Pasar al contenido principal

3ª edición do Three Minute Thesis (3MT®)

A USC, a través da súa Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), convoca a terceira edición do Three Minute Thesis (3MT®), un concurso de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento. Iniciado pola Universidade de Queensland en 2008, 3MT cultiva as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación dos estudantes. O concurso apoia a capacidade dos doutorandos e doutorandas para explicar eficazmente a súa investigación en tres minutos, nunha linguaxe adecuada para un público non especializado. Neste vídeo poderás ver e coñecer as normas básicas do concurso da USC.

O requisito para participar nesta terceira edición do 3MT da EDIUS é ter estado matriculado nun programa de doutoramento da USC no curso 2023/2024 e non ter defendido a tese. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse e enviar os seus vídeos a partir do 1 de febreiro ata o 15 de maio. Nesta ligazón poderás cumprimentar a ficha de inscrición e subir o vídeo.

Esta competición reta ao estudantado de doutoramento a consolidar as súas hipóteses, obxectivos e ideas así como a validez e importancia dos resultados da súa investigación, e a presentalos de xeito claro e conciso, empregando unicamente os recursos propios da oratoria e da retórica, esenciais para as súas futuras carreiras profesionais. O escaso tempo que teñen obrígalles a preparar discursos claros e efectivos, que transmitan en poucas palabras a importancia do tema de investigación de xeito sinxelo e comprensible para os non expertos.

O Three Minute Thesis pretende fomentar o intercambio multidisciplinar, animando aos membros da comunidade académica a que coñezan os distintos proxectos de investigación que levan a cabo os doutorandos e doutorandas da Escola de Doutoramento da USC.

Unha boa construción do discurso e a súa presentación oral son a parte esencial da competición, onde a posta en escena ten que estar reducida ao mínimo.

A selección dos vídeos finalistas estará a cargo dun comité académico conformado por membros da EDIUS e profesorado da USC. Eles serán os encargados de elixir un máximo de 20 vídeos, 5 por cada área de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias e Enxeñarías; Ciencias da Saúde; e Ciencias Sociais) que concorrerán a unha Gran Final. O comité deberá ter en consideración os seguintes criterios:

  • Capacidade comunicativa dos participantes.
     
  • Facilidade de comprensión do contexto do tema de investigación e o seu significado.
     
  • Se a exposición describe claramente os resultados da investigación, incluíndo as conclusións.
     
  • Se o tema de investigación, resultados e importancia foron comunicados nunha linguaxe adecuada para a audiencia non especializada.
     
  • Nivel de impacto do traballo para a área de coñecemento á que pertence.
     

Criterios de valoración (A puntuación máxima é de 10 puntos)

  1. Capacidade comunicativa (5 puntos)
     
    • Capacidade de comunicar os principais puntos da investigación adaptando a linguaxe a un público non especializado na súa mesma área de investigación. (3 puntos)
       
    • Claridade na exposición e coherencia e cohesión no discurso. (1 punto)
       
    • Seguridade na transmisión da mensaxe e capacidade de captar a atención da audiencia. (1 punto)
       
  2. Calidade da investigación (5 puntos)
     
    • O/A participante transmite o interese da súa investigación. (2 puntos)
       
    • O/A participante comunica de forma clara o deseño da súa investigación e os seus primeiros resultados. (1,5 puntos)
       
    • O/A participante explica de forma clara as primeiras conclusións da súa investigación e o impacto que se pode derivar dela. (1,5 puntos)

Os 20 vídeos finalistas concursarán nunha Gran Final que terá lugar antes de finalizar o curso académico, un día e nun lugar aínda por determinar. Os 20 finalistas farán a presentación da súa investigación en persoa. A exposición, que se fará diante dun xurado e do público asistente, deberá respectar o tempo (3 minutos) e o guión do traballo presentado en formato vídeo. Nesta gala serán entregados os catro Premios de Excelencia de Divulgación Científica, un por cada área.

O xurado estará composto polos subdirectores e subdirectoras da EDIUS e por dous profesores da USC:

  • Artes e Humanidades: Dolores Vilavedra Fernández
     
  • Ciencias e Enxeñarías: Eva Rodil Rodríguez
     
  • Ciencias da Saúde: José Manuel Cifuentes Martínez
     
  • Ciencias Sociais e Xurídicas: José Miguel Túñez López
     
  • Marta Rodríguez Castro: Profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación
     
  • Roi Méndez Fernández: Profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación

O xurado terá en conta aspectos do contido das presentacións e a capacidade comunicativa dos candidatos e candidatas, independentemente da área de coñecemento á que se adscriban.

A EDIUS premiará aos doutorandos e doutorandas gañadores dos Premios de Excelencia de Divulgación Científica cun cheque por valor de 250€.

Ademais, os/as 20 doutorandos e doutorandas que participen na final recibirán como recoñecemento un agasallo sorpresa.

Normas para os vídeos

  1. A duración do vídeo non poderá superar os 3 minutos. Os vídeos que superen esta duración serán descualificados.
     
  2. O idioma empregado no vídeo deberá ser galego, castelán, inglés ou lingua de signos.
     
  3. No pitch deben abordarse os seguintes aspectos da tese de doutoramento: interese e deseño da investigación, primeiros resultados e conclusións/impacto agardados.
     
  4. A persoa participante gravarase en plano medio, desde a cintura cara arriba.
     
  5. A gravación debe ser en horizontal.
     

Normas para a final presencial

  1. A duración da presentación oral na final presencial terá tamén unha duración máxima de 3 minutos. Haberá unha conta atrás e o/a participante deberá deter o seu discurso superado o tempo máximo.
     
  2. O discurso da presentación en formato presencial deberá ser o mesmo que o presentado no vídeo, podendo incluír tan só as modificacións derivadas da presentación en directo.
     
  3. Durante a presentación, o/a participante poderá proxectar unha única diapositiva que lle sirva de apoio.