Prof. Miguel Vázquez López | AECC
Acto de entrega de las ayudas a la investigación de la Asociación Española contra el Cáncer | AECC
A Xunta Provincial de A Coruña da Asociación Española contra o Cancro (AECC) entregou este luns as súas axudas á investigación oncolóxica e que recoñecen, entre outros, o traballo investigador que están a levar a cabo na USC Valentina González, Miguel Vázquez, Elena Moya e Pablo Balado. En total, outórgaselle financiamento a trece iniciativas que suman case un millón de euros e que tamén distinguen os grupos liderados por María de la Fuente e Clotilde Costa no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) no que tamén toma parte a USC. Estíbaliz Díaz do IDIS tamén recibiu unha axuda predoutoral.
Ao abeiro da denominada ‘Axuda Ideas Semente’, o Investigador Principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) Prof. Miguel Vázquez López recibiu unha axuda para investigar sobre novos fármacos antitumorais dirixidos a estruturas non canónicas do ADN. O seu proxecto buscará inserir helicatos de cobre nos ocos que forma o ADN de tres vías para rompelo, de maneira que esta rotura sexa letal para as células tumorales. Dado que o proceso de replicación do ADN está amplificado nas células canceríxenas, estes novos helicatos poderían ser máis efectivos neste tipo de células, desenvolvendo desta maneira un novo tipo de droga antitumoral.
O reitor Antonio López aproveitou a súa intervención no acto para poñer en valor o talento investigador da USC. Xunto a el, tomaron parte na sesión o presidente provincial da Asociación, Manuel Aguilar; Carlos Lamora, vicepresidente da Xunta da AECC que outorga as axudas; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Fernández-Campa; os xefes dos Servizos de Oncoloxía do CHUS e do CHUAC, Rafael López e Rosario García Campelo, respectivamente; así como o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da área sanitaria de Ferrol, Juan González Lorenzo.