Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Filoloxía Galega
Áreas: Filoloxía Románica
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
O principal obxectivo é ampliar o coñecemento dos compoñentes básicos do sistema lingüístico do romanés (dacorromanés) mediante análise do sistema actual e elementos da historia da lingua. Tamén se pretende mostrar a historia externa, a constitución da lingua literaria e a situación actual do romanés e das súas variedades fóra de Romanía.
Obxectivo especial é profundar nos estudos de fonética e fonoloxía, morfosintaxe e léxico tratados na materia Lingua romanesa 1.
a) Clases expositivas
TEMA 1. Historia externa do romanés
1.1. Emerxencia e evolución do romanés común: romanización da Península Balcánica e da Dacia; o territorio de formación do romanés (a teoría de Jirecek); o substrato étnico-lingüístico; o concepto de “latín danubiano”; pobos migratorios na área do romanés; fragmentación do romanés común; as variedades xenéticas do romanés meridional (balcánico) e a súa situación actual: arromanés ou macedorromanés, meglenorromanés e istrorromanés.
1.2. A organización socio-política e relixiosa na época das migracións (séc. III-XIV); a invasión eslava e a situación de diglosia coa introdución da lingua eslava na Igrexa; a invasión húngara e a situación do Principado de Transilvania; a formación e evolución dos estados medievais de Valaquia e Moldovia ata a Unión (1859).
1.3. O proceso de elaboración do romanés literario: as traducións relixiosas de Coresi, a Escola latinista de Transilvania ou Şcoala ardeleană, a Biblia de Bucureşti (1688) dos irmáns Greceanu e a influencia grega na época fanariota. A Gramatică românească (1828) de Ion Heliade Rădulescu e a unificación da lingua literaria. A elaboración na etapa dos grandes clásicos, a Epoca marilor clasici (1866- 1886) de Mihai Eminescu, Ion Creangă, Ion Slavici e Ion Luca Caragiale.
1.4. O proceso de oficialización do romanés nos Principados danubianos. O romanés, lingua nacional de Romanía.
TEMA 2. Situación actual da lingua romanesa e das súas modalidades
2.1. Xeografía do romanés e peso demográfico entre as linguas europeas.
2.2. A área setentrional do dacorromanés (ou romanés común) e as súas variedades diatópicas.
2.3. A problemática da limba moldovească na actual República Moldova e o conflito lingüístico ruso-moldovo.
2.4. As modalidades da área meridional: arromanés (ou macedorromanés), meglenorromanés e istrorromanés. A vitalidade do arromanés actual e da súa lingua literaria.
TEMA 3. Fonoloxía do romanés.
3.1. O sistema fonolóxico e a súa constitución.
3.2. O subsistema vocálico.
3.3. O subsistema consonántico.
3.4. Alternancias fonéticas e a súa función morfolóxica.
TEMA 4. O dominio nominal
4.1. Substantivo. Evolución das clases flexionais: a declinación bicasual actual. Evolución do plural e do xénero: o xénero neutro.
4.2. Adxectivo. Evolución das clases flexionais e a expresión da intensidade.
4.3. Sintagma nominal.
TEMA 5. O numeral
5.1. Numerais cardinais: formas herdadas e formas específicas.
5.2. Numerais ordinais.
TEMA 6. Clases fechadas de palabras e a súa orixe
6.1. Artigos e as súas categorías gramaticais.
6.2. Cuantificadores.
6.3. Pronomes persoais.
6.4. Demostrativos.
6.5. Posesivos.
6.6. Adverbios interrogativos.
6.7. Verbos auxiliares.
6.8. Preposicións e conxuncións.
TEMA 7. O verbo
7.1. Evolución das clases morfolóxicas e das desinencias verbais. Formas
verbais rizotónicas.
