A situación de emerxencia á que nos enfrontamos urxe un sólido compromiso que gravite sobre o coñecemento científico e tecnolóxico, pero eticamente guiado, dos retos que deben canalizar o desenvolvemento sustentable. A Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable foi aprobada pola ONU no ano 2015, estrutura os grandes retos globais en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha proposta que interpela aos estados, ás institucións públicas, ao sector privado e á cidadanía. Neste marco, a investigación e a transferencia teñen un papel determinante no liderado de procesos de transformación cara unha nova mirada onde a sustentabilidade sexa a premisa básica. As diferentes etapas de desenvolvemento dunha tese de doutoramento implican un proceso de aprendizaxe sobre os procedementos de investigación e a posibilidade de abrir unha fonda reflexión sobre os fins e as achegas de cada traballo. Por todo isto, o curso pretende abrir un ámbito de reflexión sobre a inclusión da sustentabilidade, a cooperación internacional e, de ser o caso, os ODS nos traballos de tese que se estean a realizar. A tarefa final está encamiñada a analizar as capacidades de cada investigación neste ámbito.
Ubicación
Santiago
Modalidad
Presencial
Duración
Horas presenciales: 12
Total: 12
Matrícula en la actividad
24/10/2022 - 03/11/2022
Desarrollo de la actividad
07/11/2022 - 15/12/2022
Profesor/a
Silvana Longueira Matos
Profesor/a externo/a
Andrés Fernando Herrera Herrera
Profesor/a externo/a
Jorge Gutiérrez Goiria
Grupo | Lugar | Fechas | Horario |
---|---|---|---|
Sustentabilidade, Investigación e Cooperación Internacional. A propósito da axenda 2030 | Aula de formación da EDIUS, Edificio CEA, Parque de Vista Alegre | 7, 21 e 28 de novembro; e 15 de decembro de 2022 | 7 de novembro. 10:00-13:00 h.(presencial); 21 de novembro. 10:00-13:00 h. (en liña); 28 de novembro. 10:00-13:00 h. (presencial); 15 de decembro: Entrega da tarefa final |
- Coñecer a Axenda 2030 e as súas implicacións nos procesos de xeración de coñecemento.
- Evidenciar a necesidade de traballar pola sustentabilidade a través da transferencia de coñecemento derivado dos procesos de investigación. A Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Educación para a Cidadanía Global.
- Achegarse á investigación e á innovación responsables.
- Valorar as achegas e implicacións do traballo de investigación na cooperación internacional.
- Desenvolver unha proposta de inclusión da sustentabilidade no traballo de tese que se estea realizando.
- A problemática: unha crise socio ambiental mundial.
- O Desenvolvemento Sustentable. Enfoques e achegas.
- Unha estratexia global cara ao desenvolvemento sustentable. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os ODS.
- A Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento.
- A Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Cidadanía Global.
- A Universidade e o seu papel no camiño cara a sustentabilidade.
- Integración da sustentabilidade na investigación. Os ODS na tese de doutoramento.
Metodoloxía e temporalización:
- O curso realizarase en modalidade híbrida (presencial e en liña) cunha dedicación de 12 h. por parte de cada participante.
- Proponse unha temporalización de 4 semanas con 3 sesións síncronas de 3 horas e 3 horas máis de traballo persoal.
- Cada participante entregará unha tarefa final realizada individualmente que identifique no seu traballo de tese os aspectos aliñados coa sustentabilidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
- O curso desenvolverase nas seguintes datas:
7 de novembro 10:00-13:00 h.(presencial). Andrés F. Herrera
21 de novembro 10:00-13:00 h. (en liña). Jorge Gutiérrez
28 de novembro 10:00-13:00 h. (presencial). Silvana Longueira
15 de decembro Entrega da tarefa final
Andrés Fernando Herrera Herrera. Red Española de Estudios de Desarrollo (REEDES).
Doutor en Estudos sobre Desenvolvemento do Instituto Hegoa, Universidade do País Vasco (UPV/EHU), e máster en Globalización e Desenvolvemento da mesma institución, máster en Análise Económica Aplicada da Universidade de Alcalá e máster en Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade pola Universidade Pablo de Olavide. É economista (licenciado) pola Universidade do Valle (Cali, Colombia). Os seus temas de investigación inclúen a análise das teorías, discursos e prácticas do desenvolvemento, a análise das relacións entre os sistemas socioeconómicos e ecolóxicos, a sustentabilidade, as medidas de benestar social e a cooperación internacional para o desenvolvemento. Actualmente, é o coordinador técnico da Rede Española de Estudos do Desenvolvemento (REEDES).
Jorge Gutiérrez Goiria. Universidad del País Vasco/ Euskal Herriko Unibertsitatea (UPV/EHU).
Profesor do Departamento de Economía Aplicada e membro do Instituto Hegoa da Universidade do País Vasco. Formación en economía e empresa, con especialización posterior (master e doutoramento) en cuestións relacionadas co desenvolvemento e a cooperación internacional. Responsable do Grupo de Investigación sobre Coherencia de Políticas para o Desenvolvemento e a Cooperación Internacional (UPV/EHU). Presidente da Rede Española de Estudos do Desenvolvemento (REEDES) entre 2017 e 2020. Liñas de investigación que inclúen a Axenda 2030 e os ODS, as políticas de cooperación descentralizada, así como cuestións relacionadas co financiamento do desenvolvemento, as microfinanzas e a banca ética, entre outras.
Silvana Longueira Matos (Coord.). Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica e membro do Grupo de Investigación Terceira Xeración (TeXe) da Universidade de Santiago de Compostela, integrado na Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiológica (RIPEME) en colaboración coa Rede Iberoamericana de Pedagoxía (REDIPE). As súas liñas de investigación céntranse en artes e educación e na Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Cidadanía Global. Coordina o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, o Grupo de Traballo de Sostibilización Curricular de Crue-Universidades, membro do Grupo de Traballo de Educación para o Desenvolvemento do Consello Estatal de Cooperación do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, membro do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Xunta de Galicia).