Créditos ECTS Créditos ECTS: 3
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 49.5 Horas de Titorías: 1.5 Clase Expositiva: 12 Clase Interactiva: 12 Total: 75
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Bioquímica e Bioloxía Molecular
Áreas: Bioquímica e Bioloxía Molecular
Centro Facultade de Veterinaria
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
XUSTIFICACIÓN E INTERESE DA MATERIA
Na materia Bioquímica que se imparte no primeiro semestre do Grao en Veterinaria estúdanse as rutas metabólicas básicas, localizadas nunha célula tipo. Non obstante, os organismos superiores conteñen diferentes tipos de células que se xeran mediante un proceso de diferenciación celular a partir das células embrionarias. As células diferenciadas forman tecidos e órganos con funcións específicas. Como é lóxico, a función do tecido condiciona o seu metabolismo, de maneira que non todas as rutas metabólicas teñen lugar en todas as células; máis ben, cada tecido/órgano dun organismo animal ten un «perfil metabólico» concreto, determinado pola súa función. Para que o organismo funcione correctamente, os procesos metabólicos que teñen lugar nos diferentes tecidos deben estar estritamente regulados e coordinados en función do estado nutricional do animal, do exercicio físico que realiza, etc.
Na materia Integración do Metabolismo situamos os procesos metabólicos no contexto dun organismo animal no seu conxunto (non nunha célula tipo), o que permitirá ao alumno/a aplicar os coñecementos sobre metabolismo adquiridos na materia Bioquímica. Esta materia axudaralle a entender: (i) as bases moleculares dalgúns procesos fisiolóxicos propios dos animais (regulación da glicemia, cambios metabólicos xaxún/alimentación, cambios metabólicos repouso/exercicio físico; lactación; diferenzas metabólicas entre ruminantes e monogástricos); e (ii) as causas dalgunhas patoloxías dos animais relacionadas co metabolismo (hipoglicemia, cetose, diabete).
OBXECTIVOS
1. Analizar as diferenzas dos perfís metabólicos de diferentes tecidos/órganos/sistemas animais
2. Analizar as principais diferenzas metabólicas entre animais monogástricos e ruminantes
3. Coñecer as bases moleculares dalgunhas patoloxías metabólicas propias dos animais
4. Estudar as interrelacións metabólicas entre os diferentes órganos e tecidos en diferentes situacións fisiolóxicas e patolóxicas
5. Utilizar algunhas técnicas de laboratorio e familiarizarse coa metodoloxía científica utilizada no campo das ciencias da vida
6. Aprender terminoloxía científica relacionada coas ciencias da vida
CONTIDOS TEÓRICOS
Unidade didáctica 1. Perfís metabólicos de diferentes órganos e tecidos
Tema 1. Procesos bioquímicos que teñen lugar a nivel do sistema dixestivo. Dixestión enzimática e absorción de glícidos. Dixestión enzimática, absorción e re-esterificacíon de lípidos. Formación de quilomicróns. Dixestión enzimática de proteínas e absorción de aminoácidos. Procesos bioquímicos de dixestión de glícidos en ruminantes: fermentacións ruminais. Procesos bioquímicos de dixestión de lípidos e proteínas en ruminantes. Procesos bioquímicos de dixestión en herbívoros non ruminantes: cabalos e coellos (4,5 h clases expositivas)
Tema 2. O sangue como mediador das interaccións metabólicas entre os diferentes órganos e tecidos. Composición do sangue. Rutas metabólicas en eritrocitos. Metabolismo do grupo hemo. Proteínas plasmáticas: tipos e funcións. Proteinogramas. Regulación da glicemia. Sistemas de transporte de lípidos no sangue. Metabolismo de lipoproteínas. (4 h clases expositivas)
Tema 3. Papel do fígado como órgano central na coordinación e regulación do metabolismo. Combustibles almacenados e utilizados polo fígado. Procesos metabólicos no fígado. Destino metabólico dos ácidos graxos volátiles xerados no rumen. Papel do fígado na regulación da glicemia: diferenzas entre ruminantes e monogástricos. Cetoxénese. Bases moleculares e tipos de cetose. Cetoacidose. (3,5 h clases expositivas)
Tema 4. Metabolismo enerxético do cerebro. Necesidades enerxéticas do cerebro. Substratos enerxéticos utilizados polo cerebro: procedencia e forma de degradación. Papel dos astrocitos no metabolismo enerxético do cerebro. (1.0 h clases expositivas)
Tema 5. Metabolismo enerxético do músculo. Características bioquímicas dos diferentes tipos de fibras musculares. Gasto de ATP no músculo. Combustibles utilizados polo músculo: procedencia e forma de degradación. Adaptacións bioquímicas provocadas polo exercicio físico. (2 h clases expositivas)
Tema 6. Metabolismo do tecido adiposo. Funcións do tecido adiposo branco. Formación e mobilización de triglicéridos no tecido adiposo. Función endócrina do tecido adiposo. Tecido adiposo marrón e termoxénse. (2 h clases expositivas)
Tema 7. Bioquímica da glándula mamaria. Aspectos xerais da bioloxía da lactación.