7.2. Creación dos tempos de futuro e dos tempos compostos para expresar anterioridade.
7.3. Formas non persoais: participios sigmáticos.
7.4. Sintagma verbal.
TEMA 8. Estrutura etimolóxica do léxico romanés
8.1. Fondo latino patrimonial: palabras herdadas só en romanés.
8.2. Pegadas do léxico traco-dacio
8.3. Importancia do léxico eslavo: voces antigas e modernas.
8.4. Léxico grego: voces antigas e modernas
8.5. Léxico húngaro e turco.
8.6. Fondo neolatino: renovación léxica. A influencia da lingua francesa.
8.7. Léxico alemán e inglés
8.8. Outras achegas léxicas
TEMA 9. Léxico. Formación de palabras
TEMA 10. Léxico. Campos semánticos
10.1. Festas e regalos
10.2. Medios de comunicación
10.3. Familia e parentesco
10.4. Estudos: sistema de ensino
10.5. Deporte: fútbol
10.6. Ritos modernos
10.7. Outros campos
b) Clases interactivas
Tipos de prácticas:
-Comentario de textos da historia externa e da situación actual das variedades.
-Análise morfolóxica en textos diversos.
-Identificación de procesos derivativos, flexivos e compositivos que explican a formación de unidades léxicas.
-Lectura (e audición de ser posible) de textos con campos semánticos e léxico fundamental do romanés moderno.
Con asterisco (*) indícanse as obras recomendadas
1. Historia externa e situación actual do romanés
Andreose, A. (2016), «Sullo “stato di salute” delle varietà romene all’alba del nuovo millennio», Lengas 79 http://lengas.revues.org/1107; DOI: 10.4000/lengas.1107
Avram, M. / Sala, M. (2007): Faceţi cunoştinţă cu limba română, Cluj: Echinox, 2001; Ediţia a II-a revăzută, 2007. Trad. C. Iliescu Gheorghiu e D. Ionela Prodan: Les presentamos la lengua rumana. Alicante : Universidad, 2013.
*Bec, P.: “Histoire et structure. I Les origines II La langue roumaine”, en P. Bec: Manuel pratique de philologie romane, II. París: Picard, 1970, 139-88.
*Bochmann, K. (1999): “À l’est comme à l’ouest, où les extrêmes (géographiques) se touchent: Galice et Moldavie devant le problème de la langue”, en R. Álvarez, R./D. Vilavedra (coords.): Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, I, Santiago de Compostela: Universidade, 249-63.
*Ionescu, C. (1999): “O romanés. Aspectos da historia externa con especial atención á súa situación fóra das fronteiras de Romanía”, en F. Fernández Rei e A. Santamarina (eds.): Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas. Santiago de Compostela: Universidade, 445-501.
Rosetti, Al. (1973): Brève histoire de la langue roumaine des origines à nos jours. The Hague / Paris: Mouton.
2. Historias da lingua e manuais
Bec, P. (1970): “III Structure et typologie du roumain”, en Bec: Manuel II París, 189-206.
*González-Barros, J. D. (20042): Esquemas de rumano. Gramática y usos lingüísticos. Madrid: Centro de Lingüística Aplicada Atenea.
Iancu, V. (2000): Istoria limbii române. Privire sintetică. Bucureşti: Editura Fundaţiei Culturale Române.
*Labraña, S. et. al. (2009): “Minirretrato do romanés”, en Labraña et al.: EuroComRom – As sete peneiras: Saber ler axiña todas as linguas románicas. Aachen: Shaker Verlag, 218-230.
*Kohn, D. (2012a): Puls. Manual de limba română pentru străini.Curs. Iaşi / Bucureşti: Polirom, [libro + CD].
Pop, L. (19932): Le roumain avec ou sans professeur. Romanian with or without teacher. Româna cu sau fără profesor Cluj: Echinox [4 casetes].
*Reinheimer, S. / Tasmowski, L. (1997): Pratique des langues romanes. Espagnol français italien portugais roumain. Paris: Harmattan.
*Sala, M. (2002): Del latín al rumano. Versión española de Valeria Neagu. Paris: Unión Latina / Bucarest, Univers enciclopedic.
Sánchez Miret, F. (2007): “Morfosintaxis histórica·, en J. E. Gargallo/Mª. R. Bastardas (eds.), Manual de lingüística románica, Barcelona: Ariel, 250-274.
