Skip to main content

Científicos descobren que unha mesma hormona é a responsable de inhibir a alimentación en humanos, insectos e estrelas de mar

Neste traballo empregouse a estrela de mar Asterias rubens como modelo experimental para estudar os efectos dos devanditos neuropéptidos
Neste traballo empregouse a estrela de mar Asterias rubens como modelo experimental para estudar os efectos dos devanditos neuropéptidos
O artigo que acaba de ver a luz en 'eLife' e no que toma parte o profesor da USC Antón Barreiro xunto a investigadores da Queen Mary University de Londres podería ser chave para o desenvolvemento de fármacos que traten desordes alimenticias
Santiago de Compostela

Hormonas similares á oxitocina humana provocan que as estrelas de mar saquen o estómago pola boca para iniciar o proceso de alimentación. Así, estes organismos cando se atopan cun mexillón ou unha ostra, dixérenos fóra do seu corpo. Ata o de agora existían estudos sobre as substancias que daban pulo a este proceso dixestivo pero pouco se sabía de como se produce o efecto contrario. Unha investigación publicada en eLife na que toma parte o profesor da USC Antón Barreiro acaba de evidenciar como neuropéptidos tipo sulfaquinina/colecistoquinina contribúen a inhibir a alimentación non só en humanos e insectos, senón tamén nas estrelas de mar. O descubrimento destes péptidos neste tipo de organismos podería chegar a ser importante para o desenvolvemento de fármacos que traten desordes alimenticias.  

Neste traballo empregouse a estrela de mar Asterias rubens como modelo experimental para estudar os efectos dos devanditos neuropéptidos. “Resulta moi interesante que animais tan distantes dende un punto de vista evolutivo como insectos, estrelas de mar e humanos mostren hormonas que regulan os mesmos procesos e con efectos similares, neste caso unha hormona que  inhibe a alimentación”, explica o investigador do Centro de Investigacións Biolóxicas da USC (CIBUS). “Traballos previos do grupo na USC tamén mostraran que a  colecistoquinina está presente en circuítos neuronais de lampreas que regulan comportamentos relacionados coa alimentación”, engade. Segundo o profesor Barreiro, “os traballos en estrelas de mar e lampreas mostran que a pesar da distancia evolutiva con humanos, os sinais que regulan a alimentación están altamente conservados en invertebrados e vertebrados”.

O equipo de investigadores dirixido polo profesor Maurice  Elphick da Queen  Mary  University de Londres, descubriu que a inxección destas hormonas nas estrelas de mar provoca que retraian o estómago. Cando os científicos mostraban un mexillón ás estrelas de mar, constaban que a inxección de sulfaquinina/colecistoquinina provocaba que tivesen unha menor inclinación a comer.

Posición evolutiva única

As estrelas de mar pertencen a un grupo de animais denominados equinodermos, os cales ocupan unha posición evolutiva única ao mostrarse como un elo perdido entre animais moi estudados como vertebrados e insectos. Isto fai das estrelas de mar, e outros  equinodermos, animais modelo interesantes que axudan a encher ocos no entendemento da evolución de diferentes proteínas.

Neste senso, Ana  Tinoco da Universidade Queen  Mary, unha das coautoras principais do traballo, explica que “a forma de alimentación tan pouco usual que mostran as estrelas de mar sacando o seu estómago ao exterior a través da boca, fai delas un bo modelo para estudar as substancias que regulan o proceso de alimentación”. “Xa se sabía que este tipo de hormonas regulan a alimentación, o que é fascinante é que este papel tan importante preservouse tamén nas estrelas de mar mesmo a pesar de ter un comportamento alimenticio tan diferente, da ausencia de cerebro e a presenza dunha estrutura corporal única”, comenta.

Novos fármacos

Pola súa parte, o profesor  Maurice  Elphick, director do grupo de investigación na devandita universidade londiniense expón como “os nosos descubrimentos proporcionan novas evidencias de que os neuropéptidos tipo  sulfaquinina/ colecistoquinina teñen un papel conservado  dende o punto de vista da evolución como  inhibidores da alimentación”. Elphick  engade que “o descubrimento destes  péptidos en estrelas de mar podería chegar a ser importante para o desenvolvemento de fármacos para tratar  desordes alimenticias”. Para alcanzar ese obxectivo será necesario avanzar na determinación das estruturas 3D dos receptores que median os efectos destes  neuropéptidos en humanos e outros animais.

Antón Barreiro é investigador do Centro de Investigacións Biolóxicas da USC
Antón Barreiro é investigador do Centro de Investigacións Biolóxicas da USC
The contents of this page were updated on 09.07.2021.