Balance final de SHERPA tras catro anos deseñando políticas para as áreas rurais a través dun método participativo

A Plataforma Multi-Actor galega reuniuse en Chantada para avaliar o traballo realizado

Chega ao seu fin o proxecto SHERPA (Sustainable Hub to Engage into Rural Policies with Actors), que entre 2019 e 2023 traballou co obxectivo de reunir coñecementos que axuden a formular recomendacións para políticas destinadas ao desenvolvemento das zonas rurais da Unión Europea. Para iso, e a diferenza doutros enfoques máis convencionais, SHERPA creou grupos que reúnen axentes dos eidos científico, social e político, as coñecidas como Plataformas Multi-Actor (MAP).

Os axentes integrantes da MAP galega reuníronse en Chantada o pasado 15 de setembro para avaliar o traballo realizado. No transcurso da xornada realizouse unha visita guiada por Xosé Lois Lamazares ás instalacións de Daveiga-Galletas Mariñeiras; onde tamén tivo lugar a reunión de traballo, e celebrouse un xantar co que se agradeceu aos membros da MAP a súa colaboración durante os catro anos do proxecto.

Na reunión, cada membro da MAP fixo balance da súa participación na mesma, e debateuse a posibilidade da continuidade da MAP unha vez finalizado o proxecto e a participación dos membros da MAP en estruturas similares no futuro.

O balance xeral dos participantes da MAP é positivo, subliñando que a participación de persoas de diferentes ámbitos e territorios valeulles para coñecer novas perspectivas sobre o rural, enriquecendo a visión propia de cada quen. Respecto aos aspectos negativos, indicouse a falta de participación da xente nova. Acerca de continuar coa actividade da MAP, todos os membros indicaron a súa dispoñibilidade para seguir participante na mesma, se ben entenden que sen o apoio do proxecto é complicado continuar co mesmo formato. Así mesmo, a maioría dos membros expresaron que participan en diferentes foros nos que se tratan problemáticas relacionadas coas zonas rurais.

SHERPA é un proxecto financiado polo Programa de Investigación e Innovación Horizon 2020 da Unión Europea e no que participaron 17 socios.