Ir o contido principal

Industrias culturais e prevención de incendios, eixos chave para a USC no desenvolvemento internacional de capacidades

Os dous proxectos que serán executados por consorcios liderados pola USC están dotados, en total, con máis dun millón de euros. FOTO: Santi Alvite
Os dous proxectos que serán executados por consorcios liderados pola USC están dotados, en total, con máis dun millón de euros. FOTO: Santi Alvite
A Universidade coordina a través do programa Erasmus + K2 os proxectos Yucunet e FacingFire, sendo este último o proxecto mellor cualificado de España
Lugo, Santiago de Compostela

Os proxectos da USC Yucunet e FacingFire  nacen para contribuír ao impulso do proceso de modernización e internacionalización das organizacións ou institucións.  A través do programa Erasmus + K2, a Universidade coordinará estas dúas investigacións e será socia participante en oito máis, que favorecen o desenvolvemento de capacidades en eidos como as Ciencias da Saúde, Humanidades, Tecnoloxías ou Ciencias da Educación.

Exportar os coñecementos da USC para traballar no deseño e execución dun programa de mestrado en arte, crítica e museoloxía contemporáneas en institucións de educación superior de México e Cuba, é o eixo en torno ao que xira o proxecto Yucunet, coordinado por Federico Silvestre López, da Facultade de Xeografía e Historia. Neste consorcio impulsado pola USC, participan universidades, museos e industrias creativas de México, Cuba, España e Portugal. Resulta moi difícil conseguir un proxecto como Yucunet con Iberoamérica xa que as liñas de financiamento K2 para este tipo de proxectos de cooperación son escasas en comparación con outros ámbitos xeográficos como é o caso de Asia  ou de Africa, alén de que a competencia é dun altísimo nivel.

Prevención de incendios

Pola súa parte, o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), Agustín Merino, coordina un consorcio integrado por centros de España, Portugal, Grecia e Italia. A finalidade do proxecto FacingFire é mellorar as capacidades na formación de prevención e xestión de incendios forestais, así como promover a igualdade de oportunidades en canto á empregabilidade entre homes e mulleres no devandito sector. O proxecto liderado por Agustín Merino quedou de número 1 absoluto en España no relativo á puntuación da avaliación. Este conglomerado de socios, asemade, permite conxugar o coñecemento e o método da academia coa actividade forestal activa, a experiencia práctica do sector profesional e da administración, ao tempo que posibilita a súa interacción para identificar as causas de cada  problemática e as súas solucións. O obxectivo último de FacingFire é o desenvolvemento de proxectos únicos de formación mediante o traballo práctico e a interacción entre educadores, investigadores, asociacións, ONGs, empresas forestais, e as diferentes administracións.

Os dous proxectos que serán executados por consorcios liderados pola USC están dotados, en total, con máis dun millón de euros. Nos oito restantes nos que a Universidade é socia, abranguen un total de dous millón de euros. Estas iniciativas prestan especial atención á creación de sinerxías dentro de cada consorcio para intercambiar modelos de xestión e coñecementos que actúan como motor de desenvolvemento.

Dixitalización

O Servizo Internacional para a Internacionalización da Educación (SEPIE), para adaptar a presentación de proxectos ao actual contexto COVID, lanzou unha convocatoria extraordinaria que reverta nunha optimización da dixitalización. Nesta nova convocatoria, a USC acaba de presentar dez proxectos a prol da devandita dixitalización na educación. Neste senso, a Universidade conta cunha dilatada experiencia xa que o ano pasado o grupo TecnoEduc da Facultade de Ciencias da Educación xa obtivera millón e medio de euros neste eido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2020.