Os mecanismos de comunicación molecular funcionan como un ‘Xogo de Tronos’

Os investigadores da USC Félix Freire e Emilio Quiñoá acaban de obter un novo fito no estudo da comunicación quiral en macromoléculas ao descubrir e nomear novos fenómenos en nanomateriais intelixentes. Os científicos pertencentes ao grupo de Polímeros Helicoidais, Sensores e Nanoestruturas do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), realizan unha analoxía coa serie Xogo de Tronos para determinar quen goberna a estrutura do material, os polímeros, á hora de explicar como este avance amplía a maneira de relacionarse entre entes quirais en materiais intelixentes sensibles a estímulos.
A investigación recollida na revista Angewandte Chemie, emprega termos como “sarxentos e soldados”, así como “conflito quiral”, que reflicten os distintos “enfrontamentos” que teñen lugar entre diferentes compoñentes moleculares en polímeros helicoidais para dirixir o sentido de xiro de hélice final no material.
No artigo titulado ‘From Sergeants and Soldiers to Chiral Conflict Effects in Helical Polymers by Acting on the Conformational Composition of the Comonomers’ explícase como, neste xogo, os distintos compoñentes “loitan” para obter o poder e dirixir así a estrutura do material. A estes compoñentes chámanselles “sarxentos” ou “soldados” dependendo do rol que desempeñan en cada momento, que pode variar dependendo de alianzas externas ou factores ambientais. Nalgúns casos, esta loita polo poder pode acabar en táboas.
As potenciais aplicacións deste achado van dende o desenvolvemento de novos sensores ao almacenamento de información a nivel molecular. Esta investigación contribúe a entender mellor os mecanismos de comunicación molecular, feito que permitirá o desenvolvemento de novos nanomateriais con aplicacións en biomedicina e TIC.