Ir o contido principal

Ciencia e teatro, da man no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2022

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia celébrase o vindeiro 11 de febreiro. FOTO: Santi Alvite
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia celébrase o vindeiro 11 de febreiro. FOTO: Santi Alvite
CiQUS, CiMUS e IGFAE apostan polo bio-musical científico ‘Christiane’, obra en homenaxe á investigadora Christiane Dosne Pasqualini co gallo do 11F
Santiago de Compostela

Os centros singulares de investigación da USC en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), así como en Medicina Molecular e  Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) celebran conxuntamente unha nova edición do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia o 11 de febreiro. Nesta ocasión, os tres centros apostan polo teatro, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, co bio-musical científico ‘Christiane’, obra en homenaxe á investigadora Christiane Dosne Pasqualini.

A peza teatral representarase o vindeiro 11 de febreiro, venres, no auditorio ‘Xosé Neira Vilas’ da Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Terán lugar dúas sesións cunha duración aproximada dunha hora cada unha: ás 10.00 e ás 12.00 horas. Orientada fundamentalmente a alumnado de 3º e 4º ESO e Bacharelato. A inscrición previa é gratuíta e atenderase por rigorosa orde de chegada ata completar aforo na web da Cidade da Cultura.

Christiane Dosne Pasqualini chegou con 22 anos a Bos Aires para traballar xunto ao Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía, Bernardo Houssay. Nada en Francia, criada en Canadá e arxentina de adopción, dedicouse con paixón á busca das causas do cancro, especialmente da leucemia. Foi ademais a primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina. A través desta peza, creada e interpretada pola súa neta Belén Pasqualini, réndeselle tributo a esta figura que cumpre 102 anos o 9 de febreiro. “Como vén sendo habitual, o obxectivo da actividade é o de visibilizar referentes femininos que, co seu exemplo, poidan servir de inspiración para os máis novos e contribuír a promover a ciencia como carreira profesional”, apuntan dende a organización desta iniciativa. 

Mulleres STEM do século XXI

Promovida dende o proxecto de investigación ‘Aprendizaxe ao longo da vida nunha sociedade dixital: formación e recualificación para as novas profesións do mercado de traballo global’ da Axencia Estatal de Investigación e coordinado por Lourdes Mella e Consuelo Ferreiro, a xornada ‘Mulleres STEM do século XXI’ tamén servirá para conmemorar o 11F. A xornada que se desenvolverá a partir das 9.30 horas na Facultade de Ciencias da Educación, pretende dar a coñecer o relevante papel das mulleres no mundo profesional, empresarial e académico vinculado coas disciplinas STEM; e outorgar visibilidade ao talento das mulleres nas disciplinas e contextos profesionais STEM en Galicia.

‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’

Tamén co gallo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia o día 11 de febreiro, a USC abre a todos os centros de educación primaria galegos a inscrición en modalidade virtual no programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ Trátase dunha actividade desenvolvida no marco do convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela para visibilizar o labor de referentes nas disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e na que ata o momento só podían participar os centros públicos de Santiago.

Na súa sexta edición, o programa ofrece once obradoiros en liña de temática variada arredor da física, as matemáticas, a computación, a química ou a óptica que achegan de forma divertida estas disciplinas ao alumnado de primaria, e amosan as contribucións das mulleres nestas áreas. Impartidos por investigadoras e docentes da USC e o CESGA, compleméntanse con outra documentación tamén dispoñible na web da actividade que inclúe referencias a contos e relatos de mulleres que contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía.

Encina Calvo, profesora da área de Física Aplicada da USC e Eva Aguayo, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da universidade, coordinan este programa que busca sementar nos centros de ensino o xerme para que a elección de titulacións deixe de reproducir o nesgo presente nos roles tradicionais de xénero.

Masterclass e visitas de alumnado

O IGFAE, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, organiza tamén a terceira edición da Masterclass de Física de Partículas dirixida a alumnas de bacharelato. A masterclass terá lugar na Facultade de Matemáticas e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC o vindeiro 11 de febreiro e ten por obxectivo promover o acceso e participación plena e equitativa das rapazas no ámbito científico. Na última edición, 40 estudantes participaron nesta xornada promovida polo CERN e o Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas.

Na masterclass impartiranse unha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual. Ademais, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN e, posteriormente, discutiranse os resultados ‒en inglés, a ter en conta na seleccións das alumnas‒ mediante videoconferencia co CERN e outros centros europeos que realicen a xornada simultaneamente. Tamén farase unha pequena charla-coloquio de historias invisibilizadas de mulleres científicas que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras ás que tiveron (e teñen) que facer fronte ao longo da carreira científica.

Os obxectivos da actividade son, por unha banda, acercar as alumnas de bacharelato ao traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así o labor científico levado a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Por outra banda, con esta xornada preténdese poñer de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clase, etnia e condición fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar.

Ademais, á primeira hora do venres 11, as investigadoras do CiQUS abrirán as portas dos seus laboratorios para recibir os estudantes de bacharelato do IES de Valga e do IES Compañía de María. Ademais de coñecer as instalacións do centro, durante a visita levarán a cabo unha serie de charlas e encontros onde os alumnos e alumnas poderán coñecer mellor ás científicas do CiQUS, a súa traxectoria profesional e o traballo que realizan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2022.