Financiamento “estrutural e basal”, peza chave para a investigación
“Estrutural e basal”, así debería ser o financiamento da investigación para desenvolver unha estrutura estable e, no caso da USC, fortalecer a súa rede de centros de referencia con carácter permanente. Así o manifestou o reitor Antonio López que este mércores realizou, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, unha visita ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Antonio López avogou pola convivencia entre o actual sistema de financiamento por proxectos cun sistema que outorgue maior estabilidade. Neste senso, lembrou que a USC deu un paso pioneiro no sistema universitario español ao permitir o desenvolvemento da carreira investigadora a través dun novo marco laboral para o seu persoal investigador e de apoio á investigación.
Pola súa parte, o conselleiro tomando como exemplo a evolución da rede de centros singulares da USC gabou o salto cualitativo do CiMUS pola relevancia da súa investigación alén de abrila “a proxectos internacionais e captar talento para que desenvolva en Galicia o seu traballo”.
A visita produciuse logo de que a Xunta de Galicia consensuase coas tres universidades galegas o reparto dos fondos COVID estatais que lles corresponden, un total de 10,9 millóns de euros que se suman aos 3 millóns de fondos propios que outorga a Administración autonómica. En total, a USC recibirá máis de 4,2 millóns de euros para loitar contra o coronavirus.
Paliar gastos adicionais
O criterio de reparto acordouse nunha xuntanza entre as consellerías de Educación e Facenda cos equipos reitorais das tres universidades. En concreto decidiuse empregar como base da distribución o número de alumnado de grao e máster de cada universidade. O gasto baséase en programas aos que se deben axustar as propostas das universidades, estruturadas en tres áreas: melloras sanitarias, dixitalización e actuacións en infraestruturas.
Estes fondos adicionais teñen como obxectivo paliar este sobresforzo económico, en beneficio da seguridade sanitaria das universidades públicas galegas, tendo en conta os gastos adicionais nos que tiveron que incorrer, que son imprevistos pero imprescindibles para manter a calidade da oferta académica e da investigación.
Asemade, a Administración autonómica acaba de resolver a primeira convocatoria do Programa de Atracción e Retención do Talento en virtude do cal a USC contará con catro científicos, dos cales dous desenvolverán o seu traballo no Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías (IGFAE), mentres que un estará no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e outro no Departamento de Filoloxía Galega da USC.