Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Teoría da Literatura e Literatura Comparada
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
HOLOCAUSTO
Nun chío do 2 de xaneiro de 2019 Arturo Pérez-Reverte afirmou: «Iba a escribir una novela sobre Auschwitz, pero ya no quedan personajes libres: La bibliotecaria de Auschwitz, La bailarina de Auschwitz, El tatuador de Auschwitz, El farmacéutico de Auschwitz, La enfermera de Auschwitz, El mago de Auschwitz, El violinista de Auschwitz...», ao que seguiu outro no que dicía «Rediós. Qué difícil se está poniendo esto de la literatura» tras comprobar que o mesmo acontecía con Mauthausen e
Treblinka. As respostas de ducias de persoas indignadas non se fixeron agardar, incluído o chío do propio Auschwitz Memorial, no que se di: «La historia de Auschwitz es la historia del sufrimiento de 1,3 millones de personas. Su tweet parece
desencadenar comentarios que tristemente se están convirtiendo en una burla irrespetuosa a la memoria de esas personas».
Curiosamente, tódolos participantes no fío parecían concordar nunha mesma cuestión: o perigo da banalización do Holocausto. De feito, tódolos títulos mencionados por Pérez-Reverte pertencen a novelas reais, algunhas das cales ocuparon
postos nas listaxes dos libros máis vendidos. Significa isto que a escritura e a lectura sobre o Holocausto se está a convertir nunha moda? Hannah Arendt afirmou que o tema máis importante para a filosofía da segunda metade do século XX sería o mal, en clara referencia ao mal radical do Holocausto. A súa obra, porén, foi a que durante décadas afrontou este tema en solitario. É o enorme número de obras literarias sobre o Holocausto unha mostra de banalización ou un intento de manter vivo o testemuño de actos atroces nun momento no que as súas derradeiras vítimas están a desaparecer (os nenos do Holocausto)? Pode indicar a listaxe de Pérez-Reverte que o Holocausto se ten convertido nunha memoria transnacional e as obras que o abordan unha forma de literatura mundial?
Estas e outras cuestións serán abordadas neste seminario, que se imparte en galego, dende a literatura comparada. Esta disciplina atende a dimensión interliteraria, interartística e interdiscursiva dos estudos literarios. O seminario definirá unha
perspectiva apropiada para a comprensión da literatura coma fenómeno supranacional, ao tempo que identificará algúns dos problemas que dan sentido á literatura comparada coma disciplina cun compromiso ético. Consonte a vontade transfronteiriza da literatura comparada, por «Holocausto» entenderase diversas realidades, coma a Shoah xudía, o Porajmos romaní, o Generalplan Ost eslavo ou a persecución dos homosexuais, entre outras.
HOLOCAUSTO
Programa
1. Introdución á literatura comparada
2. O eixe interliterario. Cara á literatura mundial
3. O eixe interartístico. Literatura e artes plásticas
4. O eixe interdiscursivo. Literatura e dereito
O cartafol de lecturas críticas e outros materiais está dispoñíbel na Aula Virtual/Servizo de Reprografía.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:
Apter, Emily. The Translation Zone: A New Comparative Literature. Princeton: Princeton UP, 2006.
Apter, Emily. Against World Literature: On the Politics of Untranslatability. Londres: Verso, 2013.
Arednt, Hannah. Eichmann en Jerusalén: un estudio sobre la banalidad del mal. Trad. Carlos Ribalta. 2ª ed. Barcelona: Lumen, 1999.
Arendt, Hannah. Los orígenes del totalitarismo. Trad. Guillermo Solana. Madrid: Alianza, 2006.
Bassnett, Susan. Comparative Literature: A Critical Introduction. Oxford: Blackwell, 1993.
Bonete Perales, Enrique, ed. La maldad. Raíces antropológicas, implicaciones filosóficas y efectos sociales. Madrid: Cátedra, 2017.
