No caso do PDI, ademais do rol de profesor/a, a aplicación engade características específicas para os decanos/as dos centros e directores/as dos departamentos, de forma que podan consultar a información do profesorado que imparte a docencia de materias do seu centro ou que pertence ao departamento. Ademais da consulta de información, a aplicación permite tramitar as solicitudes de vacacións, permisos e licenzas do PDI.
O Centro de Atención aos/ás Usuarios/as da USC atenderá as consultas sobre o uso da aplicación, que se farán enchendo o formulario de incidencias ou chamando á extensión telefónica 55555. A Xerencia atenderá na caixa de correo xerente [at] usc.gal (xerente[at]usc[dot]gal) e na extensión telefónica 11307 as dúbidas relativas ao procedemento ou á interpretación da normativa que regula o rexistro horario e a concesión de vacacións, permisos e licenzas.
Onde podo ver as clases que teño que impartir?
Na páxina de inicio da aplicación de rexistro horario para o PDI encontrará a lista das clases que ten asignadas no horario, tal e como foron rexistradas polo centro responsable de cada materia. A aplicación mostra as clases desde o instante da consulta cara atrás. Se quere ver clases de días ou horas anteriores, prema no botón coa icona da frecha apuntado cara arriba, que se encontra na esquina superior dereita do corpo principal da páxina.
Como se rexistra unha clase?
Basta con premer sobre a ficha de información desa clase. Non é necesario marcar o comezo e a finalización, basta con rexistrar unha única vez que se vai dar a clase.
Como se anula o rexistro dunha clase?
Na páxina de inicio da aplicación, ou premendo na opción de menú Rexistro, localice a clase para a que quere eliminar o rexistro e consulte o seu detalle. Prema no botón Eliminar para anular o rexistro desa clase.
Se me esquecín de marcar unha clase, que teño que facer?
Na páxina de inicio da aplicación, busque na lista de clases, desprazándose cara abaixo na relación que aparece na páxina, a sesión que quere rexistrar como impartida e prema o botón Pendente. Seleccione o motivo do rexistro diferido e prema no botón Rexistrar.
Se quero rexistrar unha clase que non aparece na lista, que teño que facer?
Prema na opción Rexistro do menú principal da aplicación e despois no botón Editar, mostrado como un botón coa icona dun lapis na esquina superior dereita da listaxe.
No formulario debe cubrir os datos que permiten identificar a materia e seleccionar o motivo polo que da de alta este rexistro. Pode solicitarse información adicional en función do motivo que escolla.
Se unha clase é compartida por dous profesores/as, como se fai o rexistro?
O obxectivo fundamental do sistema de rexistro da actividade docente é dispoñer dun medio que nos permita acreditar que a docencia recollida nos POD e nos horarios efectivamente se imparte. Por esta razón, nos casos excepcionais en que nunha mesma clase está presente máis dun/ha profesor/a, abonda con que un deles asine para dese xeito deixar rexistrada a clase. No caso particular de que na aula estén presentes o/a profesor/a da materia e unha persoa contratada predoutoral podería asinar simplemente o primeiro; se, pola contra, está só a persoa contratada predoutoral, asinaría esta.
Desde que dispositivos podo usar a aplicación?
Desde calquera dispositivo. As páxinas da aplicación están adaptadas ao uso das pantallas de dispositivos móbiles de forma que sexa sinxelo interactuar cos formularios desde móbiles, tabletas e outros dispositivos persoais. A aplicación rexistra o enderezo IP desde o que se fai o rexistro.
Como podo consultar o rexistro de clases?
No apartado de Información, pode ver a listaxe de clases así como un resumo da actividade mensual. Explícanse estas opcións no apartado Informes e avisos desta lista de preguntas e respostas.
Vacacións, permisos e licenzas
Tramitaranse nesta aplicación todas as solicitudes de vacacións, permisos e licenzas do PDI, tanto as que teñen a súa tramitación delegada en centros e departamentos como aquelas que debe autorizar a vicerreitoría correspondente.
Que solicitudes podo tramitar na aplicación?
Poden tramitarse na aplicación as solicitudes de permisos e licenzas recoñecidas na normativa de PDI que regular estes trámites. En particular, as solicitudes de permisos e licenzas por menos de 7 días, as de permisos e licenzas de máis de 7 días e as solicitudes de cambio de vacacións para períodos fóra do mes de agosto.
Para cada un destes grupos de solicitudes, a aplicación inclúe os subtipos recoñecidos na normativa e adapta o procedemento de solicitude a cada caso, segundo a súa tramitación estea delegada en centros e departamentos ou deban ser autorizadas pola vicerreitoría. Así mesmo, adapta o fluxo de aprobación ás situacións onde o solicitante sexa un decano/a ou director/a.
Como indico o/a profesor/a que me substitúe?
No caso das situacións nas que hai que nomear un/ha profesor/a substituto/a, a aplicación pedirá esta información nos formularios onde se cubre a solicitude. Poderá indicar un ou máis profesores substitutos e as clases nas que cada unha destas persoas substitúe á solicitante. Estas clases aparecerán na lista de clases que deben rexistrar os substitutos, como as clases que xa tiñan asignadas. Cada unha das persoas substitutas terá que asinar no proceso de autorización, como se explica máis abaixo.