Composición bioquímica do leite. Propiedades físico-químicas do leite. Biosíntese e secreción dos compoñentes do leite na glándula mamaria. Biosíntese e secreción de lactosa: lactosa sintasa. Biosíntese e secreción de graxa. Biosíntese e secreción de proteínas. Resumo dos procesos de secreción dos compoñentes do leite. (3 h clases expositivas)
Unidade didáctica 2. Coordinación metabólica entre órganos e tecidos
Tema 8. Regulación hormonal do metabolismo enerxético nos mamíferos. Procesos metabólicos regulados por insulina, glicagón e adrenalina. (1 h prácticas encerado)
Tema 9. Interrelacións metabólicas entre diferentes órganos. Cambios metabólicos no ciclo alimentación-xaxún. Alteracións metabólicas na diabete mellitus. (1 h prácticas encerado)
PRÁCTICAS DE LABORATORIO
Práctica 1. Separación de proteínas de soro mediante electroforese en xel de agarosa. Obtención e interpretación de proteinogramas de diferentes especies de animais domésticos (3 h traballo presencial de laboratorio). [Manexo de pipetas automáticas, manexo de equipamento de electroforese e de análise de xeles de electroforese (Gel analyzer)].
Práctica 2. Determinación da concentración de glicosa en mostras de soro de diferentes especies de animais domésticos mediante un método enzimático. Comparación dos datos de glicemia en diferentes especies (3 h traballo presencial de laboratorio). [Manexo de pipetas automáticas e espectrofotómetro].
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:
- NELSON, D.L. & COX, M.M., Lehninger Principios de Bioquímica, 7ª ed., Ed. Omega, Barcelona, 2018.
- TYMOCZKO, J.L., BERG, J.M. & STRYER, L., Bioquímica: curso básico. Ed. Reverté; Barcelona, 2014.
- STRYER,L; BERG, J.M. & TYMOCZCO, J.L., Bioquímica con aplicaciones clínicas, 7ª ed., Ed. Reverté, Barcelona, 2013.
- VOET, D., VOET, J. & PRAT, C.W., Fundamentos de bioquímica: la vida a nivel molecular. 4ª ed., Ed. Panamericana, Buenos Aires, 2016 (versión electrónica).
- MCKEE, T. & MCKEE, J.R. Bioquímica: las bases moleculares de la vida. 5ª ed., Ed. McGRawHill Interamericana, México, 2014 (versión electrónica).
- KOOLMAN, J. & RÖHM, K.H., Bioquímica: texto y atlas, 4ª ed., Ed. Médica Panamericana, Madrid, 2012.
- FERRIER, D.R., Bioquímica LIR, 7ª ed., Ed. Wolters Kluver; Narcelona, 2017.
- RODWELL, V. & HARPER, A., Bioquímica ilustrada, 30ª ed., Ed, McGraw Hill Interamericana, México, 2016 (versión electrónica)
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA (LIBROS ESPECIALIZADOS):
- ENGELKING, L.R., Textbook of Veterinary Physiological Chemistry, 3rd ed. Ed. Academic Press, San Diego, 2015. (versión electrónica)
- KANEKO, J. J, HARVEY, J. W. & BRUSS, M. L., (eds.), Clinical biochemistry of domestic animals., 6th ed. Ed. Academic Press, San Diego, 2008..
- DIJKSTRA, J., FORBES, J.M. & FRANCE, J., (eds.) Quantitative aspects of ruminant digestion and metabolism, 2ª ed. Ed. CAB International, Wallingford; 2005.
- LIEBERMANS, M. & PEET, A., Bioquímica Médica Básica: un enfoque clínico., 5th. ed., Ed. Lippincott, 2018
- BERG, J.M., TYMOCZKO,J.L. & STRYER, L., Bioquímica: aplicaciones clínicas, 7ª ed., . Reverté, Barcelona, 2015
- BAYNES, J.W. & DOMINICZAK, M.H., Bioquímica médica, 5ª ed., Ed. Elsevier, Barcelona, 2019
- McSWEENEY, P.L.H. & FOX, P.F. (eds.) Advanced dairy chemistry, vol. 1A: proteins, basic aspects, 4ª ed., Ed. Springer, New York, 2013.