Casanova, Pascale. La República mundial de las letras. Trad. Jaime Zulaika. Barcelona: Anagrama, 2001.
Damrosch, David. What Is World Literature? Princeton: Princeton UP, 2003.
Domínguez, César, Haun Saussy e Darío Villanueva. Lo que Borges enseñó a Cervantes. Introducción a la Literatura comparada. Trad. David Mejía. Madrid: Taurus, 2016.
Franco, Bernard. La Littérature comparée. Histoire, domaines et méthodes. París: Armand Colin, 2016.
Guillén, Claudio. Múltiples moradas. Ensayo de literatura comparada. Barcelona: Tusquets. 1998.
Guillén, Claudio. Entre lo uno y lo diverso. Introducción a la Literatura comparada (Ayer y hoy). Barcelona: Crítica, 2005.
Heise, Ursula K. et al., eds. Futures of Comparative Literature: ACLA State of the Discipline Report. Londres: Routledge, 2017.
Moretti, Franco. La literatura vista desde lejos. Trad. Marta Pino Moreno. Barcelona: Marbot, 2007.
Moretti, Franco. Lectura distante. Trad. Lilia Mosconi. Buenos Aires: Fondo de Cultura Económica, 2015.
Naupert, Cristina, ed. Tematología y comparatismo literario. Madrid: Arco/Libros, 2003.
Naupert, Cristina. La Tematología comparatista entre teoría y práctica. La novela de adulterio en la segunda mitad del siglo XIX. Madrid: Arco/Libros, 2001.
Romero López, Dolores, ed. Orientaciones en literatura comparada. Madrid: Arco/Libros, 1998.
Vega, María José e Neus Carbonell. La Literatura comparada: principios y métodos. Madrid: Gredos, 1998.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA:
Proporciónase no Campus Virtual, xa que o espazo máximo desta aplicación non permite rexistrala.
• Coñecer as aplicacións da literatura comparada ao entendemento crítico do concepto de literatura.
• Adquirir os instrumentos básicos para unha reflexión sobre a idea de supranacionalidade literaria.
• Aplicar o instrumental teórico-comparado á análise de textos literarios e outros artefactos culturais.
• Aprehender algúns dos problemas centrais na investigación e análise literario-cultural.
A filosofía docente do seminario, que se imparte en galego, aséntase na figura do docente como guía —e non como transmisor de contidos— e adestramento en "pensamento crítico". Segundo a definición de Michael Scriven e Richard Paul, o pensamento crítico é "un proceso intelectual disciplinado que conceptualiza, aplica, analiza, sintetiza e/ou avalía activamente información obtida de, ou xerada por, observación, experiencia, reflexión, razoamento ou comunicación". O grupo no seu conxunto é xerador e receptor do pensamento crítico.
O Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) foi creado co obxectivo central de favorecer un proceso de aprendizaxe centrado no alumnado. Dito obxectivo só pode acadarse en grupos moi reducidos. Segundo se afirma, por exemplo, polo Times Higher Education Rankings, "unha ratio profesorado:alumnado baixa contribúe a que o alumnado cultive relacións máis próximas co profesorado, teña acceso máis rápido á retroalimentación e poida implicarse máis nas discusións e seminarios". Porén, nesta materia a ratio profesor:alumnado, cuxa responsabilidade é allea ao docente, é improcedente para dita aprendizaxe centrada no alumnado en grupos reducidos. A este respecto, o docente ten unha marxe mínima de manobra. O único que está na súa man é a aplicación, na medida do posíbel, dunha banda, da metodoloxía chamada "aula invertida", que se basea na secuencia estudo > avaliación > ensino, e, doutra banda, do recurso ás tecnoloxías de información e comunicación con traballo en grupo. Neste último caso, a normativa da USC tampouco contribúe á consecución do obxectivo central do EEES na medida en que as "Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura (Curso 2020-2021)" limitan o desenvolvemento da docencia expositiva e virtual até un máximo do 10% das horas totais da materia no chamado escenario de normalidade adaptada (Escenario 1).
