Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 30 Total: 51
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Electrónica e Computación
Áreas: Linguaxes e Sistemas Informáticos
Centro Facultade de Administración e Dirección de Empresas
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
Nesta materia preséntanse os fundamentos básicos da programación estruturada co obxectivo de que o alumnado sexa capaz de analizar e descompoñer un problema en tarefas máis simples, así como determinar as estruturas e algoritmos que faciliten a súa resolución. Esta é unha disciplina eminentemente práctica que focalizará os seus exemplos nunha linguaxe de programación amplamente empregada na actualidade como é Python. Non obstante, as bases e fundamentos de programación son comúns á meirande parte das linguaxes de desenvolvemento existentes, polo que o alumnado será capaz de enfrontarse con soltura e solvencia a novos problemas independentemente do ámbito e a linguaxe de programación empregada.
Durante o desenvolvemento da materia, o alumnado traballará cunha ampla variedade de exemplos que lle permitirán acadar as competencias transversais e específicas da disciplina.
En particular, perséguese que o alumnado, ao finalizar a materia, sexa capaz de:
- Comprender os diferentes sistemas de representación da información existentes nos computadores.
- Dominar os principios da programación estruturada.
- Resolver problemas de programación básicos aplicando adecuadamente os tipos de datos elementais, os tipos de datos estruturados e as estruturas de control.
- Asimilar o concepto de programación modular e saber aplicalo na resolución de problemas.
- Coñecer e saber empregar os mecanismos de xestión de ficheiros de texto nun programa.
- Ser capaz de empregar ferramentas de programación para editar, compilar, executar e verificar un programa. Capacidade para aplicar estratexias de depuración, proba e corrección de programas.
Os contidos da materia serán desenvoltos durante as sesións expositivas. A continuación indícase o temario, así como as horas aproximadas de traballo presenciais (HP) e non presenciais (HNP) que se dedicarán a cada tema:
Tema 1: Introdución (1HP e 2 HNP).
- Codificación da información.
- Programas e linguaxes de programación.
Tema 2: Uso básico da linguaxe de programación Python (3 HP e 6 HNP).
- Variables, expresións e asignación.
- Tipos de datos.
- Funcións incorporadas.
- Importación de módulos, funcións e variables.
- Entrada/saída.
- Boas prácticas de programación.
Tema 3: Estruturas de control (4 HP e 8 HNP).
- Sentenzas condicionais.
- Sentenzas iterativas.
- Captura e tratamento de excepcións.
Tema 4: Funcións (3 HP e 6 HNP).
- Definición e uso de funcións.
- Creación de módulos.
Tema 5: Tipos estruturados en Python (5 HP e 10 HNP).
- Cadeas de caracteres.
- Listas e tuplas.
- Dicionarios e conxuntos.
Tema 6: Xestión de ficheiros (2 HP e 4 HNP).
- Lectura e escritura de ficheiros de texto en Python.
- Introdución a pandas.
As prácticas de laboratorio levaranse a cabo durante as sesións interactivas, paralelamente ao desenvolvemento do temario descrito. A continuación indícase a planificación de prácticas, xunto coas horas aproximadas de traballo presencial (HP) e non presencial (HNP) dedicadas a cada unha delas:
- Práctica 0: Introdución ás prácticas e preparación do entorno de desenvolvemento (2 HP e 4 HNP).
- Práctica 1: Algoritmos e programas básicos en Python (6 HP e 12 HNP).
- Práctica 2: Estruturas de control (8 HP e 16 HNP).
- Práctica 3: Funcións e programación modular (6 HP e 12 HNP).
- Práctica 4: Tipos de datos estruturados e xestión de ficheiros (8 HP e 16 HNP).
Bibliografía básica:
- Eric Matthes: “Curso Intensivo de Python.” Trad.: Vanesa Casanova Fernández, 978-84-4154-924-1, Anaya Multimedia, 3ª edición, 2024.
- Python Software Foundation: “El tutorial de Python.” Dispoñible en: https://docs.python.org/es/3/tutorial/
Bibliografía complementaria:
- Andrés Marzal Varó, Isabel Gracia Luengo, Pedro García Sevilla: “Introducción a la programación con Python 3.” 978-84-6971-178-1, Universitat Jaume I - Servei de Comunicació i Publicacions, 2014 (Creative Commons). Dispoñible en: http://hdl.handle.net/10234/102653
- Allen B. Downey, “Think Python.” 978-10-9815-543-8, O’Reilly, 3ª edición, 2024. Dispoñible en: https://allendowney.github.io/ThinkPython/index.html
- Pedro de Miguel Anasagasti: “Fundamentos de los computadores.” 978-84-9732-294-2, Ediciones Paraninfo, 9ª edición, 2004.
- Wes McKinney: “Python para análisis de datos.” Trad.: Virginia Aranda González, 978-84-4154-683-7, Anaya Multimedia, 3ª edición, 2023. Dispoñible en: https://wesmckinney.com/book/
C9: Analizar información relevante para a toma de decisións empresariais.
C10: Desenvolver solucións tecnolóxicas personalizadas para as necesidades empresariais.