- McSWEENEY, P.L.H., FOX, P.F. & MAHONY, J.A.,(eds.) Advanced dairy chemistry, vol. 2: lipids, 4ª ed., Ed. Springer, New York, 2020
- McSWEENEY, P.L.H. & FOX, P.F. (eds.) Advanced dairy chemistry, vol. 3: lactose, water, salts and minor constituentes, 3ª ed.,
Ed. Springer, New York, 2009.
Esta materia pretende contribuír ao desenvolvemento das seguintes competencias consideradas na Memoria do Grao en Veterinaria:
COMPETENCIAS XENÉRICAS (GVUSC)
GVUSC 01. Capacidade de aprendizaxe e adaptación
GVUSC 02. Capacidade de análise e de síntese
GVUSC 04. Planificación e xestión do traballo
GVUSC 05. Capacidade para aplicar os coñecementos á práctica
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS DISCIPLINARES (CEDVUSC)
CEDVUSC 04. Bases físicas, químicas e moleculares dos principais procesos que teñen lugar no organismo animal
CEDVUSC 16. Coñecemento das técnicas analíticas básicas e a súa interpretación
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS PROFESIONAIS (D1VUSC)
D1VUSC 03. Realizar técnicas analíticas básicas e interpretar resultados clínicos, biolóxicos e químicos
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS ACADÉMICAS (CEAVUSC)
CEAVUSC 08. Ser consciente da necesidade de manter actualizados os coñecementos, habilidades e actitudes das competencias profesionais mediante un proceso de formación permanente
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS (CTVUSC)
CTVUSC 01. Capacidade para o razoamento e a argumentación
CTVUSC 02. Capacidade para obter información axeitada, diversa e actualizada por diversos medios, e analizala de forma crítica
Dacordo coas "Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura no curso académico 2020-2021", aprobado polo Consello de Goberno da USC, contémplanse tres posibles escenarios:
Escenario 1. NORMALIDADE ADAPTADA
Os contidos teóricos desenvolveranse en vinte sesións de clases expositivas e dúas sesións de prácticas de encerado (50 min/sesión) presenciais. A exposición dos contidos apoiarase en presentacións elaboradas especificamente para cada tema. Para un mellor seguimento das clases, os alumnos/as disporán de material didáctico específico de cada tema (en castelán e en galego) a través da aula virtual.
A docencia teórica complementarase con dúas sesións presenciais (2 h/sesión) de titorías en grupo reducido, que servirán para desenvolver e reforzar a aprendizaxe dos contidos fundamentais da materia e fomentar a participación activa do alumnado. Para este fin, durante a sesión formularanse, de xeito secuencial, unha serie de cuestións que o alumno/a deberá resolver con respostas razoadas, coa orientación e guía do profesor. Estas cuestións servirán de fío condutor para repasar os contidos fundamentais da materia e reforzar a súa comprensión. Nas sesións de titoría prestarase especial atención e farase fincapé no emprego da terminoloxía axeitada. Na sesión 1 abordaranse contidos dos temas 1-3 e na sesión 2 dos temas 4-7.
Os contidos prácticos desenvolveranse en dúas sesións presenciais no laboratorio (3 h/sesión), en grupos de 20 alumnos/as como máximo. O alumnado disporá dun «Manual de Prácticas» na aula virtual, no que se describen os obxectivos, o fundamento das técnicas que se utilizan e a metodoloxía empregada. A sesión comezará cunha breve explicación sobre o obxectivo da práctica e a súa contextualización; a continuación, o alumno/a deberá realizar coidadosamente o traballo de laboratorio, seguindo as indicacións metodolóxicas do Manual, e empregando o material e reactivos dos que dispón. Unha vez rematadas as sesións de laboratorio o alumnado deberá elaborar, en horas de traballo non presencial, unha memoria de prácticas na que se presenten, interpreten e discutan os resultados obtidos, seguindo as indicacións do Manual de Prácticas. Esta memoria de prácticas deberá ser entregada para a súa valoración.
En todas as clases manteranse as medidas hixiosanitarias recomendadas, incluída a obrigatoriedade de mascarilla cando non sexa posible garantizar a distancia mínima recomendada. Todo o alumnado deberá acudir ás prácticas de laboratorio provisto de mascarilla, luvas de látex e bata de laboratorio.
