Skip to main content

Primeira sesión do DivúlgaT

11.28.2024 | 19.30h

O Vello Cárcere
Lugo

A través de charlas divulgativas duns dez minutos de duración, as persoas participantes relatarán algún aspecto do seu campo de investigación ou dun dos traballos que están levando a cabo

Detalle do cartel
Detalle do cartel

O certame de divulgación científica DivúlgaT regresa coa súa novena edición, da man da asociación de persoal investigador Agromar. Este evento de divulgación científica reúne cada ano especialistas e público en xeral que queira achegarse ao coñecemento científico de forma amena e accesible. Este evento quere amosar o traballo que se desenvolve no Campus de Lugo e potenciar o galego como lingua da comunicación e da divulgación do coñecemento.

A través de charlas divulgativas duns dez minutos de duración, as persoas participantes relatarán algún aspecto do seu campo de investigación ou dun dos traballos que están levando a cabo. As charlas terán lugar no Vello Cárcere de Lugo, nun evento que contará coa asistencia do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, a partir das 19.30 horas.  

A sesión do xoves 28 de novembro contará coas intervencións de Sebastián Villasante coa charla ‘Coñecendo os límites seguros e xustos do Planeta’, Rocío Valín con ‘Os Simpson predixeron a miña tese de doutoramento: peixes e radiación’, M. Pilar España Fariñas con ‘Sabor e identidade en cada bocado’, Rubén Castro Redondo con ‘Contra o vicio de mandar, a virtude de non obedecer. As resistencias do campesiñado contra o poder nas sociedades tradicionais’, Damián Copena Rodríguez con ‘Da apicultura fixista á mobilista en Galicia’, Renato Barrionuevo Ponce con ‘Feromonas en Coellos’ e Antía Acción Carro con ‘A ameaza oculta das vacas’.

A asistencia é libre e de balde pero as persoas que non poidan asistir poderán seguir o evento en directo a través da canle de YouTube oficial da USC. 
 

The contents of this page were updated on 11.28.2024.