do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; o director xeral de ACCEM, Enrique Barbero Rodríguez; a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Mar Lorenzo Moledo; e o presidente do Comité Organizador do Congreso, Miguel A. Santos Rego.

Logo da apertura, o programa deu comezo coa intervención da ministra Elma Saiz Delgado, que pronunciou a conferencia 'A política migratoria de España no concerto europeo'. A ela seguiulle un panel sobre a Universidade e a Unión Europea ante o desafío educativo da inclusión e a presentación do Grupo de Voluntarias e Voluntarios de Resposta Rápida da USC.

A sesión do mércores prosegue con outro panel de persoas expertas sobre a sociedade civil e o coidado de persoas migrantes e refuxiadas en Europa e unha conferencia da directora xeral da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), Mónica López Martín, que explicará a acción en favor das persoas refuxiadas desde a Educación Superior.

No desenvolvemento do programa participarán representantes académicos de diversas universidades europeas (Universidade do Porto, Ludwig-Maximilians-Universität, Università di Verona e University of Galway), ademais da USC e da UNED, xunto con representantes de entidades do ámbito social como ACCEM, Glocal Factory ou Buurtcampus. Tamén está prevista a participación de Corinna Ullrich, responsable da Dirección Xeral de Migración e Asuntos de Interior (DG HOME) da Comisión Europea, e Graine O’Hara, representante de ACNUR en España e Andorra.

O evento, no que tamén se presentarán numerosos traballos científicos para dar maior visibilidade a este fenómeno, pretende conformarse como un espazo de encontro, debate e diálogo entre axentes comunitarios e as institucións de educación superior, promovendo a transferencia de coñecemento e o compromiso social da universidade diante dun dos retos máis significativos do noso tempo.

O congreso congrega en Ciencias da Educación máis de 150 persoas. Foto: Santi Alvite
O congreso congrega en Ciencias da Educación máis de 150 persoas. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2025.