Ir o contido principal

A USC súmase á reivindicación do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Imaxe de arquivo dunha performance desenvolvida no 25N de 2019. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha performance desenvolvida no 25N de 2019. FOTO: Santi Alvite
A institución universitaria desenvolve en Santiago e Lugo unha nutrida axenda de actos co gallo do 25N, que terá o seu punto central na lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU)
Lugo, Santiago de Compostela

O Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres constitúe cada ano unha xornada reivindicativa que se desenvolve o 25 de novembro. A USC súmase de novo ao 25N a través dunha nutrida axenda de actos impulsados polo conxunto da comunidade universitaria e que terá o seu punto central na lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) que se desenvolverá este venres 25, ás 12.30 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

No acto que pode seguirse en liña, tamén se procederá á entrega de premios do IV Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero. A USC leva xa varios días desenvolvendo actividades reivindicativas no marco do 25N e seguirá a facelo nas vindeiras xornadas, tanto en Santiago de Compostela, como en Lugo. A axenda completa pode consultarse nesta ligazón.  

Programa diverso

A recollida de testemuños escritos polo alumnado e puntos de información no marco da ‘Campaña de sensibilización contra as microviolencias’, conforman xunto con seminarios, relatorios ou mesmo proxeccións audiovisuais algunhas das actividades que se están a desenvolver na USC. Ademais, as comisións de igualdade de diversos centros realizarán tamén, o mesmo 25N, a lectura pública do manifesto RUIGEU para dar visibilidade á denuncia da violencia contra as mulleres. Exposicións, pegada de carteles, performances, ou realización de enquisas completan esta axenda reivindicativa en Lugo e Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2022.