As cores do “mundo flotante”: Novo método pouco invasivo para determinar a composición química das cores

13/03/2023


Offering Incense at Daitokuji: Hideyoshi Puts Down the Various Lords or Hideyoshi's Challenge (1896) · Kokunimasa Utagawa | wikicommon

 

  • Trátase dunha estratexia pouco invasiva que permite obter mostras nun só paso, que permitiu chegar a niveis de detección que non é posible alzcanzar con outros métodos.
  • O novo método, baseado en Espectroscopía Raman de Superficie (SERS), empregouse para analizar a composición química das cores nunha xilografía xaponesa da era Meiji.

Na contorna museística, preservar adecuadamente os obxectos artísticos é unha prioridade á hora de estudar a composición dos materiais. Os métodos empregados deben ser extremadamente selectivos e sensibles para reducir o impacto que a recollida de mostras poida ter sobre as propias obras. Investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) desenvolveron un método que permite discriminar os distintos compoñentes en complexas mesturas de cores de maneira pouco invasiva, evitando ter que retirar demasiado material do propio obxecto artístico. Neste caso, os científicos conseguiron extraer mostras dunha xilografía xaponesa da era Meiji nun único paso, empregando para iso substratos ultrasensibles.

Ukiyo-e ou as «pinturas do mundo flotante», son un tipo de gravados xaponeses que se volveron moi populares como forma de arte e tamén como ferramenta de propaganda política. Os estampados policromos prosperaron durante a era Meiji, onde tiveron lugar diversas experimentacións, sobre todo no que respecta a a mestura dos pigmentos minerais xa coñecidos con novos pigmentos sintéticos. Nesta ocasión, os investigadores aplicaron o novo método sobre a superficie dunha obra do artista xaponés Kokunimasa Utagawa para analizar a súa composición. Os seus achados dan conta da transición nas técnicas empregadas para mesturar cores durante este período: o uso de pigmentos lacados que se atoparon principalmente nas áreas de cor vermella presentes na obra de Utagawa. A mestura do azul de prusia con sulfuros de arsénicos ou óxido de ferro para formar novas cores. E tamén a análise doutras cores revelou o uso de certos pigmentos orgánicos e inorgánicos tradicionais, como o bermellón e o negro de carbón, combinados con colorantes sintéticos introducidos nesta época.

"Esta nova estratexia para a toma de mostras permitiunos chegar a niveis de detección que non é posible alcanzar con outros métodos instrumentais espectroscópicos e cromatográficos" explica o Prof. Massimo Lazzari, investigador principal do CiQUS e coautor do estudo xunto á Dr. Daniela Reggio e o conservador Antonio Mirabile. O método permite "retirar por contacto pequenas moléculas lixeiramente unidas á superficie de obxectos patrimoniais, que se transfiren a substratos SERS a través de mostras de silicona utilizando determinados disolventes". Segundo os autores, este novo protocolo ten múltiples aplicacións para o seu uso en materiais de patrimonio cultural e pode ser validado para patrimonio arquitectónico.

Referencia

Sensing soluble molecules through SERS substrates in one-step procedure: unrevealing the Meiji woodblock printing materials. Daniela Reggio, Antonio Mirabile, Massimo Lazzari. Talanta 254 (2023) 124177. https://doi.org/10.1016/j.talanta.2022.124177

In the media