50º Congreso Internacional do Atlas Linguarum Europae
Santiago de Compostela, 19-23 xuño 2017


Queridos colegas do Atlas Linguarum Europae, como xa saben, no Congreso que tivo lugar en Sofía en xuño de 2015 acordouse facer as xestións necesarias para poder celebrar o Congreso do ano 2017 en Santiago de Compostela (Galicia, España), e no Congreso de Londonderry do ano 2016 levouse xa a cabo unha presentación do Congreso ALE-2017 que terá lugar en Santiago, e sinalouse como período máis conveniente para a súa realización a segunda metade do mes de xuño.
Aproveitando que case a totalidade do Comité Románico do ALE forma parte do equipo investigador do Atlas Linguistique Roman, consideramos oportuno facer coincidir o Congreso do ALE co Congreso do Atlas Linguistique Roman, tal como ocorrera hai xa anos en Italia.
As datas previstas para os traballos dos dous Congresos son as do 20, 21 e 22 de xuño de 2017. Os traballos do ALE concentraranse no día 20 e mañá do 21, e os do ALiR na tarde do 21 e na xornada do día 22.
Necesitamos coñecer con certa urxencia as persoas que van participar no Congreso, por iso, aínda que será posible inscribirse ata o día 28 de febreiro, agradeceriamos que nos fagan chegar a intención de asistir antes do día 15, cubrindo o formulario de inscrición na páxina web do congreso (http://www.usc.es/filrom/congresos/congreso-internacional-do-ale/inscricion), indicando a intención ou non de presentar algunha síntese do ALE.
Os participantes poderán chegar o día 19 de xuño e aloxarse na Residencia “Burgo das Nacións” da Universidade de Santiago. Os interesados en aloxarse nesta residencia deberán cubrir o formulario de aloxamento que figura na páxina web do congreso, indicando a data de chegada e a data de partida.
Evidentemente, ás persoas que desexen aloxarse nun hotel, asumindo elas os seus gastos, facilitarémoslles toda a información que necesiten. Na propia páxina web hai unha indicación dos hoteis máis recomendables.
O día 23 haberá unha visita cultural durante a mañá, á que os congresistas poderán acudir, se así o desexan.
A organización non se pode facer cargo dos gastos de viaxe de ningún dos congresistas.
Na páxina web atoparán información sobre os horarios e prezos dos autobuses que hai desde o aeroporto á cidade de Santiago, así como a parada de destino máis recomendable. Tamén se proporcionará información sobre o prezo do traxecto Aeroporto-Santiago en taxi.
Recomendamos que as informacións, suxestións ou comentarios sobre o Congreso sexan tramitadas a través da páxina web.
Os investigadores que só vaian participar no Congreso do ALE deben cubrir o formulario de inscrición nese congreso, pero os que vaian participar tamén no do ALiR deben cubrir ademais o formulario de inscrición neste último. É dicir, deben facer unha dobre inscrición.

Datos máis importantes:

  • Inscrición dos participantes: antes do 28 de febreiro (pero recoméndase antes do 15-2-2017)
    O prazo de inscrición para o resto de asistentes continúa aberto.
  • Chegada de congresistas: 19 de xuño de 2017
  • Desenvolvemento dos traballos: 20-22 de xuño, pero as sínteses do ALE exporanse o día 20 e mañá do 21
  • Visita cultural voluntaria e regreso dos congresistas: 23-06-2017
  • Aloxamento: Residencia universitaria “Burgo das Nacións” da Universidade de Santiago.

Entidades Organizadoras:

  • Academia Română, Institutul de Lingvistică ” Iorgu Iordan -Al. Rosetti”
  • Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades
  • Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela

Comité Organizador

Presidencia:

    • Nicolae Saramandu (Academia Română e Universitatea din Bucureşti)
    Manuel González González (Universidade de Santiago de Compostela e Centro Ramón Piñeiro)

Vogais:

    • Rita Caprini (Università degli Studi di Genova, Italia)
    • Michel Contini (Université Grenoble Alpes, Francia)
    • Manuela Nevaci (Academia Română e Universitatea din Bucureşti)
    • Luchia Antonova-Vasileva (Institute for Bulgarian Language, Bulgarian Academy of Sciences)
    • Sirkka Saarinen (Turun Yliopisto, Finlandia)
    Jozica Skofic (Université de Ljubljana)

Secretaría:

    • Alba Aguete (Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela)
    Ionuț Geana (Academia Română e Universitatea din Bucureşti)

cartel