A Universidade impulsa un programa de préstamo de material informático e de conexión a servizos de Rede
A USC deu luz verde este venres a un novo programa centrado no préstamo de material informático coa finalidade de garantir que o alumnado con dificultades económicas e que careza dos medios precisos para o seguimento da docencia virtual, poda acceder á mesma, así como á correspondente avaliación. En total, a institución pon a disposición do seu alumnado 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos.
O material informático prestarase ata o 27 de xullo de 2020. Porén, en función das necesidades académicas, o alumnado beneficiario poderá solicitar motivadamente a prórroga deste préstamo. A presentación de solicitudes farase empregando o formulario normalizado e dirixíndoo á Xerencia da USC. As consultas sobre a convocatoria ou a presentación de solicitudes dirixiranse á Oficina Virtual de Atención a través do mail estudantado.oficinavirtual [at] usc.gal (estudantado[dot]oficinavirtual[at]usc[dot]gal)
As persoas beneficiarias deste servizo de préstamos deberán estar matriculadas nunha titulación oficial de grao ou mestrado durante o actual curso académico, non dispoñer de equipamento informático ou de conexión a servizos de internet, e acreditar dificultades económicas. O prazo de presentación de solicitudes contará desde o día seguinte da publicación no Taboleiro Electrónico e será de 5 días hábiles.
Medidas urxentes para frear a desigualdade
A resolución deixa patente que "o impacto económico da crise derivou en que unha parte do alumnado non dispoña de recursos económicos para facer fronte ao pago da conexión a servizos de internet e, por outra, a situación de confinamento da poboación supuxo a necesidade de contratar servizos que non precisarían en circunstancias ordinarias". En consecuencia, a USC adoptou dende o primeiro momento medidas para garantir o acceso igualitario de todo o seu alumnado á docencia virtual. Neste senso, estableceu unha liña de axudas para sufragar os gastos derivados da conexión á Rede que xa vai pola segunda convocatoria e da que se beneficiaron, polo momento, preto de 800 persoas.