Corpus Koiné de fala infantil

ISBN: 1-59642-273-4

O banco de datos Koiné descansa nunha mostra de 71 nenos (34 nenas e 37 nenos) nun período de idade entre os 18 e os 53 meses de idade. Os materiais comunicativos proceden de interaccións entre os participantes en contextos de Escola Infantil en zonas urbanas e semiurbanas de Galicia. As dinámicas adquisitivas ilustran procesos de desenvolvemento do galego (son 7 os cativos que se expresan en galego) e da variedade do español falado en Galicia.

Cadro 1. Datos das garderías seleccionadas
Gardería Titularidade Provincia Poboación Ubicación precisa
Breogán Pública A Coruña Santiago de Compostela Periferia; zona universitaria
Vite Pública A Coruña Santiago de Compostela Periferia; barrio clase media
Sta.Susana Pública A Coruña Santiago de Compostela Zona centro
Milagrosa Pública Lugo Lugo Periferia; barrio clase media
Elfos Privada Pontevedra A Estrada Zona centro

A recolección de interaccións comunicativas levouse a cabo entre os anos 1996-2000 en sesións de 15-20 minutos e con cadencia quincenal, en marcos situacionais de naturalidade e de conversa espontánea. Se ben non se trata dun repertorio denso de datos, non obstante a natureza lonxitudinal das propiedades que contén garantiza o seu valor representativo. Os participantes teñen unha presenza notable na mostra evolutiva. Asemade, as interaccións comunicativas que conteñen os materiais recopilados no corpus ofrecen unha distribución por franxas de idade que responde ás seguintes porcentaxes :

A significación indiscutible do repertorio Koiné de fala infantil descansa en tres aspectos, alusivos todos eles á novidade e ás utilidades do inventario. En primeiro lugar, sobresaen as propiedades cuantitativas e configuracionais que fan do banco Koiné unha fonte única que prové características xenuínas do proceso de adquisición do español nas etapas máis temperás. En segundo lugar é destacable a riqueza cualitativa dos datos, sobre todo nas características pragmáticas. E en terceiro lugar constátanse de maneira rotunda as posibilidades de explotación e de aplicación práctica das tendencias evolutivas atopadas nos datos con obxecto de valorar casos concretos de desenvolvemento. En síntese, a relevancia do corpus Koiné radica en que:

a) é unha mostra suficiente para dispor de tendencias de referencia nas primeiras etapas sobre:

b) é un escaparate que destaca indicadores pragmáticos tan interesantes como:

c) ofrece datos para cotexar e estimar a eficacia comunicativa da linguaxe utilizada polos nenos en determinadas franxas de idade, o que facilita a valoración e o contraste en casos particulares.

Etiquetado e traballo co corpus

O corpus Koiné de fala infantil actualizouse no etiquetado de características desde a súa inclusión no CHILDES en 2006. Na súa proposta máis recente de 2016 incorporáronse codificacións de procesos fónicos con rendemento notable na emerxencia de sons idiomáticos. Son as dinámicas de substitución, omisión, adición, frontalización, sonorización, fricativización, e procesos múltiples.

Asemade, engadíronse os arquivos sonoros das mostras conversacionais fonte do repertorio tratados en PHONBANK.

Na versión precedente de 2014 insertáranse etiquetas para identificar os turnos de fala, así como codificacións na liña %MOR (propiedades nas palabras como: número de sílabas do infinitivo; número de sílabas na forma verbal; tempo verbal; persoa e número; tipo de conxugación; e características nas estruturas complexas como: número de constituíntes; tipo de constituíntes/argumentos).

Na súa composición inicial, o corpus koiné definírase cun nivel de etiquetado básico que abranguía a codificación de peculiaridades propias da fala infantil en cada compoñente (fónico, morfolóxico, sintáctico, léxico e pragmático), singularidades xenuínas elementais como: concordancia, elipse, formación de palabras, presentadores, construcións idiosincráticas, bilingüismo. Marcáronse, nun primeiro nivel, todos aqueles casos que mostrasen particularidades con algún grao de sistematicidade e sinalando o compoñente no que se inscriben. A etiqueta manexada é %par, seguida do indicador de compoñente $PRA, $PHON, $MOR, $SYN. Nun segundo nivel de etiquetado especificáronse as propiedades morfolóxicas e as propiedades relacionais que avanzan niveis de progreso en diferentes vertentes. Coas marcas de flexión verbal $VER, flexión nominal $NOM, formación de palabras $WFO. A faceta do desenvolvemento construcional refléctese en etiquetas como: $CON, construción xenuína (polo seu esquema, polos constituíntes, pola súa rección peculiar, polos argumentos); $AGR, concordancia; $PRES, referenciación e sinalización; e $ELL, elipse. Hai características comunicativas interesantes en contextos de convivencia de linguas, como é a combinación de elementos mesturando códigos, o que se subliña coa etiqueta $MIX indicadora dalgún tipo de cóctel idiomático.

Descarga

Acceso aos arquivos do inventario Koiné de fala infantil, codificado e etiquetado en CHILDES (precisa instalar o sistema CLAN na computadora). O corpus (actualización de 2016) contén etiquetas de propiedades comunicativas, fónicas e gramaticais. Descargar arquivo zip [1,1 Mb].