HD2:. Xestionar información procedente de distintas fontes que permitan adquirir novos coñecementos e aplicalos para responder a retos, resolver problemas e tomar decisións.
HD8: Usar ferramentas de cálculo e análise, de distintos tipos de linguaxes e de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
CP5: Manexar os sistemas de información empresarial para a toma de decisións relacionadas coa súa especificación, deseño e implantación.
- Clases expositivas: Sesións de lección maxistral nas que se explicarán os contidos da materia coa axuda dunha presentación electrónica. Nestas sesións tamén se desenvolverán exemplos e exercicios para mellorar a comprensión dos contidos teóricos impartidos.
En cada sesión expositiva levarase a cabo unha proba de tres minutos. Estas probas constarán de tres preguntas tipo test sobre os contidos da materia impartidos na clase anterior. O alumnado accederá e realizará as probas de tres minutos a través do seu propio ordenador portátil ou teléfono móbil intelixente con conexión a Internet.
- Clases interactivas: Sesións de grupo reducido en aula de informática nas que se porán en práctica os conceptos aprendidos nas leccións maxistrais mediante a resolución de problemas de programación. Ao longo do curso facilitarase unha serie de boletíns de exercicios avaliables que o alumnado deberá resolver traballando individualmente ou por parellas, contando coa axuda do docente durante as sesións interactivas.
- Titorías: As sesións de titorías servirán para resolver as dúbidas do alumnado relacionadas cos contidos da materia e exercicios propostos. Estas titorías poderán levarse a cabo tanto en modalidade presencial como virtualmente a través de correo electrónico, Campus Virtual ou a plataforma Microsoft Teams.
- Recursos electrónicos: Todo o material necesario para o seguimento da materia porase a disposición do alumnado a través do Campus Virtual da USC. A plataforma empregarase tamén como canle de comunicación a través da que se farán chegar anuncios, avisos e información relacionada coa materia ao alumnado.
PRIMEIRA OPORTUNIDADE:
Durante o semestre levaranse a cabo as seguintes actividades avaliables:
- Entrega de boletíns de problemas (BOL): De forma periódica durante o transcurso da materia, o alumnado, de xeito individual ou por parellas, deberá entregar solucións aos boletíns de problemas de programación propostos. Para cualificar estas entregas, ademais da corrección das solucións aportadas, valorarase a calidade, estilo e lexibilidade do código. Cada boletín levará asociado unha data límite de entrega. Permitiranse as entregas atrasadas ata unha data de corte determinada, mais estarán suxeitas a unha penalización na nota que virá indicada na descrición da tarefa. Para o cómputo da puntuación total asociada aos boletíns de problemas, calcularase a media aritmética das puntuacións obtidas en cada un dos entregables.
- Probas de tres minutos (P3M): Actividades levadas a cabo en cada sesión expositiva da materia. Cada unha destas probas consistirá de tres preguntas tipo test sobre a materia impartida na clase expositiva anterior. As probas levaranse a cabo a través do Campus Virtual, e o alumnado poderá acceder ás mesmas a través dos seus ordenadores portátiles ou dispositivos intelixentes con conexión a Internet. Estas actividades realizaranse de maneira presencial na aula na data e hora indicadas para cada unha delas, e non son recuperables baixo ningunha circunstancia. Para o cómputo da puntuación total asociada ás probas de tres minutos, desbotaranse as dúas peores cualificacións e se calculará a media aritmética das restantes.
- Exame teórico (ET): Proba consistente de preguntas tipo test e/ou de resposta curta levada a cabo na data de exame final marcada pola Facultade.
- Exame práctico (EP): Proba de resolución de problemas de programación levada a cabo na data de exame final marcada pola Facultade.
A nota final en primeira oportunidade computarase da seguinte maneira:
NF = 0,4*BOL + 0,2*max(P3M, ET) + 0,4*EP
Os seguintes requisitos son indispensables para poder superar a materia en primeira oportunidade:
- A nota acadada nos boletíns de problemas (BOL) é igual ou superior a 5 puntos sobre 10.
- A puntuación acadada nas probas de 3 minutos (P3M) OU no exame teórico (ET) é igual ou superior a 4 puntos sobre 10.
- A puntuación acadada no exame práctico (EP) é igual ou superior a 4 puntos sobre 10.
En caso de non cumprirse algunha das condicións anteriores, a puntuación máxima que o estudante poderá acadar será de 4 puntos sobre 10.
A materia considerarase superada en primeira oportunidade se a nota final acadada é igual ou superior a 5 puntos sobre 10.
De acordo cun dos supostos recollidos no Artigo 1 do “Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela”, a asistencia a clase non terá ningunha valoración directa.
SEGUNDA OPORTUNIDADE:
Na segunda oportunidade conservaranse as puntuacións das actividades realizadas no período ordinario (BOL, P3M, ET e EP), e levaranse a cabo as seguintes actividades avaliables de recuperación:
- Recuperación de boletíns de problemas (RBOL): Proporcionarase a oportunidade de entregar aqueles boletíns que non foran realizados durante o curso, ou de volver entregar aqueles nos que o/a estudante queira intentar acadar unha puntuación superior. Todas as entregas de boletíns realizadas neste período estarán suxeitas á penalización por entrega fóra de prazo especificada na tarefa.