Vasilescu, A. et. al. (2006): Teste de limba română. Paşaportul lingvistica european. Bucureşti: Editură Nouă [libro + CD.
3. Dicionarios
*Academia Română Inst. Ling. Iorgu Iordan (19982): DEX Dicţionarul Explicativ al. Limbii române. Bucureşti: Editura Univers Enciclopedic. http:/www.dexonline.ro.
Bucurenciu, Ileana (2004): Diccionario español-rumano, rumano-español. Madrid: Turpin.
Bucurenciu, I. (2004): Diccionario español-rumano, rumano-español. Madrid: Turpin.
Calciu, A. et al. (1979): Dicţionar român-spaniol. Bucureşti: Editura Ştiinţifică şi Enciclopedica.
Diaconescu; A. Mª (2005): Léxico para situaciones. Español / rumano. Român / Spaniol. Madrid: Centro de Lingüística Aplicada Atenea.
*Cioranescu, A. (1966): Diccionario etimológico rumano. La Laguna: Universidad.
- Coñecemento de aspectos da historia e da actualidade sociolingüística do romanés no seu dominio lingüístico. Xa que esta lingua está moi afastada das restantes que integran a familia lingüística románica, cómpre adquirir coñecemento da situación e da estrutura lingüística do romanés moderno, único idioma románico do oriente europeo e lingua oficial de dous países do Consello de Europa: Romanía e Moldovia, así como adquirir coñecementos básicos de historia externa e interna da lingua.
- Competencias fonolóxicas: coñecemento da formación do sistema fonolóxico da lingua romanesa.
- Competencias gramaticais: coñecemento de elementos, categorías e clases gramaticais e a súa orixe.
- Competencias pragmáticas: coñecemento e uso de elementos específicos do romanés como formas de tratamento (pronome de cortesía; formas populares de tratamento), afirmación e negación (dobre negación e pronomes ‘negativos’), prohibición (imperativo negativo), gradación adxectival e adverbial, expresión dun estado físico o anímico co verbo a fi ‘ser’, petición de opinión e opinión, expresión de desexos, gustos ou dubidas.
- Lectura de textos modernos e análise do seu vocabulario.
AVISO: As normas que se indican aquí son de aplicación unicamente nun contexto docente libre de coronavirus. De haber novos brotes da pandemia, aplicaranse no seu lugar os protocolos indicados no apartado de observacións.
Corresponden a esta materia 45 clases durante 16 semanas, repartidas en 25 clases expositivas e 18 clases interactivas.
Nas clases expositivas preséntanse mediante o método comparativo os elementos máis importantes de cada tema con material didáctico ofrecido polo profesor, que se poderá completar con actividades complementarias.
Nas clases interactivas realízanse exercicios relacionados cos temas explicados na aula ou mediante pequenos traballos elaborados fóra do horario de clases, en grupo ou individualmente. Estes traballos consistirán, fundamentalmente, en comentarios de textos relativos á historia externa ou á situación social do romanés e as súas variedades, transcrición fonética e fonolóxica de textos; análises de estruturas silábicas, de estruturas morfolóxicas e clases de palabras e de estruturas sintácticas sobre diversos textos; identificación e composición de campos semánticos etc.
O profesor porá a disposición do estudantado un dossier de materiais de traballo para o desenvolvemento esencial do programa e unha escolma de textos para as clases interactivas e para a realización de exercicios fóra das aulas. Eses materiais estarán a dispor do alumnado no Servizo de reprografía da Facultade de Filoloxía, antes de comezaren as clases; en todo caso, total ou parcialmente tamén se poderán pendurar na aula virtual.
Existe un horario de titorías personalizadas para resolver dúbidas suscitadas polas explicacións do profesor ou a preparación dos comentarios e exercicios, aínda que tamén se poden utilizar para consultar calquera aspecto de interese para o alumnado.
