Skip to main content

Visita ás parcelas experimentais de herviborismo pírico

10.15.2024 | 09.15h-18.00h

Navia de Suarna

Navia de Suarna. FOTO: https://concellonaviadesuarna.es/
Navia de Suarna. FOTO: https://concellonaviadesuarna.es/

O proxecto COMPÁS mantén aberta ata o 11 de outubro a inscrición para participar nunha visita ás experiencias de herviborismo pírico establecidas pola USC nos Ancares lucenses. O percorrido deste grupo focal polas parcelas experimentais realizarase o día 15 de outubro e para asistir é preciso reservar praza a través dun formulario electrónico. “Os investimentos en extinción de incendios non reducen as causas do lume nin controlan os incendios de quinta e sexta xeración, fóra da capacidade de extinción dos equipos técnicos”, explican dende o proxecto. Os esforzos das próximas décadas deben centrarse na prevención de incendios e na creación de paisaxes resilientes, “adaptados aos novos escenarios ambientais”, conclúen.

Neste senso, o herbivorismo pírico é unha práctica para a xestión preventiva do risco baseada en emular o réxime de perturbacións no que evolucionaron os ecosistemas naturais, nos que o lume e o herbívoro controlaban o ciclo da materia vexetal terrestre. A práctica, modernizada e fundamentada no coñecemento científico, busca valorizar o papel ancestral do lume e o herbívoro no ciclo da materia e establecer as bases da xestión de combustibles e a restauración de ecosistemas, especialmente en áreas críticas e estratéxicas para a prevención de incendios forestais.

O proxecto COMPÁS (Pastando o combustible: modelos de desenvolvemento rexionais sobre herviborismo pírico, unha ferramenta para a conservación ambiental, a fixación e a protección da poboación) busca desenvolver novos modelos de conservación ambiental baseados no herbivorismo pírico, mediante a utilización de tecnoloxías punteiras en xestión pastoral e vixilancia ambiental, a proposta de novos marcos regulamentarios, empresariais e de formación e capacitación e a creación de novos empregos ao redor da xestión de combustibles e a creación de paisaxes resilientes. COMPÁS conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO). 

Programa

O punto de encontro para as persoas participantes será a estación de servizo de Navia de Suarna, ás 9.15 horas do día 15. O desprazamento ás parcelas experimentais levarase a cabo a través de vehículo propio sendo abonados pola USC os quilómetros correspondentes e a comida. A xornada comezará coa subida a Pan do zarco e a visita da experiencia piloto PYRICLABS. A seguir, realizarase o desprazamento ás experiencias do proxecto COMPÁS. Xa en quenda de tarde e logo dun receso con tempo para o debate incluído, coñecerase de primeira man a experiencia en Robledo do Son. A Universidade de Santiago de Compostela lidera a rede galega de herviborismo pírico que se basea no emprego de metodoloxías participativas. 

The contents of this page were updated on 10.11.2024.