Segundo as valoracións dos investidores asistentes ao Galicia Startup Congress, Celtarys Research é unha das tres mellores startups de Galicia. O evento, celebrado os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, e que xa vai pola súa X edición na que participaron 50 startups, é un dos eventos de investimento máis importantes de Galicia.
Celtarys Research, liderada polo IP do CiQUS Eddy Sotelo, foi a segunda startup mellor valorada polo xurado, por diante de AirCO2 e por detrás de Cluber. As tres empresas finalistas recibiron unha invitación para participar no próximo B-venture de 2022. Ademais, todas as empresas participantes recibiron ata 50.000 dólares en créditos Stripe.
Acerca de Celtarys Research
Celtarys Research, que forma parte do proxecto BioIncubatech da USC e financiada polo programa Ignicia da Xunta de Galicia, é unha empresa de nova creación centrada no desenvolvemento de ferramentas químicas innovadoras que permitan optimizar no tempo o proceso de descubrimento de fármacos: evitan o uso de radioactividade, melloran o rendemento das probas HTS e de optimización, e reducen custos.