As mulleres nas cantigas medievais

Esther Corral Díaz

Preséntase un estudo filolóxico da presenza da muller na lírica galego-portuguesa profana (cantigas de amor, de amigo e de escarnio) e relixiosa (Cantigas de Santa María). Para iso, tras unha introdución na que se realiza unha aproximación ao contexto temporal e espacial da muller na Idade Media, analízanse as designacións femininas, cun estudo etimolóxico e comentario dos rexistros nos cancioneiros, o seu significado textual e a súa relación con voces semellantes da lírica románica.

 

O resultado da investigación reflicte unha ampla riqueza terminolóxica e unha certa variedade de perspectivas dependendo das tipoloxías. Documéntanse non só os estereotipos da amiga, protagonista dos cantares de amigo, e da senhor dos cantares de amor, senón tamén as nais desas amigas, as soldadeiras, as monxas, etc.; mulleres pertencentes a distintos estados civís e estados sociais; mulleres fermosas e novas, feas e vellas, e, no estadio máis alto, unha Virxe que encarna a perfección feminina (en CSM) e que, ao mesmo tempo, deixa entrever certa misoxinia propia do ámbito relixioso.