
Ata o ano 2007, os especialistas só podían consultar a versión castelá do Livres dou Tresor de Brunetto Latini na edición de S. Baldwin (1989), pero nesa data Mª N. Sánchez publicou unha nova edición da obra. Dito traballo ofrece un texto que, ao cotexalo co fixado polo estudoso americano, presenta lecturas diferentes en abundantes pasaxes. No mesmo ano 2007, P. Beltrami coordinou unha nova edición da enciclopedia francesa para a que se utilizou como base o ms V2 (Verona Biblioteca Capitolare DVIII). Na nosa contribución confrontamos a versión publicada polo filólogo italiano e a realizada por Sánchez. Dita operación foi determinante, porque permitiu que se achegase a tradución castelá ao manuscrito francés V2 e ao seu grupo. Unha vez establecida a orixe do Libro del Tesoro, percibimos que a maior parte dos erros que ata o momento se lle imputaban ao tradutor non obedecían á súa pluma ou as súas tendencias interpretativas, senón que eran leccións que xa se atopaban no modelo que trasladaba. Ademais, a relación que a versión castelá mantén co citado códice V2 e a súa familia amosa que dita tradución (por oposición aos textos aragonés e catalán) depende da tradición manuscrita do Tresor que xermolou nos territorios franceses do Mediterráneo oriental.