Ir o contido principal

Filoloxía reúne nun congreso internacional destacados especialistas para avanzar en lingüística contrastiva

Filoloxía reúne nun congreso internacional destacados especialistas para avanzar en lingüística contrastiva
Filoloxía reúne nun congreso internacional destacados especialistas para avanzar en lingüística contrastiva

Xermanistas e romanistas especialistas en tipoloxía lingüística, gramática, lingüística contrastiva así como ensinanza e didáctica de linguas estranxeiras danse cita esta semana na USC no congreso internacional ‘Gramática Contrastiva en contexto europeo: teoría, métodos e aplicacións’. Os resultados dos estudos de carácter contrastivo teñen aplicación en diferentes ramas e ámbitos do saber como, por exemplo, a elaboración de dicionarios ou materiais para a aprendizaxe de linguas estranxeiras. Pero ademais estes estudos poden reverter nos ámbitos da tradución e a interpretación ou nas Ciencias SociaIs e Políticas xa que contribúen a un maior coñecemento de diferentes culturas, pensamentos e sociedades. Conscientes da súa importancia e da necesidade dunha posta en común das últimas investigacións neste campo, os días 2 e 3 de outubro na Facultade ten lugar este encontro, organizado no marco dunha colaboración científica bilateral entre o Institut für Deutsche Sprache de Mannheim (Alemaña) e o proxecto PORTLEX, liderado por María José Domínguez, da Universidade de Santiago de Compostela. O congreso pretende dar cabida á análise de diferentes métodos e procedementos descritivos na lingüística monolingüe, contrastiva e multilingüe á vez que estudar fenómenos lingüísticos e conceptuais en diferentes linguas románicas e o alemán. En definitiva, explica a profesora Domínguez, “facer confluír estudos contrastivos, monolingües, multilingües, tipolóxicos e cognitivos, todo baixo o prisma das novas tecnoloxías e a didactización do coñecemento teórico. As organizadoras–María José Domínguez e Silvia Kutscher e Angelika Wöllstein (do Institut für Deutsche Sprache de Mannheim)– puxeron especial empeño na participación do alumnado e de novos investigadores nas diferentes actividades deste encontro científico, propiciando que poidan presentar os seus traballos ante especialistas europeos e participar nun workshop sobre novas tecnoloxías para a aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2014.