- Exame extraordinario teórico (EET): Proba teórica co mesmo formato que a levada a cabo en primeira oportunidade.
- Exame extraordinario práctico (EEP): Proba práctica co mesmo formato que a levada a cabo en primeira oportunidade.
A nota final en segunda oportunidade computarase da seguinte maneira:
NF = 0,4*max(BOL, RBOL) + 0,2*max(P3M, ET, EET) + 0,4*max(EP, EEP)
Os requisitos necesarios para superar a materia en segunda oportunidade serán os mesmos que na primeira:
- A nota acadada nos boletíns de problemas (BOL ou RBOL) debe ser igual ou superior a 5 puntos sobre 10.
- A puntuación acadada nas probas de 3 minutos (P3M) OU no exame teórico (ET ou EET) debe ser igual ou superior a 4 puntos sobre 10.
- A puntuación acadada no exame práctico (EP ou EEP) debe ser igual ou superior a 4 puntos sobre 10.
En caso de non cumprirse algunha das condicións anteriores, a puntuación máxima que o estudante poderá acadar será de 4 puntos sobre 10.
A materia considerarase superada en segunda oportunidade se a nota final acadada é igual ou superior a 5 puntos sobre 10.
DISPENSA DE ASISTENCIA:
Para o alumnado que dispoña de dispensa de asistencia, poderase facilitar a realización dos exames (ET, EP, EET, EEP) en datas alternativas e/ou por medios telemáticos en caso de ser necesario. O resto de aspectos da avaliación manteranse inalterados.
ALUMNADO REPETIDOR:
O sistema de avaliación descrito será de igual aplicación para o alumnado repetidor.
VALIDEZ DAS CUALIFICACIÓNS:
As notas das distintas actividades da materia unicamente serán válidas durante o curso no que se obtiveron. Non se gardarán cualificacións de ningunha das partes para cursos posteriores.
REALIZACIÓN FRAUDULENTA DE EXERCICIOS OU PROBAS:
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións” da Universidade de Santiago de Compostela, que establece outorgar a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente.
A materia ten fixada unha carga de traballo de 6 ECTS. Este dato conduce a unha carga de traballo para a materia situada entre as 150 (6*25) horas e as 180 (6*30) horas. Estímase que o alumnado deberá dedicar aproximadamente dúas horas de traballo persoal por cada hora de clase impartida na aula.
Indícase a continuación unha planificación aproximada de horas de traballo:
Traballo presencial na aula:
- Docencia expositiva: 18 horas.
- Docencia interactiva: 30 horas.
- Titorías: 3 horas.
- Exame e revisión: 3 horas.
TOTAL: 54 horas.
Traballo persoal do alumnado:
- Estudo en grupo ou individual: 24 horas.
- Resolución de casos prácticos: 47 horas.
- Preparación de traballos: 3 horas.
- Preparación de exames: 22 horas.
TOTAL: 96 horas.
- Dado que se emprega unha metodoloxía sustentada na avaliación continua, cómpre traballar os contidos da materia de maneira regular durante o curso. Esta é unha materia na que a complexidade dos contidos aumenta consistentemente co avance do curso, e na que os novos conceptos introducidos van asentándose sobre os anteriores. Porén, é fundamental non demorar o estudo dos temas e traballar os contidos na orde na que se introducen.
- Posto que esta materia é eminentemente práctica, recoméndase unha estratexia de estudo fundamentada na resolución de problemas para a preparación das probas avaliables. Para isto, é indispensable que o estudante instale e empregue as aplicacións que conforman o entorno de traballo da materia no seu ordenador persoal.
- Recoméndase traer o ordenador persoal as sesións de clase presencial, tanto expositivas como interactivas, para realizar un seguimento máis activo dos exemplos prácticos que se introduzan.
- Recoméndase encarecidamente utilizar as titorías, tanto presenciais como virtuais, para a resolución das dúbidas relacionadas co contido da materia.
- Os avisos, anuncios e información pertinente da materia publicaranse mediante o “Foro de anuncios” do Campus Virtual. Todos os estudantes deben asegurarse de que reciben notificacións de novas entradas neste foro a través de correo electrónico. Asumirase que o estudantado revisa a súa caixa de correo polo menos unha vez cada día lectivo. Polo tanto, considerarase ao estudantado como informado dos avisos ao final da xornada lectiva seguinte a ser publicados, como moi tarde.
- Idioma principal: a materia impartirase en castelán.
Martin Liz Dominguez
Coordinador/a- Departamento
- Electrónica e Computación
- Área
- Linguaxes e Sistemas Informáticos
- Teléfono
- 982823207
- Correo electrónico
- martin.liz [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Axudante Doutor LOSU
Venres | |||
---|---|---|---|
11:30-12:50 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 6 |
28.05.2026 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 1 |
28.05.2026 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 2 |
02.07.2026 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 2 |