-
CiQUS obtén novas axudas da Agencia Estatal de Investigación (AEI) para fortalecer a colaboración con empresas.
-
O Prof. Sotelo participa en dous proxectos de colaboración público-privada para investigación na área da inmunoterapia do cancro
Imaxe de Darko Stojanovic
A colaboración entre organismos de investigación e empresas pode orixinar o desenvolvemento de novas tecnoloxías e modelos de negocio. A industria é capaz de desenvolver e comercializar novos produtos e servizos derivados do coñecemento que se xera nos centros de investigación, aumentando así a competitividade e creando novos postos de traballo cualificados. Esta sinerxia é precisamente o que busca promover a convocatoria para a colaboración público-privada da AEI, onde este ano o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxia e Materiais Moleculares (CiQUS) obtivo moi bos resultados.
O Prof. Eddy Sotelo dirixirá dous subproyectos integrados en consorcios liderados por compañías do sector privado. O obxectivo é conseguir melloras nos tratamentos e nos métodos de diagnóstico no contexto da inmunoterapia contra o cancro. O proxecto CAPN-IO busca finalizar os estudos preclínicos de LGC-2091, un inhibidor selectivo de cisteína proteasas, e comezar os ensaios clínicos. Landsteiner Genmed capitanea este consorcio, integrado tamén por equipos do Centro Nacional de Biotecnoloxía e do Instituto de Investigación Hospital 12 de Outubro. Doutra banda, no proxecto PREDICTEAM abordarase o desenvolvemento de novos métodos de diagnóstico e medicina personalizada para a inmunoterapia do cancro. Hawks Biosystems lidera o consorcio no que, ademais do CiQUS e da compañía Celtarys Research, participan investigadores da Universidade de Navarra.
O CiQUS participa nunha ampla gama de proxectos de investigación en colaboración coa industria, incluíndo a compañías como IBM Research, Zendal ou Sapreme Technologies entre outras. Mención especial merece a alizanza que o centro mantén coa agrupación industrial rexional Bioga, onde o CiQUS colabora estreitamente con múltiples empresas do sector biotecnolóxico.