Hacia una teoría de la sátira gallegoportuguesa y su posible duplicidad genérica

Santiago Gutiérrez García

A partir dos conceptos sobre a sátira que elaborara a retórica clásica e que conforman a tradición retórica medieval, estúdase a orixe e o significado das dúas modalidades satíricas da lírica galegoportuguesa, o escarnio e o maldicir. Para iso, téñense en conta a definición que proporciona A arte de trovar do Cancionero B (Biblioteca Nacional de Lisboa), así como os datos que poidan extraerse doutras indicacións textuais e paratextuais do corpus trovadoresco. A análise de conceptos como a aequivocatio, os tropos, a linguaxe figurada, a inxuria ou a poética da obscuritas permiten poñer en relación a sátira galegoportuguesa coa tradición latina, a través das artes poetriae dos séculos XII e XIII, pero tamén coa lírica occitana e a súa teoría do sirventés. A escuridade conseguida ao través de artificios verbais, na medida en que se expuxo como unha vía de coñecemento que só era accesible a unha elite, favoreceu que o uso da linguaxe figurada adquirise connotacións sociolóxicas. O cal desembocou nunha dobre maneira de entender o discurso satírico, na que a inxuria formulada de maneira explícita e ligada á maledicencia considerábase inferior e xograresca, mentres que o ataque lúdico a través de significados indirectos adscribíase ao ámbito exclusivista dos trobadores e a clerecía.