Últimos días para inscribirse nas xornadas sobre Xenómica e xestión da biodiversidade que organiza o Campus Terra da USC

O grupo de investigación en xenética Acuigen do Campus Terra da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez e con sede na Facultade de Veterinaria de Lugo, pecha esta semana o período de matrícula para o foro que se celebrará os días 16 e 23 de xaneiro baixo o lema ‘Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’. Estas xornadas, nas que participarán como relatores algúns dos científicos españois máis relevantes nestas áreas, permitirán debater sobre accións de mellora da produción forestal ou conservación da biodiversidade, ao tempo que constitúen unha oportunidade para descubrir as posibilidades que ofrece a mellora xenética en sectores clave para a economía galega como o vacún, o porcino e mesmo a acuicultura.
Este foro, orientado a investigadores e a estudantes de grao e máster de disciplinas científicas e técnicas con coñecementos básicos en xenética, está tamén aberto á participación de profesionais de empresas e industrias relacionadas co sector primario, así como de cooperativas e asociacións agrarias, ademais do persoal técnico dos distintos departamentos das administracións públicas nos que as aplicacións da xenética son importantes. As persoas interesadas en participar como asistentes poden formalizar a súa solicitude de inscrición achegando os seus datos persoais, teléfono de contacto, centro de estudos e/ou traballo a través do enderezo electrónico monicaafrica.otero [at] usc.es (monicaafrica[dot]otero[at]usc[dot]es).
CONSULTA A WEB OFICIAL DAS XORNADAS E ACCEDE AO PROGRAMA E AOS CURRÍCULOS DOS RELATORES