
Convocatoria de 18 Proxectos de Colaboración para o desenvolvemento de actividades nas Residencias Universitarias e Colexios Maiores do Servizo Universitario de Residencias (SUR) .
Internacionalización
O crecente número de estudantes de mobilidade internacional que recibe a USC e as necesidades de integración e colaboración manifestadas por estes alumnos impulsan a convocatoria destes proxectos de colaboración para a Internacionalización.
Para optar a un dos seguintes proxecto de colaboración será requisito imprescindible a acreditación de nivel B1 de lingua inglesa.
- Residencia Universitaria Monte da Condesa: 1 Proxecto.
- Residencia Universitaria Burgo das Nacións: 1 Proxecto.
- Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay: 1 Proxecto.
Actividades socioculturais, inclusión educativa, deportivas e desenvolvemento sostible.
O obxectivo destes proxectos de colaboración é a dinamización das actividades socioculturais e de apoio a inclusión, deportivas e de desenvolvemento sostible nos centros do SUR. Co obxectivo de acadar un traballo en equipo que supoña unha maior eficacia no desenvolvemento de actividades englóbanse dentro deste apartado tipoloxías como a de sociocultural, biblioteca, voluntariado, informática, deportes, atención á diversidade ou aula verde (reciclaxe, aforro enerxético etc).
A dirección do centro indicará o perfil específico dos proxectos a realizar para a elaboración da memoria.
Requirirase unha coordinación coas actividades a desenvolver nos distintos centros que redunde no beneficio de todos os colexiais e residentes para optar a un dos seguintes proxectos:
- Colexio Maior Fonseca: 2 Proxectos.
- Colexio Maior Rodríguez Cadarso: 2 Proxectos.
- Colexio Maior San Clemente: 2 Proxectos.
- Residencia Universitaria Monte Da Condesa: 4 Proxectos.
- Residencia Universitaria Burgo Das Nacións: 3 Proxectos.
- Residencia Universitaria Xesús Bal y Gay: 2 Proxectos.
O prazo de presentación será do 16 ao 30 de setembro ás 14 horas. Finalizado este prazo non se terá en conta ningunha outra documentación.
A solicitude, dirixida ao/á director/a, entregarase na dirección dos respectivos centros do SUR, e deberá incluír:
- Datos do/a solicitante
- Currículo no que consten os méritos ou experiencia en relación á actividade a realizar no proxecto, debidamente documentados
- Expediente Académico
- Memoria co desenvolvemento do proxecto que solicita, na que constarán obrigatoriamente son seguintes puntos:
- Obxectivos a acadar
- Actividades: metodoloxía e técnicas para desenvolvelas
- Prazos e calendario
- Medios e recursos necesarios e cos que conta o/a solicitante
- Acreditación do nivel de idioma requirido B1 ou superior (só para os/as solicitantes de proxectos de colaboración para a internacionalización)
- Ser residentes ou colexiais durante o curso completo 2019-2020 nas residencias ou colexios maiores do SUR, e non ter sido avaliado/a negativamente como bolseiro/a de colaboración do SUR no curso académico 2018-2019.
- Aquelas persoas que xa desfrutaron de dúas ou máis bolsas de colaboración non poderán ser beneficiarias dun proxecto de colaboración nesta convocatoria.
- No caso dos/as solicitantes de proxectos de colaboración para a internacionalización dispor da acreditación do nivel B1 do idioma inglés.
O desenvolvemento destes proxectos está dotado para os/as estudantes de grao co recoñecemento académico de tres créditos ECTS e cunha axuda económica de 600 € en total repartidos en mesualidades de 100 € dende novembro de 2019 a abril de 2020. O importe desta axuda está suxeito a retención do IRPF.
Todas as persoas beneficiarias terán que realizar con aproveitamento dous módulos en liña: un módulo sobre o Marco Conceptual do Voluntariado e a Participación Social, e outro módulo sobre algún dos ámbitos nos que se desenvolva a súa actividade (cultural, inclusión social, atención á diversidade etc.). Quedan exentos desta obriga as persoas que os tiveran realizado en cursos anteriores.
