O Campus Terra da USC ultima a renovación da acreditación europea de Veterinaria con melloras no Rof Codina

O reitor da USC, Antonio López, xunto co conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, presidiu este luns a inauguración das obras de remodelación do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, acto ao que tamén asistiron a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde; a tenente de alcalde do Concello de Lugo, Ana Prieto; o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina.
As achegas económicas realizadas polos patróns da Fundación Rof Codina para acometer estas melloras no hospital universitario constitúen unha axuda esencial para que a USC poida cumprir o seu “obxectivo prioritario” de que a Facultade de Veterinaria do Campus Terra renove a acreditación europea expedida pola Eaeve (The European Association of Establishments for Veterinary Education) e continúe a ser un dos centros universitarios de referencia en España e en Europa, sinalou o reitor da USC, Antonio López.
O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aproveitou este acto inaugural para salientar que o Campus Terra concentra un triángulo virtuoso de Galicia no que ao eido veterinario se refire. “A Facultade de Veterinaria de Lugo é o centro universitario de Galicia que capta máis alumnado procedente de fóra da comunidade”, sentenciou o conselleiro, para logo engadir que este hospital veterinario ofrece uns servizos e máxima calidade asistencial á cidadanía, ao tempo que contribúe a mellorar a formación e as capacidades dos futuros profesionais.