Crear fármacos a partir do metano? Así o investiga un equipo do CiQUS

30/05/2024

Tes unha intensa e persistente xaqueca que te obriga a tomar un ibuprofeno para aliviar a dor de cabeza. Imaxina que esa pílula branca e de consistencia dura está fabricada a partir de metano, un gas de efecto invernadoiro que emana da descomposición da materia orgánica. Os xurros, por exemplo, son unha importante fonte deste gas. Aínda que a elaboración de ibuprofeno a partir de metano sexa tan só unha hipótese, a súa consecución podería estar cada vez máis preto. Un equipo do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) liderado por Martín Fañanás está a desenvolver unha tecnoloxía que permita transformar o metano en produtos de alto valor engadido, como poderían ser fármacos, compostos con propiedades ópticas e distintos tipos de materiais. Esta investigación está a desenvolverse ao abeiro de Became, un proxecto do Consello de Investigación Europeo (ERC, polas súas siglas en inglés).

"O gas natural, composto principalmente por metano e outros gases como o etano e o propano, é un recurso moi abundante no planeta. Porén, pensamos nel como un combustible. É dicir, en algo que queimamos para obter enerxía", explica Fañanás. Este uso non é sostible, dado que durante o seu proceso de combustión xérase dióxido de carbono e consómese moita auga. De feito, o investigador do CiQUS cre que as queimas de gas natural estarán prohibidas nun período de 50 anos atendendo á situación de quecemento global que está a vivir o planeta. Por iso, a pregunta é a seguinte: "Se non se queiman eses residuos, que facemos con eles?". A resposta trata de atopala o proxecto Became, que explora o desenvolvemento de novas metodoloxías que permitan crear produtos de alto valor engadido a partir de gases como o metano, o etano e o propano.

Con todo, o proceso a seguir non é doado. Fañanás compara o seu traballo no laboratorio con xogar ao lego. É dicir, con ir encaixando unhas pezas sobre outras. "Quimicamente falando, estes gases son materias moi pouco reactivas. O metano está formado por un átomo de carbono e catro de hidróxeno e os seus enlaces son moi, moi fortes. É moi difícil rompelos e, polo tanto, para convertir metano noutro material temos que reemprazar o hidróxeno por outra peza de lego. Por exemplo, por outro carbono", detalla o investigador do CiQUS. Recoñece que esta tarefa é ardua e supuxo un gran esforzo para o equipo, precisamente pola dificultade que entraña o proceso e pola baixa reactividade das materias coas que traballan. Con todo, están a ver os primeiros resultados dos seus experimentos.

Máis en detalle, o lego co que "xogan" no CiQUS é unha versión moi particular do popular pasatempo. Mentres que as pezas da coñecida marca de xoguetes veñen con pestanas que axudan a encaixar uns elementos con outros, o que fan dende os laboratorios da USC é, precisamente, crear esas ensamblaxes. "Collemos o metano. Debuxamos a súa molécula formada por un carbono e catro hidróxenos. É como un cubo sen pestanas; totalmente liso, que non podemos acoplar a nada. Que ocorre se lle facemos un burato", pregúntase Fañanás. Así explica o químico o proceso que están a levar a cabo no laboratorio dende o nivel atómico: crear ocos para que os poida ocupar unha peza máis grande ou doutra cor. "É como xogar ao lego a nivel atómico coa peza máis pequena imaxinable", expón.

Fañanás cre que esta metodoloxía na que están a traballar ao abeiro do proxecto Became ten un "potencial tremendo". "Fálase do metano como recurso fósil pero en Galicia xa se están fomentando as plantas de biogás e biometano. Hai que pensar que se trata dunha materia que se está xerando constantemtente porque emana dos restos animais como os puríns. Se non utilizamos este gas, vai producir un efecto invernadoiro", explica o investigador do CiQUS, salientando o enfoque sostible, tanto a nivel científico como social, que persegue o proxecto europeo no que está involucrado. Fañanás ve neste tipo de tecnoloxía moitos puntos fortes: "Podería ter relevancia mundial porque aproveitarías a materia prima máis abundante do planeta, o metano, evitarías a súa combustión, reducirías as emisións e evitarías a deterioración da Terra".

Con todo, que esta tecnoloxía se faga realidade aínda é un obxectivo a longo prazo. Compara esta metodoloxía coas teorías dos cristais líquidos, que son a base a partir da que se crean as pantallas dos móbiles. Fañanás asegura que se comezou a investigar nelas entre 50 e 100 anos antes de que se pensara sequera no concepto de teléfono que temos hoxe en día. "Nós traballamos a escala de laboratorio. Pensar nunha aplicación industrial e directa é algo que, nun período de menos de 5 anos, é difícil. Non imposible, pero sendo realistas, estes procesos teñen un longo percorrido", recoñece o químico da USC. Con todo, fai fincapé no importante que é desenvolver este tipo de investigacións dado que, segundo o seu prognóstico, nun período de 50 anos pode que a combustión de metano estea prohibida. "É mellor que medio século antes se comezara a desenvolver a tecnoloxía para chegar a tempo", conclúe.

Por Alba Tomé e Laura Filloy | GCiencia
https://www.gciencia.com/ciqus/crear-farmacos-metano-investiga-equipo-santiago/

 


O Investigador Principal do CiQUS, Martín Fañanás.