O docente deixa aquí constancia do seu compromiso profesional coa contorna EEES na que debería desenvolverse o seu traballo, cun sistema europeo de transferencia e acumulación de créditos (o chamado ECTS) no que o alumnado sexa o centro da aprendizaxe mediante grupos reducidos e a redución das horas de aulas presenciais a favor dunha aprendizaxe tutelada polo profesorado. A aplicación da metodoloxía de aula invertida e unha avaliación continua resultan nunha multiplicación exponencial da carga do profesor que, non obstante, se asume en prol de fomentar a aprendizaxe autónoma do alumnado.
No ámbito da "aula invertida", practicaranse variantes como a instrución entre pares, ensino a tempo e a aprendizaxe baseada en equipos, entre outras.
A materia posúe un sistema de avaliación único –avaliación continua formativa– en consonancia coa aspiración a este respecto das "Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura (Curso 2020-2021)" da USC. Erroneamente, adoita identificarse "avaliación continua" coa inexistencia dun exame final. A avaliación continua consiste, porén, na proposta periódica de actividades, de carácter avaliábel, que faciliten a asimilación e desenvolvemento progresivos dos contidos e competencias da materia. Ademais, é formativa ao proporcionar retroalimentación ao alumnado. Por problemas alleos á responsabilidade do docente, o grao de retroalimentación non poderá acadar o grao máximo desexábel como consecuencia da ratio profesor:alumnado.
Son requisitos irrenunciábeis da avaliación continua formativa:
1) a participación nas discusións acudindo a tódalas sesións previa preparación coidadosa do material;
2) a execución das actividades orais/escritas, individuais/colectivas que se programen; e
3) a realización satisfactoria dos exercicios programados.
Detállase a continuación a listaxe de exercicios programados e o seu valor porcentual na avaliación progresiva:
1) proposta de título e resumo do ensaio comparativo. Realización individual. Entrega telemática, Semana 5 (10%);
2) análise "close reading" do ensaio comparativo. Realización individual. Entrega telemática, Semana 10 (20%);
3) ensaio comparativo. Realización individual. Entrega telemática (55%). Data de entrega: convocatorias oficiais ordinaria e de segunda oportunidade fixadas polo Decanato da Facultade de Filoloxía.
4) voz de dicionario de literatura mundial. Realización grupal. Entrega telemática (15%). Data de entrega: convocatorias oficiais ordinaria e de segunda oportunidade fixadas polo Decanato da Facultade de Filoloxía.
O ensaio, que debe estabelecer un diálogo con algún dos asuntos abordados no seminario co desenvolvemento dunha análise comparativa entre unha das obras literarias do seminario e outra obra de libre elección (no marco dun dos eixes da disciplina), contará cunha extensión aproximada de 3.000 palabras (as “Obras citadas” e, de ser o caso, o apéndice non computan) e seguirá o modelo dun artigo dunha publicación científica periódica. A cualificación fundamentarase no grao de claridade, concisión e minuciosidade con que se realice o ensaio, que debe organizarse mediante introdución, na que se presente a tese, desenvolvemento argumentativo e conclusión. En cada un destes apartados débese demostrar habilidade interpretativa e crítica. En ningún caso o ensaio consistirá nun resumo dos materiais, senón nunha análisise crítica deles. Os criterios de corrección do ensaio comparativo son:
1) corrección ortográfica e claridade expositiva: 1.5 puntos;
2) adecuación ás normas formais e estilísticas da escritura académica: 1.5 puntos;
3) profundidade de análise e interrelación argumental, pensamento crítico e argumentación persoal: 3.5 puntos; e
4) dominio teórico-conceptual e aplicabilidade literaria orixinal: 3.5 puntos
Para o Dicionario de literatura mundial (http://dictionaryworldliterature.org) hai dúas posibilidades de proposta de exercicio: 1ª) proposta dun novo concepto, que debe ser apropiado para este dicionario (que non é un dicionario de termos literarios) e xustificarse nunha proposta de 100/200 palabras no prazo fixado; 2ª) proposta de corrección e/ou ampliación dun concepto xa existente, que debe xustificarse nunha proposta de 100/200 palabras no prazo fixado. Os criterios de corrección da voz de dicionario son:
1) corrección ortográfica e claridade expositiva: 1.5 puntos;
2) grao de adecuación do termo proposto para un dicionario de literatura mundial/xustificación da necesidade da corrección e ampliación dun termo xa existente: 1.5 puntos;
3) profundidade de análise e interrelación argumental, pensamento crítico e argumentación persoal: 3.5 puntos; e
4) dominio teórico-conceptual e aplicabilidade literaria orixinal: 3.5 puntos
A asistencia ás clases é obrigatoria e por tanto non computa de seu. Un número de ausencias non xustificadas superior ao 20% implicará o suspenso. A efectos informativos, completado o calendario oficial de clases, farase pública unha relación dos estudantes que superaron ese máximo de faltas.
