Ir o contido principal

O Servizo de Participación e Integración Universitaria cumpre 25 anos

SEPIU
Nestas máis de dúas décadas de servizo á comunidade universitaria, máis de 10.000 persoas teñen colaborado nas cerca de 200 actividades propostas por máis de 150 entidades do terceiro sector en Galicia. FOTO: Santi Alvite
Co gallo desta efeméride, o Servizo organiza un programa de actividades que ao longo desta semana conmemora este aniversario nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

A Oficina de Voluntariado da USC, hoxe denominada Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU), acaba de cumprir os seus primeiros 25 anos de vida. Nestas máis de dúas décadas de servizo á comunidade universitaria, máis de 10.000 persoas teñen colaborado nas cerca de 200 actividades propostas por máis de 150 entidades do terceiro sector en Galicia. “A todas estas persoas poderiamos sumar as máis de 3.000 voluntarias e voluntarios de todas as universidades do Estado que colaboraron na limpeza das costas galegas logo do afundimento do Prestige, ou as máis de 30.000 persoas que teñen colaborado nas dezasete edicións da Olimpíada Solidaria de Estudo durante todos os meses de novembro”, explicou o responsable do SEPIU, Javier Agrafojo.

Co gallo desta efeméride, o SEPIU organiza un programa de actividades que ao longo desta semana conmemoran o aniversario do servizo nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo. “Botando a vista atrás entendemos que pode ser un bo momento, non só para reflexionar sobre o feito e o que está por facer e mellorar, senón tamén para dar as grazas a toda a comunidade universitaria e ao tecido asociativo que propiciou que unha aposta innovadora entre as universidades do Estado alá por 1996, se convertera nun dos servizos que singularizan a calidade da nosa universidade e o seu compromiso co fortalecemento da sociedade civil”, explica Javier Agrafojo.

Santiago de Compostela

Este mércores 24, a partir das 10.00 horas, desenvolverase en liña a II Xornada de voluntariado universitario, impulsada dentro das actividades desenvolvidas pola Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento, e financiada mediante un convenio de colaboración entre as tres universidades galegas e a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo, e que conta ademais co impulso do Subgrupo de traballo de voluntariado universitario do GT de Cooperación da Comisión Sectorial de Internacionalización e Cooperación-CRUE. Esta xornada aspira a repensar os obxectivos das unidades para o fomento da participación social e do voluntariado nas universidades, poñer en valor a investigación na academia como vía para evidenciar as competencias adquiridas polo alumnado durante a súa participación en proxectos con voluntarias/os, coñecer boas practicas na xestión de proxectos nos programas Erasmus + e adquirir habilidades dixitais para o fomento da participación do estudantado en novos tipos de proxectos de voluntariado.

Os ‘Diálogos na academia: 25 anos de participación social e voluntariado na USC’ celebrarase o  25 de novembro, a partir das 9.45 horas, na Facultade de Ciencias da Educación no Campus Sur. Este acto quere  poñer en valor os 25 anos de actividades cara á promoción da participación social e o voluntariado na USC, reforzar e reafirmar as colaboracións coas entidades do terceiro sector para a mellora da calidade da oferta académica da USC e dos proxectos das entidades,  así como reflexionar e repensar a participación social e o voluntariado na USC como ferramenta para o compromiso cidadán. A sesión servirá para facer entrega dun agasallo ás dúas vicerreitoras implicadas, naquela altura, no inicio e expansión dos traballos da Oficina do Voluntariado, Amelia Gonzalez Méndez e Elena Vázquez Cendón.

Lugo

A ‘II Xornada de encontro da comunidade de accións e saberes arredor do rural. Primeira transfronteiriza’ terá lugar o 26 de novembro, a partir das 9.30 horas, na Facultade de Administracion e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. Entre os seus obxectivos, cómpre salientar o deseño de proxectos de aprendizaxe-servizo no ámbito do rural; inserir de forma directa a participación das entidades do terceiro sector no deseño e desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo; dialogar entre todos os axentes participantes sobre as posibilidades da aprendizaxe-servizo como ferramenta de mellora dos proxectos de acción no medio rural; e promover o desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo interdisciplinarios e intercampus, apostando pola institucionalización de proxectos de aprendizaxe-servizo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2021.