Matarile Teatro volve á actividade coa estrea na USC da obra Staying alive

Matarile Teatro retomará a súa actividade coa estrea da obra Staying alive, espectáculo que están a preparar na USC en calidade de Compañía Residente, unha iniciativa pioneira no teatro universitario español que a Universidade de Santiago desenvolve este curso dentro do programa de formación da Aula de Teatro universitaria. A estrea, este venres 27 ás 21.00 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño (Auditorio Universitario, Campus Vida), presentárona aos medios de comunicación o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro; o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro; e unha representación da compañía Matarile, integrada por Ana Vallés, Baltasar Patiño, Mónica García, Rut Balbís, Nuria Sotelo e Daniel Baamonde. Ademais das particularidades do espectáculo e do apoio da USC na volta á escena de Matarile, nesta rolda de prensa prestouse atención ao interese pedagóxico que supón para os universitarios/as a posibilidade de participar nun proxecto de colaboración no que está implicado unha compañía profesional. Para os integrantes da Aula de Teatro da USC e os/as participantes dos seus cursos de formación é unha oportunidade, explica Roberto Salgueiro, para coñecer de preto as dinámicas de traballo dunha compañía profesional e as particularidades do seu traballo tanto no deseño previo como no desenvolvemento posterior á estrea. Entre o teatro universitario e a escena profesional existe unha relación estreita, de retroalimentación continua segundo explica Salgueiro. Con esta iniciativa, a Aula de Teatro da USC quere potenciar a comunicación do teatro universitario coa súa extensión máis inmediata no contorno profesional. Este último, explica o director da Aula de Teatro universitario, atopa nos campus unha importante canteira de recursos humanos, tanto no artístico como en todas as cuestións técnicas vinculadas á escena en Galicia. Esta relación explica que unha elevada porcentaxe das novas compañías profesionais ou semiprofesionais teñan a súa orixe en universitarios/as. Programa de formación O programa de formación da Área de Teatro da USC iniciou este curso unha nova etapa tras mudar por completo o seu deseño e introducir un novo elemento como é a Compañía Residente, que servirá para convidar un grupo de teatro profesional e compartir deste xeito experiencias co estudantado que se achegue á Aula de Teatro universitaria. Ademais da compañía residente, as distintas iniciativas formativas agrúpanse en dous bloques dedicados a completar as habilidades e destrezas das persoas que se apunten no ámbito da Dirección e no da Interpretación, en ambos os dous casos co recoñecemento de cinco créditos ECTS. O primeiro bloque temático desenvolverase á súa vez en tres módulos nos que se prestará atención a ‘ Dramaturxia e dirección’ cun carga lectiva de 50 horas, Prácticas de Dirección (50 horas) e un terceiro a modo de monográfico de creación teatral (de 8 horas) e outro de iluminación (de 28 horas) no que se integra a Compañía residente. Estes tres módulos estenderanse entre setembro e decembro, ao longo de marzo e entre febreiro e marzo, respectivamente. Nos mesmos meses, celebraranse tamén os tres módulos agrupados no bloque dedicado a Interpretación. No primeiro módulo ofertarase formación específica en Interpretación (20 horas), control do corpo (18 horas) e da voz (12 horas) e iluminación (4 horas). No segundo increméntase o traballo arredor da interpretación (42 horas) e sobre o corpo e a voz (6 horas máis para cada tema), para rematar cun monográfico de interpretación (28 horas) que se desenvolverá no marco da Compañía en residencia.