O mundo do fanzine prende unha nova labarada de Faíscas Culturais no Campus de Lugo

Fanzine é unha verba de orixe inglesa que contrae as palabras ‘fan’ (afeccionado) e ‘magazine’ (revista), ou dito doutro xeito, trátase dunha revista que adoita estar feita e autoeditada por persoas afeccionadas a un determinado tema. Profundar neste tipo de publicacións é a meta da nova labarada de Faíscas Culturais que impulsa a Área de Cultura da USC: pequenos proxectos artístico-pedagóxicos que se sitúan na intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística cos que se quere complementar a formación que o estudantando recibe nas aulas tomando a reflexión arredor das manifestacións culturais como punto de ancoraxe.
Esta nova vaga de Faíscas, que terán como escenario o Campus de Lugo, baséase en obradoiros mediante os que se amosará ao estudantado que é un fanzine e como realizalo e cos que se traballará para desenvolver diferentes publicacións onde poidan plasmar o coñecemento adquirido nas aulas. Así, este xoves 16 de outubro, na Facultade de Humanidades, dende as 12.30 horas, será a quenda do estudantado das materias 'Antropoloxía cultural' e 'Crítica da cultura' do grao en Xestión Cultural; mentres que o día 22 deste mes, a Facultade de Formación do Profesorado acollerá dende as 12.00 horas outro taller que se desenvolverá no marco da materia 'Educación visual e plástica' do grao en Mestre/a en Educación Primaria, amosando as amplas capacidades de aplicación do fanzine.
Encontro de fanzines
O programa de faísca cultural ‘Constrúe e deconstrúe: un achegamento ao mundo do fanzine’ xirará arredor do 'Encontro de fanzines e autoedición' de Vaia Vaia que terá lugar o 18 de outubro na Casa do Saber do campus de Lugo, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
Todas estas actividades teñen como obxectivo seguir creando espazos de aprendizaxe, creatividade e comunidade, achegando artistas e público para fomentar o intercambio e a conexión. Ademais, preténdese dar voz á xente para que poida expresar as súas diferentes realidades, adaptando cada obradoiro ao seu contexto e a cada lugar. Desta maneira producirase un achegamento ao fanzine e ás súas linguaxes, procurando non só atraer o sector universitario a esta arte, senón como un xeito de poder espallar os coñecementos xerados na Universidade ao público non-académico. O acceso ás actividades é libre para a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.