Formalizado o convenio para a contratación de 53 prazas de profesorado axudante doutor na USC
As tres universidades galegas, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e as Consellarías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Facenda e Administración Pública asinaron este mércores o convenio para a posta en marcha do Programa María Goyri de incorporación de talento docente e investigador ás universidades públicas españolas. No acto participaron os conselleiros Román Rodríguez e Miguel Corgos; o secretario de Estado Juan Cruz; o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González; e os reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa e Ricardo Cao, respectivamente.
Segundo o acordado, contrataranse 166 profesores axudantes doutores no conxunto das tres universidades públicas galegas, que ata 2030 serán cofinanciadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e polo Goberno galego e a partir dese ano o pagamento dos salarios destes docentes correrá de xeito exclusivo a cargo da Xunta.
Dese total de prazas, á USC correspóndenlle 53, á Universidade de Vigo 64 e á da Coruña 49, que as deberán crear antes da fin do curso 2027-2028. O obxectivo deste programa é reducir a temporalidade do profesorado universitario, ámbito no que as tres universidades públicas galegas están moi avanzadas, cuns dos cadros de persoal máis estabilizados do Estado.