Escenario 2. DISTANCIAMENTO
Tanto as clases expositivas como as titorías en grupo reducido impartiranse por vía telemática nos horarios programados, empregando as ferramentas institucionais proporcionadas pola USC: aula virtual e MS Teams.
Co fin de asegurar as distancias de seguridade, os grupos de prácticas serán de 10 alumnos polo que será necesario reducir a presencialidade das prácticas ao 50%. Cada grupo de 10 alumnos realizará no laboratorio o traballo experimental esencial que será completado cunha sesión titorial vía telemática para a explicación da práctica e das claves para a interpretación dos resultados obtidos. O alumnado deberá elaborar unha memoria de prácticas, na que se presenten, interpreten e discutan os resultados obtidos, seguindo as indicacións do Manual de Prácticas. Esta memoria de prácticas deberá ser entregada na aula virtual para a súa valoración.
ESCENARIO 3. PECHE DAS INSTALACIÓNS
Tanto as clases expositivas como as titorías en grupo reducido impartiranse por vía telemática nos horarios programados, empregando as ferramentas institucionais proporcionadas pola USC: aula virtual e MS Teams.
As dúas sesións de prácticas de laboratorio presencias serán substituídas por sesións titoriais por vía telemática, respectando os horarios programados. Nestas sesións explicaranse os obxectivos de cada práctica e o fundamento das técnicas empregadas, e porase a disposición do alumnado unha gravación en vídeo, elaborado a tal efecto, na que se mostren paso a paso as técnicas e a metodoloxía empregadas; finalmente se lles facilitarán uns datos experimentais de glicemia e unha fotografía cos resultados da separación das proteínas de soro nun xel de agarose. Con estes datos, o alumnado deberá elaborar, en horas de traballo non presencial, un traballo académico individual no que se interpreten e discutan os datos facilitados, seguindo as indicacións do Manual de Prácticas. Este traballo de prácticas deberá ser entregado na aula virtual para a súa valoración.
Na convocatoria ordinaria o alumnado deberá elixir unha das seguintes opcións para a súa avaliación:
OPCIÓN 1: AVALIACIÓN CONTÍNUA
1) Valoración das prácticas de laboratorio (15% da cualificación global). Valorarase:
- a destreza e coidado no manexo do material e equipamento de laboratorio, a actitude e o interese mostrado no desenvolvemento da práctica, mediante a observación directa do profesor.
- a presentación dos resultados e a capacidade para interpretar e discutir sobre os datos obtidos, mediante a valoración da memoria de prácticas.
No caso da imposibilidade de realizar prácticas de laboratorio presenciais (escenario 3) valorarase exclusivamente a memoria de prácticas presentada.
2) Valoración da participación activa nas titorías en grupo (30% da cualificación global). Valorarase a capacidade para responder correctamente ás preguntas que se formulen relacionadas cos contidos clave tratados previamente nas clases expositivas, e o uso da terminoloxía axeitada, mediante a observación directa do profesor e dúas probas obxectivas tipo test.
3) Valoración da capacidade para relacionar, integrar e aplicar os coñecementos adquiridos (55% da cualificación global). Valorarase a capacidade para relacionar, integrar e aplicar os coñecementos adquiridos mediante unha proba escrita realizada unha vez rematada a actividade docente da materia.
OPCIÓN 2: AVALIACIÓN MEDIANTE EXAME FINAL
Valoración do grao de asimilación dos coñecementos sobre os contidos tanto teóricos como prácticos, e da capacidade para relacionalos e aplicalos. O exame constará de 2 partes: (a) test de 50 preguntas con catro opcións de resposta e unha soa correcta; corrixirase a probabilidade de acerto por azar; puntuación máxima: 5/10. (b) preguntas de resposta aberta; puntuación máxima: 5/10.
A opción 2 será a única vía de avaliación na oportunidade de recuperación.
REQUISITOS
1. A asistencia presencial e participación activa nas clases prácticas de laboratorio (SALVO NO CASO DO ESCENARIO 3) é un requisito indispensable para poder realizar as probas de avaliación continua ou o exame final, e polo tanto aprobar a materia, tanto na convocatoria ordinaria coma na oportunidade de recuperación. A falta de asistencia a unha práctica deberá ser xustificada documentalmente e, sempre que sexa posible, comunicada con antelación. O alumno/a deberá recuperar a(s) práctica(s) non realizada(s) noutro grupo que lle sexa asignado. En caso de non recuperala(s) considérase que as prácticas non foron superadas.
2. Para a superación da avaliación continua, o alumno/a deberá obter unha puntuación mínima de 3,5 puntos sobre 10 na última proba realizada (apartado 3 da avaliación continua).
