O Campus Terra da USC mantén aberto ata o 23 de xaneiro o prazo de matrícula no seu módulo de iniciación á cinematografía

A área de Cultura da USC no Campus Terra mantén aberto o prazo de matrícula no módulo de iniciación á cinematografía que imparte o cineasta Bruno Máez e que está destinado a persoas que queiran iniciarse no mundo da dirección de fotografía, ou ter unha idea xeral das tarefas que se levan a cabo no departamento de imaxe nunha rodaxe.
Esta acción formativa pretende responder a cuestións tales como que é un director de fotografía; cales son as funcións do departamento de imaxe nunha produción audiovisual; que material é necesario para poder facer calquera produción audiovisual; ou de que ferramentas dispoñemos para poder contar unha historia con luz.
As clases terán lugar os días 27 e 28 de xaneiro e o 3 e 4 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas na Casa do Saber. A matrícula pode formalizarse, ata o 23 de xaneiro, na oficina de Cultura da USC no Campus Terra situada no segundo andar da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, praza de Pío XII nº3, entre as 08:00 e as 15:00 horas, de luns a venres, ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Para máis información sobre o curso, pode contactarse coa oficina de Cultura nos teléfonos 982 821 511/13
Bruno Máez ten gañado relevantes galardóns como cineasta tales como o Premio Nacional de Educación de Enseñanzas Artísticas Profesionales, mellor dirección de fotografía en The 48 Hour Film Project, e ten sido finalista na XII edición dos premios Mestre Mateo e seleccionado para o XI festival de Cans (2014) e o festival Cinemacurtas 2013, entre outros.
Silencio de Bruno Máez en Vimeo.