USC e Ageinco unen forzas en materia de investigación, cultura e igualdade

O reitor Antonio López asinou recentemente un convenio coa Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco) que propiciará a suma de esforzos por parte de ambas as dúas entidades en materia de investigación, cultura e igualdade. Asemade, o texto contribuirá ao perfeccionamento das ensinanzas deste ámbito adaptándoas ás necesidades do tecido empresarial.
O desenvolvemento de proxectos de investigación; así como a organización e realización de todo tipo de actividades académicas, tales como cursos, conferencias, simposios ou seminarios, conforman dous dos campos de actuación do documento. O convenio tamén contempla o apoio a investigadores/as e estudantes; así como o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese, así como de proxectos culturais.
A promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade, xunto coa mobilidade de estudantes e de persoal docente completan o conxunto de accións dirixidas a contribuír ao perfeccionamento das ensinanzas da enxeñería adaptándoas ás necesidades do ámbito empresarial.