AVISO: As normas que se indican aquí son de aplicación unicamente nun contexto docente libre de coronavirus. De haber novos brotes da pandemia, aplicaranse no seu lugar os protocolos indicados no apartado de observacións
1ª oportunidade (xaneiro)
Segundo prevé a normativa, o estudante debe asistir con regularidade ás clases (a porcentaxe mínima que se require é do 80% das horas totais previstas). Ademais, é necesaria a participación activa do alumnado na discusión dos puntos do programa e no comentario de exercicios e textos que propoña o profesor.
A avaliación será continua e realizarase con exposicións de puntos do programa e, sobre todo, con comentarios de exercicios e de textos. Estos poderán realizarse na aula ou fóra dela e terán como finalidade o control do traballo do alumnado ó longo do cuadrimestre. Ademais, deberase realizar un traballo final individual sobre contidos do programa.
Na avaliación final a porcentaxe correspondente a cada actividade é a seguinte:
a) Asistencia regular e participación activa nas aulas: 25%
b) Dominio dos contidos teóricos e prácticos sobre comentarios específicos preparados polo profesor: 25%
c) Pequenos traballos non presenciais preparados por cada estudante, que exporá nas aulas: 25%
d) Traballo final: 25%
O alumnado con dispensa de asistencia ás aulas e que a acredite debidamente, terá que realizar comentarios escritos (70% da materia), que irá entregando no período lectivo; e tamén fará un traballo monográfico final (30%) , que entregará antes de finalizar o período lectivo.
Exame final
O estudantado que asista con regularidade e non acade a nota mínima de 5 na avaliación final (50% do total) e o estudantado con dispensa de asistencia que non obteña esa nota mínima, así coma o alumnado presencial que falte a un 20 % ou máis das clases, ten que realizar un exame final sobre cuestiones de temas do programa na data que establece a Facultade de Filoloxía da USC. Suporá o 100% da nota.
2ª oportunidade (xuño)
O alumnado que non supere a materia na 1ª oportunidade ou que conste como non presentado, terá que realizar unha proba escrita na data fixada pola Facultade, que suporá o 100% da nota. Tratará cuestións de temas do programa
Clases expositivas 25 Estudio individual 60
Clases interactivas 18 Realización de traballos 30
Titorías programadas 2 Realización do traballo final 15
Total horas de acti-
vidade presencial: 45 Total horas de actividade non presencial: 105
Dominio dos contidos da materia Lingua Romanesa 1
PLAN DE CONTINXENCIA
METODOLOXÍA
ESCENARIO 2 (CONFINAMENTO PARCIAL POR CORONAVIRUS):
En principio, manterase o exposto sobre as actividades expositivas e interactivas indicado no apartado correspondente, pero coas seguintes alteracións: en caso de que a docencia expositiva se deba impartir parcialmente de xeito virtual, tanto o profesor coma o estudantado seguirán pola plataforma Teams as leccións do curso de xeito síncrono, isto é, no horario habitual das clases.
A docencia interactiva deberá impartirse de xeito presencial nun 50% como mínimo; e de ser necesario, o resto impartirase virtualmente pola devandita plataforma. A asistencia ás clases é obrigatoria, calquera que sexa a súa modalidade. As titorías atenderanse por esta plataforma e polo correo electrónico.
Para o desenvolvemento das clases virtuais, o profesor proporcionaralle ó alumnado por medios telemáticos material necesario para preparar a materia, ben como complemento das clases expositivas e / ou para a realización das tarefas interactivas. Estas últimas realizaranse tendo en conta un calendario flexible que o profesor establecerá consonte as circunstancias da docencia no escenario de confinamento parcial.
As tarefas interactivas serán fundamentalmente de carácter individual, aínda que tamén se tratará de fomentar no alumnado o traballo colaborativo. En todo caso, o profesor promoverá e controlará mecanismos de retroalimentación e autoavaliación do alumnado.
ESCENARIO 3 (CONFINAMENTO TOTAL POR CORONAVIRUS):
En principio, manterase o exposto sobre as actividades expositivas e interactivas indicado no apartado correspondente, pero coas seguintes alteracións: en caso de que a docencia expositiva se deba impartir totalmente de xeito virtual, tanto o profesor coma o estudantado seguirán pola plataforma Teams as leccións do curso, de xeito síncrono, isto é, no horario habitual das clases.
