Especialistas portugueses analizan en Lugo o impacto do proxecto de Altri

-Os conferenciantes reflexionarán sobre a incidencia que podería ter en Galicia a macro-planta de celulosa da empresa lusa, baseándose na experiencia do modelo forestal portugués

-Venres 3 de maio ás 19h00, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

-O evento forma parte do ciclo ‘Na EPS queremos saber’, organizado polo Grupo de Innovación Docente Ruralia

O Grupo de Innovación Docente Ruralia organiza a mesa redonda ‘O proxecto de Altri á luz da experiencia do modelo forestal portugués’, na que especialistas do país veciño reflexionaran sobre a incidencia que podería ter en Galicia a macro-planta de celulosa desta empresa lusa en caso de chegar finalmente a instalarse. O evento terá lugar o próximo venres 3 de maio ás 19h00 na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

Os conferenciantes son Paulo Pimenta de Castro, presidente da dirección da Associação de Promoção ao Investimento Florestal, e João Carvalho, do Departamento de Ciências Florestais da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Con unha recoñecida traxectoria no ámbito da silvicultura, analizarán a experiencia do modelo forestal portugués e o impacto que Altri tivo nese país, para tratar de obter leccións aplicables ao caso galego.

Paulo Pimenta de Castro é licenciado en Silvicultura polo Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa. Foi profesor, coordinador de cursos e autor de programas de Formación Profesional no ámbito forestal. Foi técnico superior da Confederación de Agricultores de Portugal, secretario xeral da Federación de Produtores Forestais de Portugal – Consello Nacional Forestal (FPFP/CNF) e da Asociación Nacional de Empresas Forestais, Agrícolas e Ambientais (ANEFA). Foi membro do Consello Asesor Forestal do Ministerio de Agricultura e foi experto no Consello Consultivo Forestal e Cortiza da Comisión Europea. É consultor e preside a Xunta Directiva de Acréscimo, Asociación para a Promoción do Investimento Forestal e a Xunta Directiva Nacional de Iris, Asociación Nacional de Medio Ambiente. É coautor do libro “Portugal em Chamas – Como Resgatar as Florestas” (Bertrand Editora, 2018). Escribe regularmente artigos de opinión no xornal portugués Público.

Pola súa parte, João Carvalho é professor de Silvicultura e Dendrologia da UTAD e é membro da dirección da Organização Europeia de Silvicultura – Pro Silva – Integrated Forest Management. Realizou o doutoramento na área da Silvicultura e um pós-doutoramento na mesma área nos EUA (USDA Forest Service, Southern Research Station e NCS UniversityFulbright). É membro do Centro de Investigação e de Tecnologias Agro-Ambientais e Biológicas (CITAB).

Carvalho ten traballado en varios programas e accións na especialidade, en diversos proxectos de I+D, con diferentes institucións e organizacións en Portugal, Europa e os EUA, relacionados coa silvicultura, as follosas e o carballo, en materias como a ecoloxía, produción, silvicultura, funcións e aproveitamentos.

Integrou o grupo inter-institucional para a Estratégia Nacional de Adaptação às Alterações Climáticas para as Florestas. 

Integrou unha comisión de especialistas científicos da Comisión Europea/EU-EFI relacionada coa Estratexia para a Biodiversidade e a Estratexia para as Florestas EU2030.

Esta é a segunda mesa redonda que organiza o grupo de innovación docente Ruralia sobre o proxecto de Altri en Galicia. Na primeira, o pasado 23 de abril, participaron tres profesores do Campus Terra da USC e tivo un amplo éxito de participación, logrando encher a Sala de Xuntas da EPSE.

O proxecto da empresa pasteira portuguesa Altri en Palas de Rei (Lugo) consiste na implantación dunha macro-planta de celulosa, cunha extensión equivalente a catro veces a fábrica de ENCE en Pontevedra. O proxecto conta coa declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE) por parte da Xunta de Galicia. Estímase que tería un consumo anual de 1,2 millóns de toneladas de eucalipto, utilizaría diariamente 46.000 metros cúbicos de auga e expulsaría 30.000 metros cúbicos de refugallos tratados ao río Ulla.