“A distancia de seguridade é importante mantela sempre, levemos ou non levemos máscara”

A USC retoma a docencia o luns 21 de setembro a través dun réxime de presencialidade segura suxeito a estritas medidas de seguridade por mor da pandemia da COVID-19. O uso da máscara vólvese obrigatorio en calquera dependencia da Universidade, medida que se suma á indispensable distancia social. “A distancia de seguridade é importante mantela sempre, levemos ou non levemos máscara”, destaca o epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna. Neste contexto, resulta indispensable o exercicio da responsabilidade individual para o coidado do colectivo e poder desenvolver a actividade académica coa maior normalidade posible.
No caso de padecer algún síntoma compatible coa COVID-19, “se estamos fóra da Universidade, debemos chamar ao teléfono de atención á COVID-19 (900 400 116), ao 061, ou ao noso centro de atención primaria e seguir as instrucións recibidas”, explica Caamaño. “Ao tempo, debemos poñer esta circunstancia en coñecemento da USC á maior brevidade posible, a través do teléfono COVID (881 811 111)”, sinala o epidemiólogo, quen matiza que “se estamos na Universidade, debemos illarnos no espazo COVID do centro. Alí recibiremos instrucións de como actuar”. En ningún caso se pode abandonar o centro universitario en cuestión sen pasar polo espazo COVID e recibir as instrucións oportunas. Por responsabilidade individual e como medida de auto protección, non se debe acudir ao centro no caso de presentar algún tipo de sintomatoloxía compatible coa enfermidade. “A condición de PCR negativo ou positivo será comunicada polo sistema sanitario, quen nos indicará como actuar”, lembra.
Á entrada da aula, o alumnado dispón de xel sanitizante de obrigado uso. Os postos que se poden empregar estarán sinalados e numerados a unha distancia de 1,5 metros, debendo empregar cada persoa sempre o mesmo lugar. Unha vez sentada cada persoa, debe entrar na Secretaría Virtual, onde terá unha opción para rexistrar a súa presenza nesa materia, nesa aula, no número de asento que ocupe. Esta medida non ten efectos académicos. O obxectivo é garantir que as autoridades sanitarias poidan rastrexar posibles positivos por COVID-19. A limpeza e desinfección nos centros refórzase e, ademais, nos corredores do centro haberá kits de autolimpeza con desinfectante e papel para que se poida, en calquera momento, proceder á desinfección do posto que se ocupe.
Contacto cun positivo
“Se tiven contacto estreito cun positivo, é dicir, estiven a unha distancia menor de dous metros durante máis de quince minutos e non me chamaron dende as autoridades sanitarias, debo poñerme en contacto co teléfono da COVID ou pedir cita telefónica co meu médico e esperar indicacións”, advirte Caamaño. “Mentres non me chamen, se son estudante, debo auto illarme”, matiza. No caso de ter tido relación cun contacto dun positivo, a recomendación é estar atento a que ese contacto non se converta nun caso real.
Compartir material e tempo de ocio
Na medida do posible, o alumnado debería acostumarse a non compartir o seu material de traballo cos compañeiros e compañeiras como pode ser o caso de bolígrafos ou apuntamentos, recomenda Caamaño. Tamén resulta acaído modificar as pautas de interacción social e adquirir novos hábitos máis seguros. “Debemos evitar espazos pechados e aglomeracións. A distancia social debemos mantela sempre, tendo en conta que os ambientes ao aire libre son moito máis seguros”, explica o profesor da USC.
Vacina contra a gripe
Os grupos de poboación para os que está indicada a vacinación da gripe non cambiaron. “A vacinación da gripe está indicada para as persoas con alto risco de sufrir complicacións en caso de padecer gripe e as persoas en contacto con estas xa que poderían transmitírllela. Ademais tamén está indicada para o persoal das forzas e corpos de seguridade do estado, bombeiros, protección civil e outro persoal de servizos esenciais”, sinala Caamaño. Neste contexto de pandemia COVID é mais importante que nunca insistir na importancia de vacinarse e novamente na responsabilidade individual para, na medida do posible, evitar a propagación do virus.