Despois de gardar a solicitude, como se tramita?
A tramitación depende da tipo de solicitude e, no caso dos permisos e licenzas, da duración do período no que se solicita gozar o permiso ou licenza.
No caso das solicitudes de permisos e licenzas de menos de 7 días, e sempre e cando a persoa solicitante non sexa decano/a ou director/a, deberán asinar electronicamente o documento cada un/ha dos profesores substitutos/as, decanos/as dos centros con docencia afectada pola solicitude e o/a director/a do departamento ao que pertenza o/a solicitante. Todas as persoas implicadas recibirán os avisos pertinentes por correo electrónico e poderán asinar no portasinaturas da USC con usuario e contrasinal da USC. Non é necesario que a persoa solicitante envíe ningún formulario nin avise ás persoas implicadas. Cando se remate a tramitación, ou en caso de que algunha das persoas implicadas decida non asinar, o/a solicitante recibirá un aviso por correo electrónico.
No caso de solicitudes de permisos e licenzas de máis de sete días ou cambios de vacacións, o procedemento modifícase para que a resolución final a faga o/a vicerreitor con competencias na materia. Así mesmo, no caso de que os solicitantes sexan os propios decanos/as e directores/as o fluxo muda para ter en conta esta circunstancia e non se autorizaren eles/as e eles/as mesmos/as.
Onde consulto as solicitudes que teño feitas?
Premendo na opción Solicitudes do menú principal da aplicación.
Como sei en que estado de tramitación está unha solicitude?
Na lista de solicitudes, prema na icona de detalles da fila correspondente á solicitude, situada na última columna da táboa.
No formulario pode ver a información completa da solicitude e o estado de tramitación. En particular, premendo sobre o nome do estado, pode ver o fluxo de sinatura e saber que persoas asinaron e cales faltan por asinar.
Informes e avisos
A aplicación avísame se non marquei unha clase?
En efecto, a aplicación envía un resumo diario das clases que non se rexistraron. Para evitar un número de avisos excesivo a aplicación agarda 2 días antes de enviar o aviso.
Onde pode consultar a miña lista de clases e o rexistro da miña actividade?
Toda a información do rexistro horario está dispoñible na opción Información do menú principal. No menú lateral, sección de informes, pode consultar a listaxe de clases e mais o resumo mensual da actividade docente do/a profesor/a.
Rexistro das clases
Son decano/a dun centro. Onde podo ver o rexistro da actividade do profesorado que imparte docencia nas materias do meu centro?
Prema na opción de Información do menú principal da aplicación. No menú lateral, sección Informes do centro pode ver a listaxe de profesores con docencia no centro, a listaxe de materias por plan de estudos, o resumo mensual por centro e o resumo mensual por plan de estudos. Cada unha destas listaxes permite consultar as marcaxes por profesor/a e por materia e os resumos mensuais por profesor/a e por plan de estudos e materias, respectivamente.
Son decano/a dun centro. Onde podo ver as solicitudes de vacacións, permisos ou licenzas que afectan a materias do meu centro?
Prema na opción Solicitudes no menú principal e despois na opción Solicitudes do centro para ver as solicitudes de vacacións, permisos e licenzas que afectan ao centro. Pode consultar o detalle da solicitude na opción correspondente de cada fila.
Son decano/a dun centro. Que teño que facer para tramitar as solicitudes de vacacións, permisos ou licenzas que afectan a materias do meu centro?
Debe asinar a petición no portasinaturas da USC mediante usuario e contrasinal. Con este acto informa favorablemente a petición. No caso de que decida non informar favorablemente, rexeite a sinatura e indique o motivo.
Ademais dos avisos do portasinaturas de documentos pendentes de asinar, recibirá periodicamente no seu correo electrónico avisos de solicitudes pendentes de tramitar.
Son director/a dun departamento. Onde podo ver o rexistro da actividade do profesorado do departamento?
Prema na opción de Información do menú principal da aplicación. No menú lateral, sección Informes do departamento pode ver a listaxe de profesorado do departamento, o resumo mensual do departamento e o resumo mensual por área de coñecemento.
Son director/a dun departamento. Onde podo ver as solicitudes de vacacións, permisos ou licenzas do profesorado do departamento?
Prema na opción Solicitudes no menú principal e despois na opción Solicitudes do departamento para ver as solicitudes de vacacións, permisos e licenzas do profesorado do departamento. Pode consultar o detalle da solicitude na opción correspondente de cada fila.
Son director/a dun departamento. Que teño que facer para tramitar as solicitudes de vacacións, permisos ou licenzas do profesorado do departamento?
Debe asinar a petición no portasinaturas da USC mediante usuario e contrasinal. Con este acto informa favorablemente a petición. No caso de que decida non informar favorablemente, rexeite a sinatura e indique o motivo.
Ademais dos avisos do portasinaturas de documentos pendentes de asinar, recibirá periodicamente no seu correo electrónico avisos de solicitudes pendentes de tramitar.