O Servizo de Participación e Integración Universitarias será o encargado de facilitarlles os contidos dos módulos por correo electrónico.
Ao final do proxecto, deberán entregar ao/á director/a da residencia ou colexio unha memoria que recolla, entre outros aspectos, as actividades realizadas e as aprendizaxes acadadas a nivel académico, persoal e para o futuro profesional.
O incumprimento dalgunha das obrigas desta convocatoria por parte dos beneficiarios/as podería supoñer a perda dos 3 créditos ECTS, a retirada da axuda económica, ou a solicitude do reintegro da cantidade xa percibida polo/a bolseiro/a.
A avaliación e selección das solicitudes realizarase en cada centro por unha Comisión Avaliadora que estará formada polo persoal da dirección do centro, presidida polo/a director/a, o/a gobernante/a e dous membros do consello de residentes ou colexiais.
Para a avaliación das solicitudes terase en conta o seguinte baremo:
- Memoria de actividades a desenvolver. Valorarase a orixinalidade. A extensión máxima será de 5 páxinas Din-A4, a dobre espazo. A puntuación será entre 0 é 5 puntos.
- A puntuación económica do acceso ao SUR. A puntuación será entre 0 e 2,5 puntos.
- Expediente académico, currículo, méritos ou experiencia acreditados polos/as solicitantes orientado ao proxecto que se solicita, así como informes positivos no desempeño doutras bolsas no SUR. A puntuación será entre 0 e 2,5 puntos.
Valorarase a perspectiva de xénero nas memorias achegadas e no correspondente desenvolvemento das actividades.
Para poder optar a condición de beneficiario/a será preciso acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos na valoración da memoria de actividades.
A xuízo da Comisión Avaliadora os proxectos poderán ser declarados desertos.
Finalizada a fase de avaliación, o 7 de outubro publicarase a lista provisional de beneficiarios/as dos proxectos de colaboración nos taboleiros dos centros do SUR habilitados para este proceso.
As reclamacións contra esa lista provisional poderanse presentar na dirección do centro ata as 14 horas do día 11 de outubro.
O día 15 de outubro publicarase a relación definitiva das persoas beneficiarias nos taboleiros dos centros do SUR.
Os/as beneficiarios/as deberán asinar un documento de aceptación de condicións que inclúe o seu compromiso de realizar os módulos de formación correspondentes ao tipo de proxecto que solicitan, e finalizar con éxito as actividades do seu proxecto.
Será a súa obriga cumprir con todas as funcións propias do proxecto que lles foi concedido, alén daquelas achegas que poidan ser feitas a través da dirección do centro e tendo en conta os obxectivos de coordinación establecidos nesta convocatoria. Así mesmo, terán que presentar informes do labor desenvolvido na primeira quincena de febreiro, e o informe final na segunda quincena de maio, ante a dirección do centro.
Os/as subdirectores/as velarán polo correcto desenvolvemento das actividades correspondentes a cada proxecto, coa colaboración do/a gobernante/a de cada centro. Ao remate da súa actividade, a dirección do centro avaliará o cumprimento das obrigas dos/das beneficiarios/as mediante a elaboración dun informe positivo ou negativo das actividades desenvolvidas durante o período de realización do correspondente proxecto.
As actividades deberán desenvolverse dende o días seguinte á concesión dos proxectos ata o 30 abril de 2020.
Os proxectos poderán ser revogados polo vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, previo informe do/a director/a do centro, no caso de verificarse o incumprimento do seu cometido.
Servizo Universitario de Residencias (SUR)
- Pavillón de Estudantes
- Rúa de Lope Gómez de Marzoa, 4. Campus Vida , 15782Santiago de Compostela
- 881 814 525
- 881 815 246
- 881 814 560
- sur [at] usc.es