Persoal experto en nutrición analizará os beneficios ou prexuízos da graxa alimentaria nun curso de verán en Lugo
Un nutrido grupo de expertos de toda España e de Estados Unidos analizarán nun curso de verán en setembro o papel da graxa alimentaria na dieta humana. O seminario desenvolverase no salón de actos da Facultade de Veterinaria de Lugo dirixido por Alberto Cepeda Sáez e Carlos Manuel Franco Abuín. Entre outras moitas, trataranse cuestións relacionadas coa predisposición xenética á obesidade e ás hiperlipidemias, os ácidos grasos trans e o ácido linoleico conxugado e a súa incidencia na saúde, a presenza dos óxidos do colesterol nos alimentos, a influencia da inxesta graxa en diversas enfermidades ou o metabolismo dos ácidos graxos poliinsaturados. Ademais, estudaranse os efectos da graxa alimentaria na prevención e desenvolvemento do cancro, no mantemento da condición cognitiva e na prevención da enfermidade de Alzheimer e na fertilidade masculina e feminina. Presentaranse por último as recomendacións vixentes e documentos de consenso sobre o consumo de graxa alimentaria e explicarase o papel da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) na prevención das enfermidades derivadas da inxesta inadecuada de graxa. Entre o claustro de relatores figuran docentes das Universidades de Santiago, das Illas Baleares e da Harvard Medical School en Boston; a directora da Fundación Instituto Madrileño de Estudios Avanzados-Alimentación, Manuela Juárez Iglesias; o director de I+D+i de Feiraco, Ismael Martínez Lede; o presidente do comité científico da Sociedade Española de Nutrición e Ciencias da Alimentación, Jesús Román Martínez; e a directora xeral científica de Laboratorios Ordesa, Monserrat Rivero Urgell.