3. Para a superación do exame final o alumno/a deberá obter unha puntuación mínima global de 5 puntos sobre 10, con un mínimo de 1,75 puntos sobre 5 en cada unha das partes: (a) test e (b) preguntas de resposta aberta.
MODO DE REALIZACIÓN DE PROBAS DE AVALIACIÓN CONTÍNUA E EXAME FINAL
- Escenario 1: as probas de avaliación continua e o exame final realizaranse de forma presencial.
- Escenario 2: as probas de avaliación continua e o exame final realizaranse de forma presencial ou telemática a través da aula virtual dependendo da situación do momento e do que dispoñan as autoridades sanitarias e académicas.
- Escenario 3: as probas de avaliación continua e o exame final realizaranse de forma telemática a través da aula virtual.
Para os casos de realización fraudulenta de probas o exames será de aplicación o recollido na "Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
TEMPO TOTAL DE TRABALLO PARA O ALUMNO/A: 75 horas
1. Clases presenciais e exames: 35 horas, distribuidas do seguinte xeito:
- 20 h clases expositivas
- 2 h prácticas de pizarra
- 6 h de prácticas de laboratorio
- 4 h titorías en grupo reducido
- 3 h probas e/ou exames
2. Tempo de estudo e traballo personal: 40 horas, distribuidas do seguinte xeito:
- Asimilación de contidos teóricos: 34 horas de estudo e resolución de problemas.
- Elaboración da memoria de prácticas: 6 horas de traballo individual.
O tempo de estudo e traballo persoal estimado para superar a materia mantense nos tres escenarios previstos.
RECOMENDACIÓN:
Recoméndase ao alumnado dedicar un tempo de estudo e traballo persoal xusto despois de cada clase expositiva para ordenar, entender e fixar os conceptos fundamentais do tema en cuestión. Nese caso, o alumno/a estará en condicións de participar dunha forma activa nas clases de titoría; ademais, o tempo de estudo previo ao exame que deberá dedicar para superar a materia reducirase considerablemente.
Para a impartición de clases expositivas, os alumnos/ás distribuiranse en dous grupos por orde alfabética dos seus apelidos.
Grupo A
Profesor responsable da docencia: Antonio Villamarín Cid
Horarios de titorías individuais: luns, martes e mércores de 12 a 14 h.
Gupo B
Profesor responsable da docencia: José Luis Rodríguez Rodríguez
Horario de titorías individuais: luns, martes e mércores de 12 a 14 h.
Cada profesor será responsable dos respectivos grupos de seminarios, prácticas e titorías en grupo reducido
PLAN DE CONTINXENCIA
Metodoloxía
Escenario 2
A docencia teórica (clases expositivas e titorías en grupo reducido) será por medios telemáticas utilizando as ferramentas institucionais proporcionadas pola USC: aula virtual e MS Teams. Reducirase a presencialidade das prácticas de laboratorio ao 50% para traballar con grupos de 10 alumnos. O traballo de laboratorio será completado cunha sesión titorial telemática.
Manteranse os contidos e os horarios programados.
Escenario 3
Toda a docencia (clases expositivas, titorías en grupo reducido e prácticas) será por medios telemáticos utilizando as ferramentas institucionais proporcionadas pola USC: aula virtual e MS Teams. Manteranse os contidos e os horarios programados.
Avaliación
No escenario 2 as probas de avaliación continua e o exame final realizaranse de forma presencial ou telemática a través da aula virtual dependendo da situación do momento e do que dispoñan as autoridades sanitarias e académicas. No escenario 3 tanto as probas de avaliación continua como o exame final realizaranse de forma telemática a través da aula virtual.
Jose Antonio Villamarin Cid
Coordinador/a- Departamento
- Bioquímica e Bioloxía Molecular
- Área
- Bioquímica e Bioloxía Molecular
- Correo electrónico
- antonio.villamarin [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Luns | |||
---|---|---|---|
13:00-14:00 | Grupo /TI-ECTS01 | Castelán | Auditorio |
Martes | |||
11:00-12:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Auditorio |
11:00-12:00 | Grupo /CLE_02 | Castelán | Auditorio |
Mércores | |||
13:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Auditorio |
13:00-14:00 | Grupo /CLE_02 | Castelán | Auditorio |
Venres | |||
13:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Auditorio |
13:00-14:00 | Grupo /CLE_02 | Castelán | Auditorio |
18.05.2021 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 1 |
18.05.2021 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 2 |
18.05.2021 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 3 |
21.06.2021 18:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 3 |
21.06.2021 18:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 4 |