O protagonismo feminino na lírica galego-portuguesa. Entre historia e literatura

Carmen de Santiago Gómez

Son poucas as mulleres nobres que deixaron a súa pegada na produción lírica galego-portuguesa. Nas cantigas de amor esta ausencia atopa a súa xustificación no respecto dos autores pola convención poética do tradicional precepto do celar (herdado dos trobadores provenzais). No xénero de escarnio e maldizer, o propio estatuto social de ditas mulleres explica que, na maior parte das ocasións, a súa identidade se agoche no anonimato (cfr. o emprego de substantivos xenéricos —dona, donzela, abadessa…— que fan imposible que, xeralmente, se poida individualizar o branco da sátira). Tendo en conta as características sinaladas, a contribución pretende centrarse naqueles textos amorosos e satíricos en que o protagonismo feminino se revela útil en dúas frontes: por unha banda, a nivel literario, xa que a mención do nome e do patronímico da dama racha cun dos tópicos establecidos no “sistema” para renovar as estruturas poéticas dun xeito máis dinámico; por outra, a referencia a unha muller concreta nos textos desvela datos que contribúen á fixación das coordenadas cronolóxicas da produción de certos trobadores, e, ao mesmo tempo, axuda a precisar fíos de relacións familiares e literarias entre autores. O estudo analiza, pois, o alcance que ten o emprego do nome da dama no medio trobadoresco dende unha perspectiva diacrónica, co propósito de situar esa práctica no seo da tradición lírica galego-portuguesa.