A docencia interactiva deberá impartirse enteiramente nestas mesmas condicións, mentres que as titorías se atenderan por este sistema e polo correo electrónico. A asistencia a clase é obrigatoria, mesmo na modalidade telemática.
Para o desenvolvemento das clases virtuais, o profesor proporcionaralle ó alumnado por medios telemáticos material necesario para preparar a materia, ben como complemento das clases expositivas e / ou para a realización das tarefas interactivas. Estas últimas realizaranse tendo en conta un calendario flexible que o profesor establecerá consonte as circunstancias da docencia no escenario de confinamento total.
As tarefas interactivas serán preferiblemente de carácter individual dada a situación de illamento, aínda que tamén se tratará de fomentar no alumnado o traballo colaborativo. En todo caso, o profesor promoverá e controlará mecanismos de retroalimentación e autoavaliación do alumnado.
SISTEMA DE AVALIACIÓN
ESCENARIO 2 (CONFINAMENTO PARCIAL POR CORONAVIRUS):
1ª oportunidade (xaneiro)
A nota da materia procederá nun 75% dos traballos (orais e/ou escritos, presenciais ou telemáticos etc), que teña que realizar o alumnado de xeito individual ou en grupo, e que se controlarán de forma regular na medida en que a marcha do curso o permita. As intervencións voluntarias de tipo persoal (presenciais e/ou telemáticas) con interese para o desenvolvemento da materia valoraranse co 25% restante da cualificación final.
O criterio de avaliación para o alumnado non presencial consistirá na entrega por correo electrónico de comentarios escritos e breves traballos (70%) durante o período lectivo e na entrega, todo máis tardar na data oficial da 1ª oportunidade, dun traballo monográfico (30%); as súas características comunicaraas o profesor coa antelación suficiente.
2ª oportunidade (xuño)
Tanto o alumnado con dispensa de asistencia coma o presencial que falte a un 20 % ou máis das clases e o alumnado que asista con regularidade pero non acade unha media de 5 nos comentarios e traballos da avaliación continua, terá que realizar un traballo de certa complexidade, que se entregará na data fixada pola Facultade para a 2ª oportunidade e que suporá o 100% da nota.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
ESCENARIO 3 (CONFINAMENTO TOTAL POR CORONAVIRUS):
1ª oportunidade (xaneiro)
A nota da materia procederá nun 75% dos traballos, orais e/ou escritos que teña que realizar telematicamente o alumno de xeito individual ou en grupo, e que se controlarán de forma regular na medida en que a marcha do curso o permita. As intervencións voluntarias de tipo persoal que teñan interese para o desenvolvemento da materia valoraranse co 25% restante da cualificación final.
O criterio de avaliación para o alumnado non presencial consistirá na entrega por correo electrónico de comentarios escritos e breves traballos (70%) durante o período lectivo e na entrega, todo máis tardar na data oficial da 1ª oportunidade, dun traballo monográfico (30%); as súas características comunicaraas o profesor coa antelación suficiente.
.
2ª oportunidade (xuño)
Tanto o alumnado con dispensa de asistencia coma o alumnado presencial que faltou a un 20 % ou máis das clases e o que asistiu pero non acadou unha media de 5 na realización dos diferentes comentarios e traballos da avaliación continua, ten que realizar un traballo de certa complexidade, que entregará na data fixada pola Facultade para a 2ª oportunidade e que suporá o 100% da nota.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Francisco Fernandez Rei
Coordinador/a- Departamento
- Filoloxía Galega
- Área
- Filoloxía Románica
- Teléfono
- 881811828
- Correo electrónico
- ilgpaco.rei [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Catedrático/a de Universidade
Luns | |||
---|---|---|---|
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | Despacho 204 |
Martes | |||
10:00-11:00 | Grupo /CLIL_01 | Galego | Despacho 204 |
Mércores | |||
10:00-11:00 | Grupo /CLIL_01 | Galego | Despacho 204 |
18.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIL_01 | D06 |
18.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D06 |
22.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIL_01 | D06 |
22.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D06 |