Skip to main content

Doazón de Corpos

O Servizo de Doazón de Corpos para Docencia e Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é responsable da tramitación e xestión administrativa do proceso de doazón en vida, así como da recepción, custodia e utilización dos corpos doados para o ensino e a investigación, no marco das actividades formativas e investigadoras da Facultade de Medicina e doutros centros autorizados da Universidade.

O Servizo ten como misión facilitar o ensino práctico da anatomía humana e promover o progreso do coñecemento biomédico a través do estudo ético e respectuoso do corpo humano.

A doazón altruísta do corpo tras o falecemento representa un acto de xenerosidade e compromiso social de extraordinario valor, que contribúe de forma directa tanto á formación integral dos futuros profesionais das ciencias da saúde como ao desenvolvemento da investigación biomédica orientada a mellorar a saúde e o benestar da sociedade.

Imaxe das instalacións
Imaxe das instalacións
Imaxe das instalacións
Imaxe das instalacións
Instalacións do Servizo de Doazón de Corpos

O Servizo está adscrito á Área de Anatomía e Embrioloxía Humana do Departamento de Ciencias Morfolóxicas da Facultade de Medicina e Odontoloxía, e desenvolve a súa actividade conforme á normativa vixente.

A Universidade de Santiago de Compostela garante en todo momento un trato digno, confidencial e respectuoso cara ós corpos doados, así como unha xestión ética, responsable e cientificamente rigorosa de tódalas doazóns.

Dispón de dependencias específicas destinadas á recepción, conservación e utilización dos corpos doados, que cumpren rigorosamente coas condicións técnicas, hixiénicas e de bioseguridade establecidas pola normativa vixente.

As salas de técnica anatómica acollen o ensino práctico de estudantes dos distintos graos do ámbito das ciencias da Saúde da USC —Medicina, Enfermería, Odontoloxía, Óptica e Farmacia—, así como de másteres relacionados con este campo. Neste espazo, o persoal altamente cualificado da Área de Anatomía e Embrioloxía Humana imparte formación anatómica, dende os fundamentos ata os niveis máis avanzados, e promove no alumnado a reflexión sobre o valor científico, humano e ético de traballar cun material tan valioso como son os corpos doados á ciencia.

O Servizo dispón de instalacións que se destinan exclusivamente a cursos de posgrao e programas de formación continuada orientados á mellora e actualización de novas técnicas cirúrxicas e procedementos anatómicos aplicados á práctica clínica.

Os profesionais interesados en organizar un curso nas nosas instalacións poden poñerse en contacto co Servizo a través do correo electrónico: servizo.dcd [at] usc.gal (servizo[dot]dcd[at]usc[dot]gal)

O acceso a tecido humano post mortem constitúe un recurso esencial para a investigación traslacional avanzada, ao permitir o estudo directo dos mecanismos patoxénicos implicados en enfermidades de alta prevalencia, como as metabólicas, neurodexerativas, cardiovasculares e neoplásicas. A análise morfolóxica, molecular e bioquímica destes tecidos proporciona información única sobre os procesos fisiopatolóxicos que non se pode obter a partir de modelos celulares ou animais, facilitando a identificación de novas dianas terapéuticas e biomarcadores temperás de enfermidade. 

Neste contexto, o Servizo de Doazón de Corpos para Docencia e Investigación representa unha infraestrutura singular que facilita o acceso controlado, ético e de calidade a material biolóxico humano destinado a impulsar a investigación biomédica de excelencia. Cada solicitude é valorada de forma individual e logo da presentación da autorización do Comité Ético para a realización do proxecto investigador. Os investigadores interesados poden contactarnos en servizo.dcd [at] usc.gal (servizo[dot]dcd[at]usc[dot]gal).

A doazón debe ser un desexo expreso en vida e un acto totalmente altruísta.

1. Formalización da doazón

As persoas interesadas deben acudir ás instalacións do Servizo, onde se lles explicará o proceso. Tamén poden chamar ao teléfono 881 812301 ou recibir a información por correo electrónico, solicitándoa a: servizo.dcd [at] usc.gal (servizo[dot]dcd[at]usc[dot]gal)

Se unha vez informados, deciden facerse doantes, asinarán a autorización en presencia de dúas testemuñas maiores de idade, e o Servizo emitirá un carné de doador.

2. Tralo falecemento

A familia debe notificar o falecemento á empresa funeraria, que contactará co Servizo de Doazóns. O responsable valorará se o corpo pode ser aceptado, xa que algunhas circunstancias (determinadas enfermidades, intervencións cirúrxicas, procesos xudiciais ou falta de espazo) poden impedilo. Só se aceptan corpos cuxa conservación se poida garantir en condicións dignas, respectuosas e anónimas.

3. Recepción e conservación

Se a doazón é aceptada, un servizo funerario especializado traslada o corpo ás instalacións da USC, onde se arquivan os documentos necesarios e infórmase ó Rexistro Civil. O equipo técnico aplica as técnicas de conservación correspondentes para o seu uso docente ou investigador.

4. Finalización do proceso

Rematado o período de vida útil do corpo, os restos incinéranse coa debida autorización, e as cinzas deposítanse no cemiterio de Boisaca, non se devolven á familia.

5. Doazóns a través do Sergas

Tamén se aceptan doazóns cando a persoa expresou a súa vontade mediante o documento de instrucións previas do Sergas.

En caso de que a doazón sexa aceptada, a USC farase cargo de tódolos gastos derivados do traslado, custodia e incineración do corpo doado.

Non é posible facer efectiva a doazón cando, no momento do falecemento, concorra algunha das seguintes incompatibilidades:

  • Cando o corpo estea sometido a intervención xudicial ou forense.
  • En caso de feridas ou intervencións cirúrxicas recentes non cicatrizadas, ou se se realizou unha autopsia ou doazón de órganos (agás de córneas).
  • Se o corpo presenta queimaduras extensas, gangrena ou úlceras cutáneas ou mucosas.
  • En presenza de enfermidades infectocontaxiosas (como hepatitis, SIDA, tifus, shock séptico ou encefalitis esponxiforme), contaminación por materiais radioactivos ou se o falecido recibiu tratamento quimioterápico.
  • Cando exista obesidade mórbida ou caquexia extrema (corpos excesivamente grosos ou delgados).
  • Nos casos en que non se poida garantir unha correcta aplicación das técnicas de conservación, ou cando transcorresen máis de 24 horas dende o falecemento.
  • Cando, a xuízo da persoa responsable do Servizo de Doazón, non sexa posible asegurar as condicións adecuadas para a preparación e conservación do corpo.
  • Cando o falecemento se produza fóra de Galicia.

Nos casos en que o falecemento teña lugar durante periodos vacacionais ou non lectivos e/ou fóra do horario académico, procurarase aceptar a doazón sempre que sexa posible; sen embargo, non sempre poderá garantirse a súa recepción.

Imaxes das instalacións

Localización e contacto

The contents of this page were updated on 10.16.2025.