O alumnado que non supere a materia na convocatoria ordinaria continúan a ter ao seu dispor a supervisión académica de cara a solventar os problemas que xurdiran e presentar novamente o seu ensaio na convocatoria de segunda oportunidade.
O sistema de avaliación é idéntico para o alumnado con dispensa oficial de asistencia, agás no relativo á voz de dicionario, que pasa a ser un exercicio individual.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e da revisión de cualificacións.
CRONOGRAMA:
Semana 1 Presentación. Introdución á literatura comparada
Semana 2 Introdución á literatura comparada
Semana 3 Introdución á literatura comparada
Semana 4 Eixe interliterario
Semana 5 Eixe interliterario. Proposta de título e resumo de ensaio
Semana 6 Eixe interliterario. Proposta de voz de dicionario
Semana 7 Eixe interliterario
Semana 8 Eixe interliterario
Semana 9 Eixe interliterario
Semana 10 Eixe interartístico. Análise "close reading"
Semana 11 Eixe interartístico
Semana 12 Eixe interdiscursivo
Semana 13 Eixe interdiscursivo
Convocatoria ordinaria: ensaio comparativo (individual) e voz de dicionario (grupal)
Convocatoria de segunda oportunidade: ensaio comparativo (individual) e voz de dicionario (grupal)
Prácticas de campo
De haber en Galiza algunha actividade cultural vencellada aos contidos do seminario durante o semestre, poderá proporse a visita e práctica de campo correspondente.
Con respecto ao traballo persoal, 1 ECTS equivale a 25 horas de traballo por parte do estudante.
En virtude dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (Art. 3), que recoñecen ao galego como a "lingua propia" da universidade, as aulas impártense en galego. Asemade, en virtude do contexto bilingüe de Galiza, a interacción —tanto verbal coma escrita— realizarase en calquera das dúas linguas (galego ou castelán). Ademais, a orientación comparatista da materia e as esixencias bibliográficas fan imprescindíbel o manexo —canto menos pasivo— do inglés.
É recomendábel a consulta da seguinte páxina da USC: http://www.usc.es/gl/info_xeral/galego/usc.html
Segundo a Táboa de equivalencias do MECR, é recomendábel ter as seguintes competencias:
* Galego: mínimo B1
* Castelán, Inglés: mínimo A2
ATENCIÓN TITORIAL:
As sesións presenciais teñen o seu complemento na atención titorial, que o profesor ofrece durante seis horas por semana; para consultar o horario, prémase no enlace "Horario do profesorado" da web da Facultade de Filoloxía (dado que poden producirse variacións no horario, recoméndase consultar periodicamente o horario de atención titorial). Para facer uso da atención titorial, debe solicitarse cita previa mediante mensaxe electrónica dende dirección @rai.usc.es.
