O traballo foi dirixido por Edelmiro López Iglesias e Xesús Pereira López
A análise input-output é unha ferramenta amplamente empregada pola ciencia rexional para estudar fenómenos económicos, sociais e medioambientais. Desde a súa concepción, a análise input-output (inter)rexional sofre o problema da escaseza de datos detallados para as distintas escalas subnacionais. Este problema faise particularmente agudo naquelas rexións menos desenvolvidas, onde adoita non haber recursos suficientes para conseguir información. Na literatura especializada existe un certo consenso á hora de afirmar que a construción de modelos input-output híbridos—aqueles que combinan observacións directas con estimacións indirectas—constitúen a solución máis eficiente ao problema da escaseza de datos.
Na súa tese, ‘Expandindo os métodos híbridos para a construción de modelos input-output (inter)rexionais’, o investigador de Ecoagrasoc Fernando de la Torre Cuevas desenvolve novas metodoloxías que permiten a realización de análises a través de modelos input-output (inter)rexional con datos escasos. Destarte, expándese a caixa de ferramentas coa que contan os investigadores deste ámbito. O traballo, defendido o pasado 19 de outubro, foi dirixido polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Edelmiro López Iglesias e Xesús Pereira López, no marco do Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica. O traballo obtivo a máxima calificación: sobresaliente ‘cum laude’.
En concreto, a tese introduce tres innovacións metodolóxicas que flexibilizan os requirimentos de información para solucionar tres problemas asociados con este tipo de modelos: a actualización das táboas de orixe-destino, o paso de prezos correntes a prezos constantes e a inserción de modelos rexionais dentro de modelos de escala mundial. Para cada unha destas innovacións, realízase unha descrición matemática detallada e realízanse os correspondentes contrastes empíricos para comprobar o grao de acerto das estimacións. Como resultado xeral da investigación, este traballo mostra como é posible expandir o alcance da análise input-output a nivel rexional combinando información recompilada a través da observación directa con estimacións indirectas dunha maneira máis flexible e eficiente.
A tese deu lugar ao rexistro como propiedade intelectual dun algoritmo, ‘KRAS modificado: axuste de matrices input-output con información conflitiva’, con utilidade directa para organismos de investigación que utilicen marcos input-output, axencias e institutos estatísticos a nivel rexional ou de países en vías de desenvolvemento, e organismos produtores de modelos input-output multirrexionais.