COMUNICACIÓN ELECTRÓNICA E USO DO CAMPUS VIRTUAL:
A comunicación electrónica realízase mediante as contas de enderezo electrónico institucional da USC, os servizos de mensaxería do Campus Virtual e, no seu caso, o servizo de Telegram. En consecuencia, é responsabilidade do alumnado a súa consulta periódica, así como o redireccionamento das mensaxes a un enderezo electrónico activo. O tempo de recepción e resposta ás mensaxes electrónicas está restrinxido ao horario de atención titorial. Tamén é obriga do alumnado a consulta periódica do Campus Virtual e a realización telemática e entrega en prazo das tarefas programadas.
DISTRIBUCIÓN DE GRUPOS EXPOSITIVOS E INTERACTIVOS:
A distribución do alumnado entre os grupos interactivos é realizada polo Decanato co obxecto de garantir unha distribución numérica equitativa. Neste sentido, é obrigatorio respectar dita distribución, sen que se poidan facer modificacións de grupo. En consecuencia, NON se aceptan solicitudes de cambio de grupo motivadas por coincidencia horaria debida aos seguintes motivos:
1) segunda matrícula ou posterior na materia: en función da normativa de prelación de materias da Facultade de Filoloxía, o alumnado debe cursar primeiro unha materia pertencente ao módulo básico, como é o caso desta materia Conceptos fundamentais de teoría literaria e literatura comparada.
2) coincidencia horaria motivada por mobilidade Erasmus/Sócrates: o alumnado debe cursar primeiro unha materia pertencente ao módulo básico.
Só serán aceptadas solicitudes de cambio de grupo por causas sobrevidas de forza maior cursadas oficialmente mediante mensaxe electrónica dirixida ao coordinador da materia e aos docentes do grupo que se deixa e o grupo no que se integra durante a PRIMEIRA SEMANA do semestre.
PLAN DE CONTINXENCIA:
Metodoloxía de ensino:
Segundo o fixado polas "Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura (Curso 2020-2021)" da USC, nun escenario de distanciamento (Escenario 2), a docencia expositiva-interactiva desenvolverase cunha distribución presencial/virtual definida polo Decanato da Facultade de Filoloxía. Arbitraranse mecanismos telemáticos ad hoc para a atención titorial. Nun escenario de peche das instalacións (Escenario 3), a docencia expositiva-virtual desenvolverase completamente de xeito virtual con mantemento do horario programado e atención titorial telemática. No caso da docencia virtual, as modalidades síncrona ou asíncrona serán estabelecidas en función das especificidades do grupo.
Sistema de avaliación:
Non hai modificacións no que atinxe á avaliación continua formativa, xa que en calquera escenario está prevista a súa cumprimentación telemática.
Tanto no Escenario 2 como no Escenario 3, a ratio profesor:alumnado fixada para esta materia multiplicará exponencialmente a carga de traballo do profesor e, en consecuencia, disminuirá a súa capacidade de fornecer retroalimentación ao alumnado malia o previsto polo EEES sobre a centralidade do alumnado no proceso de aprendizaxe. Como se ten salientado xa, esta situación é allea á responsabilidade do docente.
Cesar Pablo Dominguez Prieto
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Teoría da Literatura e Literatura Comparada
- Teléfono
- 881811801
- Correo electrónico
- cesar.dominguez [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Luns | |||
---|---|---|---|
11:00-12:00 | Grupo /CLIS_01 (A-Guerra) | Galego | D09 |
12:00-13:00 | Grupo /CLIS_02 (Guerreiro-Z) | Galego | D09 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 (Guerreiro-Z) | D07 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 (A-Guerra) | D07 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D07 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 (Guerreiro-Z) | D08 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 (A-Guerra) | D08 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D08 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 (Guerreiro-Z) | D09 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D09 |
25.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 (A-Guerra) | D09 |
28.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D07 |
28.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 (Guerreiro-Z) | D07 |
28.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 (A-Guerra) | D07 |
28.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D08 |
28.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 (Guerreiro-Z) | D08 |
28.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 (A-Guerra) | D08 |